NÚMERO 311 - 18/04/2016
CUTUDC / Novidades
Adoitamos dicir que o peor da corrupción é este goteo de escándalos: hoxe o ministro Soria, onte Granada, mañá xa veremos. Angústianos que nos últimos anos non haxa unha semana sen pringue. Collan o calendario e comprobarano: nin en vacacións cesa esa pinga chinesa.
É tan
insoportable ese goteo? Déixenme que o dubide un
instante. Non será ao revés, que ese goteo é
precisamente o que fai soportable unha corrupción
monstruosa, permitíndonos dixerila en dose, e
separando uns casos doutros ata difuminar a
conexión entre eles? Non digo que sexa
intencionado, nin que o goteo non sexa vomitivo;
pero pregúntome que pasaría se no canto de por
entregas, tragásemonola de golpe, estalásenos toda
dunha vez.
Penso noutros espantos, cuxo goteo é o que nos
permite vivir con eles. Os desafiuzamentos, por
exemplo, unha realidade vergoñosa pero dosificada
ao longo dunha década. Un goteo incesante, pero
goteo ao fin. Imaxinemos que todos eses miles de
desafiuzamentos, no canto de repartirse en anos, se
producisen nun só día, todos á mesma hora: que hoxe
ás 12 do mediodía desafiuzasen a todas esas
familias de golpe. Comprobariamos a súa dimensión
catastrófica, arrepiariámonos ao ver algúns barrios
colapsados pola caravana de familias sacando as
súas pertenzas das casas, como nunha cidade
bombardeada. E o mesmo poderiamos pensar doutros
goteos cos que convivimos, como a violencia
machista, ou os afogados no Mediterráneo.
Pois igual coa corrupción, cuxo goteo parece unha
voadura controlada, a válvula da pota a presión que
solta bufidos para non rebentar. Imaxinemos que ese
goteo sen fin estalase o mesmo día, nunha soa mañá.
¡Boom! Imaxinen o carrusel xornalístico incapaz de
chegar a todos os lugares noticiosos, as
televisións conectando en directo con reporteiros á
porta de tantos concellos, consellerías, empresas
públicas, partidos, xulgados e prisións; todos os
corpos policiais mobilizados para tantos rexistros
e detencións; e centos de alcaldes, concelleiros,
deputados, directores xerais, tesoureiros,
comisionistas, intermediarios e por suposto
empresarios e banqueiros, entrando á vez en coches
policiais mentres unha man lles agacha a cabeza.
¡Boom! Afúndese o país.
Boten conta do
interminable regueiro de Gürtel, Púnica,
Bankia, Palau, ERE, Bárcenas, Pokemon,
Mercasevilla, Brugal, Noos, Pujol, Palma Arena,
Mercurio, Campión, Acuamed, ITV, Imelsa,
Cooperación, Fabra, Taula, por citar só os máis
coñecidos, cada un con decenas de implicados.
Súmenlles as interminables e xa esquecidas
corruptelas locais, desde o máis pequeno concello,
e non se esquezan do saqueo das caixas de aforro e
o moito que nos queda por saber dos anos felices da
burbulla.
Que todos estalasen á vez tería a súa lóxica: no
fondo, a maioría coincidiu no tempo e a miúdo no
espazo; unha simultaneidade que se nos despista
precisamente polo goteo ao longo de tantos anos.
Fagan un exercicio sinxelo. Se teñen paciencia,
collan un mapa de España, e vaian marcando cunha
chincheta cada caso, cada administración saqueada,
cada corrupto imputado. Cando teñan o mapa
tradeado, collan un carrete de fío negro e unan as
chinchetas segundo as relacións entre casos, pois
nunca son illados, adoitan compartir elementos: un
mesmo partido, un empresario, un comisionista.
O resultado sería unha tea de araña, unha madeixa
tupida que apenas deixa ver o mapa. Un país
enredado e enterrado na corrupción. Con vostedes,
España.
Zona Crítica
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript