NÚMERO 310 - 11/04/2016
CUTUDC / Novidades
O 20 de maio do 1936, o xornal El Compostelano publicaba varias noticias sobre o Seminario de Estudos Galegos. Entre todas elas destacaba unha pola súa significación para a normalización da nosa lingua. Tratábase da presentación ante o Seminario dun libro de iniciación á astronomía titulado "Astronomía a ollo ceibe", o primeiro texto de divulgación científica en galego.<
Daquela
estábase comezando a entender a importancia e a
necesidade do emprego do galego en todo tipo de
ámbitos, e o autor do escrito, o párroco lalinense
D. Ramón Mª Aller Ulloa, enxergábase como un dos
precursores deste movemento normalizador. Porén,
dous meses despois, o golpe de estado frustraría
esta iniciativa. Nunca se acharía o volume
orixinal.
Habería que esperar ao ano 1948 para que, a
instancias doutro matemático, amigo e discípulo de
Aller, Enrique Vidal Abascal, se publicase, agora
en castelán, "Astronomía a simple vista". Ao
repasarmos as datas dos exemplos das observacións
desta edición (un observatorio solar caseiro no
1939, a elaboración dun mapa estelar deste mesmo
ano, unha estrela fugaz no 1931 ou a construción
dun observatorio por 0,5 pesetas no 1920)
todo nos fai pensar que este libro non é outro que
o que Aller ofrecera ao Seminario a década
anterior.
Neste contexto é de agradecer a iniciativa da
publicación do libro "Astronomía a ollo ceibe",
presentaba estes días coincidindo co 50 aniversario
do falecemento do astrónomo de Lalín. O proxecto,
coordinado polo director do observatorio da USC,
Ángel Docobo, foi sustentado pola Secretaría Xeral
de Política Lingüística (SXPL) e a Editorial da
USC. O traballo de tradución, eu máis ben diría que
de restauración, da publicación de 1948, realizouno
Celia Rozas, quen tivo a sensibilidade e o bo
criterio de recuperar o título orixinal do libro.
Como en moitas outras ocasións, puidemos comprobar
como nun campo de flores comezan a inzar os toxos.
Poñámonos a arrincalos antes de que a eira se poña
a monte.
Non vou ser eu quen lle explique aos responsables
da Consellería de Educación cando a palabra pobo é
un castelanismo, prefiro que
o fagan os alumnos dun instituto de Rianxo. Por
ser quen son os autores, o feito de que na
nota de prensa emitida pola Consellería se
cometa este erro é significativo. Denota un
desleixo imperdoable. Con todo, é o menor dos
agravios cometidos arredor dese acto.
Que unha Consellería de Educación ou unha SXPL,
que promulgan un decreto que prohibe o uso do
galego nas materias científicas, queiran retratarse
como facilitadoras da nova publicación do volume de
Aller é unha contradición nada menor. A utilidade
principal do libro está precisamente no seu uso nas
clases de física e matemáticas. Entón, cal é a
mensaxe que nos transmite a Administración? Que
debemos facer os profesores destas materias? Ir á
procura da versión publicada en plena ditadura? Se
lle facemos caso ao decreto 79/2010, a resposta a
esta última cuestión tería que ser afirmativa.
De sermos respectuosos coa memoria, a cerna da
presentación da edición en galego do libro de Aller
debería ter sido o que non foi: un acto de
desagravio no que, xunto con D. Ramón, se honrara a
todos os que coma el, estaban comprometidos nun
incipiente proceso de normalización esnaquizado
pola guerra, a ditadura e os seus epígonos. No
entanto, na nota de prensa oficial só se informa
que se trata dunha tradución do libro "Astronomía a
simple vista". Ao silenciárense as razóns que
levaron a que o libro orixinal, e en galego, non se
publicara, estase reescribindo a historia e
ocultando e adozando a férrea vocación aniquiladora
de todo o que arrecendera a galego levada a cabo
durante o franquismo (e non só).
O máis insoportable de todo é que aínda temos que
escoitar na voz do conselleiro de educación, Román
Rodríguez, as gabanzas a D. Ramón como "precursor
do uso do galego no eido científico". Non
podemos ver nesta estridencia outra cousa que as
mesmas razóns que sustentan o silencio ao que se
facía referencia no parágrafo anterior. Hai unha
cadea que engarza a censura do enorme dano á lingua
que supuxo a ditadura coa xustificación dunha
política lingüística, a actual, agresiva e redutora
co galego. Velaí onde reside o exacto sentido da
seguinte afirmación: o decreto de plurilingüismo é
unha lei de fondas raíces franquistas.
ProLingua
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript