Colaboracións
Máis colaboracións, estádesvos a esmerar, seguir compartindo o voso pensamento.
Síntoo,
son funcionario
Sinto ser un cidadán que cre nos intereses
xerais e en que traballar para a Administración
é algo máis que ter un salario seguro. Sinto
moito crer que se os servizos públicos
funcionan é porque detrás deles hai moitas
persoas que se esforzan cada día.
Pero o que máis sinto é que, cando as cousas
veñen mal dadas, ser funcionario sexa un
estigma. Que case haxa que pedir perdón por
selo.
Sinto non ter podido contribuír ao
desenvolvemento da nosa economía empaquetando
produtos financeiros lixo que arruinaron
millóns de familias. Sento non traballar para
algunha das tres grandes empresas de
cualificación que outorgaban a súa máxima nota
a eses produtos lixo e agora se atreven -sen o
menor rubor- a cualificar as emisións de débeda
de España como un produto con dúbidas. Eles si
que contribuíron ao benestar.
Sinto non ser un especulador bolsista que pode
alterar a cotización dun valor para facer caixa
con rendibilidades escandalosas mentres envía
ao desemprego miles de persoas. Grazas a eles,
a economía foi un casino onde sempre perden
estes.
Sinceramente, sinto moito ter contribuído a que
a crise sexa o que é pola miña condición de
funcionario. A que os hospitais funcionen, a
que haxa policía nas rúas, bombeiros nos
incendios, mestres nas escolas públicas...
Pero xa conseguimos encarrilar a solución á
crise. Xa reducimos o soldo a eses funcionarios
parasitos que viven do conto, xa conxelamos as
pensións dos que cotizaron toda a súa vida para
ter unha vellez digna.
E, sobre todo, séntoo porque todo isto -tarde e
mal- o fixemos ao ditado dese ente chamado
mercados financeiros, que son os que provocaron
toda esta desorde.
Efectivamente, síntoo.
A propósito dos recortes... e a Igrexa
Sempre me sorprendeu que un Estado aconfesional
como é España achegue unha cantidade
impresionante de diñeiro á Igrexa, á parte do
que recada para o clero a través do IRPF (a
cruceciña na declaración da renda).
En concreto, segundo a disposición da Lei de
Presupostos do Estado para 2010 aparecida no
BOE de decembro 2009: "Durante o ano 2010 o
Estado entregará, mensualmente, á Igrexa
católica 13.266.216,12 euros".
Por suposto, esta cifra iríanos moi ben agora
para axudar a diminuír o déficit público. Pero,
aceptando -que remedio- que os cidadáns teñamos
que seguir mantendo o clero, gustaríame saber
se estas retribucións se verán afectadas por
unha rebaixa como a dos pensionistas,
funcionarios e nais, que a sufrirán de
inmediato.