Abril de 2016
 
 

NÚMERO 311 - 18/04/2016

   CUTUDC / Novidades

  UNIVERSIDADES
 

Inspección no ámbito universitario na Comunidade Autónoma de Galicia

O DOG do Xoves, 7 de abril de 2016 publica o DECRETO 36/2016, do 23 de marzo, polo que se regula a inspección no ámbito universitario na Comunidade Autónoma de Galicia. “Este decreto xustifícase na necesidade de creación dun equipo de inspección universitario que contribúa a acadar un ensino universitario de calidade, respectando os principios de responsabilidade, eficacia e eficiencia nun esforzo conxunto de traballo entre a Administración e as universidades e todo iso en desenvolvemento do mandato legal.”

 

  • Noticias relacionadas

 

 Segundo se sinala no Decreto:

“Nos últimos anos, vénse apreciando na Comunidade Autónoma unha proliferación de institucións e centros que teñen cabida no concepto do Espazo Europeo de Educación Superior. Por iso, é necesario ter clara a distinción entre aquelas ensinanzas de educación superior de índole universitaria, por ser impartidas por universidades ou centros adscritos, respecto daqueloutras que, aínda sendo superiores, son impartidas por centros non universitarios. Debe incidirse, sobre todo, na publicidade que se poida facer delas, coa finalidade de que o alumnado potencial coñeza, con precisión, o tipo de formación que estea a cursar en cada momento.
 
Coa regulación do labor de inspección universitaria preténdese acadar o respecto dos dereitos e dos intereses do estudantado, así como das institucións que prestan un servizo regularizado e legal en favor dunha mellor oferta formativa, do progreso e do desenvolvemento da educación superior universitaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Ao mesmo tempo, preténdese combater a impartición de estudos universitarios sen contar coa preceptiva autorización ou a impartición de titulacións por institucións que carezan da debida autorización universitaria.
 
A inspección configúrase como un instrumento adecuado e relevante para verificar e controlar o cumprimento das obrigas impostas pola normativa aplicable. Tamén se prevé a posibilidade de asesorar e informar os inspeccionados coa finalidade de favorecer o correcto cumprimento dos seus deberes e mellorar calquera aspecto da súa actividade en beneficio das persoas usuarias.
 
Por outra banda, procúrase o establecemento dun marco de actuación no cal a función de inspección en materia universitaria actuará de acordo cos principios de legalidade, con obxectividade na constatación dos feitos, proporcionalidade na tipificación das irregularidades, de ser o caso, cometidas, e con eficacia na tramitación do procedemento.
 
Por último, a función inspectora regulada no presente decreto artéllase á marxe da que, segundo o principio de autonomía universitaria, lle corresponde ás universidades, sen prexuízo do labor de cooperación e colaboración entre os órganos de inspección autonómicos e universitarios, e poderase atender aos eventuais requirimentos para efectuar labores inspectoras concretas por parte dos órganos autonómicos con competencia en materia de inspección de universidades.”
 
Ver Decreto
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript