Maio de 2010
 
 

24/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

As medidas de Zapatero

 

 

As medidas propostas polo Goberno Español vén a confirmar do lado de quen están os políticos que nos gobernan. Ao lado dos mais poderosos.

 


 

 

 

Coa crise produciuse a maior fraude da historia. Entregáronse aos banqueiros miles de millóns de euros pagados cos nosos impostos. Esta fraude monumental non só non conseguiu reactivar a economía senón que o devandito diñeiro foi utilizado pola banca para especular coa débeda pública orixinada.

Unha nefasta política fiscal que fai que os que mais teñen paguen menos e teñan todas as facilidades para evadir impostos.

Un modelo produtivo baseado na especulación financeira e inmobiliaria, a construción de infraestruturas faraónicas como portos exteriores á medida das empresas (o da Coruña fíxose para a refinería de Repsol que agora pide indemnización multimillonaria para deixar as instalacións no porto) o AVE e outras coma Cidade da Cultura de nula rendibilidade social, a fraude, a malversación de fondos públicos e a utilización partidista e persoal das administracións públicas.

Un modelo de diálogo social no Estado que asume sen pestanexar esas políticas e que se limita a interpretar o papel asignado a cada cual no teatro da mesa de diálogo social.

As medidas adoptadas supoñen un cambio cualitativo na estratexia.

Por primeira vez, decrétase a redución do salario para empregadas e empregados públicos para diminuír o déficit. É en realidade un novo imposto para traballadoras e traballadores do sector público. Non é tan importante a contía senón a porta que abre a futuros recortes na medida que as medidas adoptadas, dentro da súa estratexia, son insuficientes.

Conxélanse por decreto e por primeira vez as pensións; pensións cuxa media está en Galiza en 723,18 euros. Hoxe preto do 50% das persoas pensionistas están por debaixo do
nivel da pobreza relativa (subsistencia e relacións sociais normais).

Báixase por decreto de xeito indirecto as percepcións das prestacións sociais ao quitar a retroactividade das devanditas prestacións.

Imponse a CCAA e Concellos unha achega de 1.200 millóns de euros que serán detraídos do gasto sanitario, educativo e servizos sociais, peores servizos (menos medios, mais carga de traballo, 0 substitucións...).

Afóndase no des
investimento produtivo do sector público e abandónase a idea de que o sector público poida ser un axente determinante na recuperación económica.

Remátase co contrato de relevo, xunto coa anterior decisión abandónase a estratexia de creación de emprego como base da recuperación da demanda interna e a recuperación económica.

En definitiva faise pagar a crise a todas aquelas persoas dependentes do sector público igual que fai calquera empresa capitalista. As administracións públicas dan un paso adiante na mercantilización dos servizos e todo para favorecer a un elite económica empeñada en seguir sendo rica a custa dos demais.

Isto non fixo mais que empezar.


Para finais deste mes anúncianse a reforma laboral (abaratamento do despedimento, flexibilidade e retroactividade) e a reforma do Pacto de Toledo (aumento idade xubilación, incremento dos anos cálculo pensións).

Con estas medidas isto non fixo mais que empezar; as traballadoras e traballadores galegos imos pagar a escote os diñeiros que Zapatero estivo a entregar aos bancos e ímolo ter que seguir facendo ata que o déficit público que está no 11,2% do PIB baixe ao 3%. Ou a débeda pública que está ao 65% do PIB  se reduza.

Con estas medidas non chegan a cubrir nin unha pequena parte do déficit que acumularon.

Necesitamos con urxencia un cambio político e social.

Tras as propostas aprobadas queda meridianamente claro quen manda. En primeiro lugar os banqueiros e en segundo lugar un goberno e un estado que nos impón as súas maiorías para que en Galiza non levantemos cabeza. Alí tómanse as decisións e as institucións galegas, que xa foran a Madrid a reclamalas con anterioridade, executaranas rapidamente.

Estes son os logros da política de compadreo sindical cos gobernos. E a manifestación mais elocuente da submisión do goberno do estado aos intereses de quen especulan e defraudan a Facenda e da arrogancia para castigar as persoas mais débiles, traballadoras e traballadores, pensionistas e excluídos.

É a hora da mobilización:

Esiximos un cambio radical das políticas públicas para que a economía se poña ao servizo das persoas e non as persoas ao servizo do negocio duns poucos.

Esiximos ás administracións públicas galegas que non apliquen as devanditas medidas impostas e unilaterais e propoñan un plan real e efectivo de
investimento público, creación de emprego de calidade e desenvolvemento dos servizos públicos de calidade.

Esiximos un xiro de 180 graos na política fiscal, que se poñan os medios necesarios para aflorar a fraude fiscal (outro enlace)e para que todas as persoas paguemos equitativamente en función dos nosos ingresos.

Esiximos que se recupere o diñeiro regalado aos bancos e xunto co que novamente van recibir e crear un sistema financeiro público galego para investir na economía real, no desenvolvemento do tecido produtivo e a creación de emprego de calidade.

En definitiva, todo o contrario do que se está a facer. A nosa alternativa non pode ser outra que a mobilización.

Os gobernos demostraron con estas medidas que están dispostos a todo por salvar os seus amigos, os banqueiros. Non van parar esa estratexia senón os obrigamos a iso; se non ven perigar as súas poltronas.

Unha vez máis, afirmamos que, en conxunto, as medidas propostas ou executadas polo goberno de Madrid, pretenden facer pagar á clase traballadora e á maioría social do noso pobo os efectos da crise que só as empresas capitalistas e as políticas neoliberais xeraron. E unha vez máis dende a CUT dicimos que, en Galiza con máis razóns, debemos opoñernos contundentemente a estes atropelos.

Estas medidas deben ser rexeitadas polo noso pobo a través de mobilizacións e da convocatoria urxente dunha FOLGA XERAL. Emprazamos a, CCOO, UGT e CIG, a corrixir o camiño percorrido ata o momento e realizar a convocatoria conxunta, ou por separado, da devandita FOLGA NACIONAL. Emprazamos tamén, a todas as organizacións sindicais, sociais, feministas, ecoloxistas, veciñais, xuvenís, etc., a dar respostas conxuntas a estas novas agresións a través da resistencia e a mobilización.


Apoiamos a folga dos sectores públicos convocada para o día 8 de xuño, pola defensa dos servizos públicos, unhas condicións de traballo dignas para desenvolver servizos públicos de calidade, unhas políticas públicas en beneficio da maioría social e unha administración pública ao servizo da cidadanía.

Esiximos un cambio radical das políticas públicas e que aquí e agora e dunha vez por todas sexamos nós, traballadores e traballadoras, os que decidamos que modelo económico e de sociedade queremos construír en Galiza.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript