24/05/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Dous días despois de o presidente Feijóo ofrecer á sociedade galega un pacto tramposo consistente en respectarmos o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, coma xa ProLingua denunciou nun anterior comunicado; dous días despois da masiva e ilusionada manifestación en defensa da lingua que tivo lugar en Compostela; dous días despois de o goberno amosar a súa agresividade por boca do vicepresidente Alfonso Rueda («los manifestantes salen a la calle para clamar por una dictadura que se basaba en que los políticos decidiesen en que lengua se tenían que expresar los ciudadanos»); dous días despois de todo isto, consúmase a agresión teimosamente preparada contra a lingua galega no ámbito educativo.
O presidente Núñez Feijóo vén de anunciar,
en rolda de prensa posterior ao consello da
Xunta celebrado hoxe, a aprobación do Decreto
para o plurilingüismo no ensino non
universitario. A agresión anunciada desde hai
meses, trasládase definitivamente ao DOG. De
nada valeron as rigorosas análises da
Real Academia Galega ou do
Consello da Cultura Galega. De nada valeu o
rexeitamento do Consello Escolar de Galicia ou
da Mesa do Consello Sectorial dos sindicatos do
ensino. De nada valeron as múltiples
declaracións das máis diversas organizacións da
sociedade galega. De nada valeron as clamorosas
manifestacións da cidadanía.
E de pouco valeu o
ditame do Consello Consultivo de Galicia,
que tamén
ProLingua debullou polo miúdo. Valeu
unicamente para que retirasen a consulta aos
pais en primaria e secundaria, dada a evidente
ilegalidade dunha medida así, imposible de
ocultar por máis tempo. Non é unha cuestión
menor, pois sabemos que aí baseaban os
negacionistas a falacia da «liberdade
lingüística». Mais do resto dos asisados
consellos do CCG, o goberno do PP decidiu non
facer caso. As ataduras cos sectores
antigalegos que operan na sociedade deben de
ser máis fortes que o clamor da cidadanía ou o
respecto á legalidade vixente.
Respecto do que xa sabiamos, tan só hai ese
cambio: a retirada da consulta ás familias no
ensino primario e secundario. O pasado 13 de
marzo, ProLingua analizou polo miúdo o proxecto
de decreto, desvelando as consecuencias que
terá a súa aplicación nos centros. Entre outras
cousas, diciamos alí que:
Tras tres décadas, este goberno abandona o
consenso político e social forxado arredor da
necesidade de acometer políticas de acción
positiva sobre o emprego do noso idioma no eido
educativo e noutros da vida social. Feito aínda
máis grave, cando con este anteproxecto non se
garante a competencia en galego de todo o
alumnado ao remate da Educación Secundaria
Obrigatoria. A partir de agora, o galego
quedará desprotexido e moi seriamente danado.
Como xa ocorre con outras medidas deste
goberno, esquécese por completo a situación
social das linguas na Galicia de hoxe e a
distinta historia de cada unha delas. Así, o
camiño que marcan o Estatuto de Autonomía, a
Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral
de Normalización da Lingua Galega queda
deturpado e baleiro de contido, malia as
invocacións ocas que se poden ler neste
proxecto de decreto. Nel están deseñadas as
liñas que conducirán á eliminación social de
espazos para o galego.
As medidas propostas reducen o espazo do
galego nas aulas e, sobre todo, afondan no
proceso de coutar a súa presenza social. Estas
medidas permiten albiscar o obxectivo
verdadeiro que subxace neste borrador, baixo
unha aparente equidistancia e reiteradas
apelacións ao «equilibrio»: a pretensión de
crear unha rede de ensino –a partir dun sector
dos centros privados e concertados– onde os
nenos poidan escolarizarse sen ter apenas
contacto co galego, que quedará reservado a
funcións secundarias e subordinadas.
A referencia á «liberdade de expresión do
alumnado» merece pasar á historia da falsidade
e da infamia, pois dá a entender que antes
existía unha opresión que só está na mente dos
negacionistas e, sobre todo, suporá na práctica
un cínico ataque ao traballo do profesorado na
aula. Será da responsabilidade dos promotores e
redactores a situación de desprezo á autoridade
do profesorado que esta medida carrexa.
Queremos, unha vez máis, informar á sociedade
galega que calquera apelación ao dereito
constitucional en relación coa liberdade de uso
das dúas linguas oficiais de Galicia, é unha
trampa e unha mentira. Unha sentenza do
Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, así
como outras do Tribunal Constitucional,
deixaron ben claro que nas aulas o alumnado que
se vexa requirido a usar a lingua na que se
imparte a materia non sofre ningunha merma de
dereito por se tratar dun acto escolar e que
atinxe á súa educación.
Hoxe estas palabras seguen a ter a mesma
actualidade. Á espera de que a lectura atenta
do decreto confirme os peores agoiros, desde
ProLingua denunciamos a que nos parece a peor
agresión contra a lingua galega desde o
franquismo, medida que evidencia a vontade de
desfacer os tímidos avances normalizadores do
período constitucional.
Como vén facendo desde a súa fundación,
ProLingua reitera as palabras do seu manifesto:
…declaramos como obxectivos irrenunciables
de ProLingua a totalidade dos contidos da
actual Lei de Normalización Lingüística de 1983
e o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega de 2004, que contaron, en ambos casos,
coa aprobación por unanimidade do Parlamento de
Galicia. Estamos nun Estado de dereito e como
cidadás e cidadáns esiximos que se cumpra de
xeito pleno a lexislación existente en materia
lingüística. Asemade esiximos que non se leve a
cabo ningunha medida lexislativa que supoña
perda de dereitos por parte das galegas e dos
galegos a usaren e coñeceren a lingua galega e
a facer dela o seu sinal de identidade galega.
Defenderemos, tamén nos Tribunais de Xustiza,
os dereitos que se nos queren coutar. Pois
cómpre oporse, por todos os medios ao noso
alcance, ao baleirado do Estatuto de Autonomía
e da Lei de Normalización Lingüística que o
goberno de Núñez Feijóo está a realizar desde a
súa toma de posesión.
ProLingua, 20 de maio do 2010
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript