NÚMERO 310 - 11/04/2016
CUTUDC / Novidades
O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, reunido no día de hoxe para facer unha valoración da recente Sentencia do Tribunal Supremo sobre Reganosa, acordou emitir o Comunicado que engadimos. Asemade acordou a celebración dunha Roda de Prensa, coa participación de Dona Patricia Gabeiras, Avogada do CCE, para analizar con detalle a situación actual e comunicar a posición do Comité tras esta Sentencia. A Roda de Prensa está convocada para o mércores, 13 de abril, ás 18 hs, no salón do Ateneo Ferrolán.
Reproducimos o
comunicado difundido polo
Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
Segunda sentencia en firme do
Supremo contra Reganosa. Un paso importante na
defensa da legalidade, a Ría e a vida das persoas
da súa contorna.
1º.- O Tribunal Supremo en sentencia firme, ven de
anular a Autorización Administrativa Previa
concedida pola Dirección de Política Enerxética e
Minas (Goberno Central) o 3 de xuño de 2002 para
planta de gas de Reganosa, por carecer do deseño
urbanístico axeitado.
Xa en maio de 2012 o Supremo, en sentencia firme,
anulaba a modificación do plan xeral que serviu de
base para concesión de construción da planta de gas
de Reganosa
2º Van transcorridos 12 anos dende que o Tribunal
Superior de Galicia determinara nunha primeira
sentencia (23-xuño-2004), a ilegalidade da planta
por carecer da Declaración de Impacto Ambiental..
3º Esta nova sentenza do Supremo amosa o asalto
á legalidade perpetrado polos promotores de
Reganosa para impor a relocalizacion da planta
de gas no interior da nosa Ria. Un proceso só
posible pola implicación tanto do Goberno Central
(Aznar), como da Xunta de Galicia(Fraga), lembramos
a inclusión da Xunta no acionariado de Reganosa, e
o convenio coas cláusulas de confidencialidade
asinado polo Grupo Tojeiro e o entón presidente
Fraga, en xullo do 2000, no que se recolle o
compromiso da Xunta coa súa localización, e a
resolución dos “problemas de viabilidade económica
ou administrativa” que tivese Reganosa.
A planta de gas que tiña prevista a súa construción
no Porto exterior, relocalizouse no interior da
Ria, soamente para favorecer unha operación
especulativa a prol do Grupo Tojeiro, que lle
reportou aproximadamente 30 millóns de euros.
4º Cumpre desmentir as afirmacións de Reganosa de
que a sentenza confirma que “en cuestións de
seguridade e medio ambiente” a compañía
procedeu correctamente. O que a actual sentenza di
exactamente é que “non cabe admitir o recurso
de casación respecto do manifestado na sentenza
que se recorre, do 12 novembro de 2012, ao non
achegar ningunha argumentación adicional”. Se
revisamos o contido da sentenza de 2012,
orixe deste recurso agora resolto, atopamos que a
sentenza só se apoia no informe da Consellería
de Industria de novembro de 2001 (socio da
propia Reganosa). Nel, lonxe de confirmar a
adecuación do proxecto á normativa en canto a
requisitos de seguridade, condiciona o cumprimento
presente, a futuros cumprimentos. A frase utilizada
é: “o emprazamento é adecuado a condición de que
durante a construción, posta en marcha e
explotación da mesma, se sigan as disposicións e
medidas correctoras que nos aspectos de seguridade
e impacto ambiental cada fase do proxecto esixa”.
Estes “cumprimentos condicionados ao futuro”
é factor común en case todos os informes
supostamente favorables, elaborados polas
administracións implicadas e que serviron para ir
sorteando obstáculos no procedemento de
autorización.
5º Tampouco di a verdade Reganosa cando afirma que
está sometida ao control da administración europea
en materia de seguridade, xa que as institucións
europeas limítanse a preguntar ao estado español se
a tramitación seguiu as canles previstas, pero
sen analizar o fondo de cada cuestión sobre os
incumprimentos que desde o Comité Cidadán vimos
denunciando desde o ano 2001, coas alegacións
ao proxecto básico.
5º A planta de gas de Reganosa, é
unha instalación perigosa, cunha
enerxía equivalente a 1800 Kilotons (equivalente a
120 bombas atómicas como a de Hirosima); localizada
a escasos 100m do núcleo urbano de Mehá; a 800m do
arsenal militar; a carón do complexo petroquímico
de Forestal; e, conxuntamente cos gaseiros cargados
con GNL que entran nunha Ria pechada, incumpre toda
a lexislación medioambiental e de seguridade
industrial, constituíndo unha ameaza para a vida da
poboación de Ferrolterra.
Ademais a Planta de gas de Reganosa é
deficitaria, pagámola os cidadans e cidadás, e
a maiores, é un factor da destrución medioambiental
da Ria, ao arrefriar e esterilizar un inxente
volume de auga de mar, que non estaba no proxecto
inicialmente aprobado.
Reganosa e a Xunta de Galicia empéñanse en
pretender presentar como algo útil unha planta
innecesaria. Para iso están a promover fornecer
gas natural á planta de Alcoa mediante máis de 800
camións cisterna anuais. O razoable sería promover
a construción dun gasoduto co que a calquera planta
de España o gasoduto do Magreb podería fornecer o
gas que necesitase no futuro, aumentando a garantía
da subministración, en lugar de convertelo en
cliente cautivo da planta de Mugardos. Ademais, a
solución proposta leva a incrementar o tráfico de
mercadorías perigosas por estrada (máis de 2,4
camións cisterna diarios) e o consecuente
deterioro.
6º A Planta de Reganosa é incompatíbel co medio da
nosa Ria. O Tribunal Supremo ven de sentenciar
tamén a ilegalidade da planta de gas asturiana do
Musel, polo incumprimento das distancias mínimas de
2000m aos núcleos de poboación, esixidas polo
RAMINP, sendo no caso de Reganosa esas distancias
aos núcleos de poboación máis pequenas.
7º Tendo en conta que esta sentenza anula a
autorización administración previa, que serviu de
fundamento para as autorizacións posteriores da
instalación, o razoable sería paralizar
inmediatamente a actividade e promover o seu
desmantelamento.
Lamentamos que a pesares das sentencias do Supremo,
continúe a actividade da planta de Reganosa, un
caso flagrante da corrupción político- financeira,
que só se explica pola implicación dos diferentes
gobernos da Xunta dende 1999. Todos estes feitos
nunca acadaron a consideración da fiscalia a pesar
das denuncias do Comité
O CCE esixe o cese da actividade desta instalación
e que se permita a entrada do gas a través de
gasoduto, tal como viña sucedendo antes de 2007.
Ferrolterra, a 5 de abril de 2016
Outras noticias relacionadas
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript