NÚMERO 309 - 04/04/2016
CUTUDC / Novidades
Se eu fose autor dramático faría unha peza en tres lances ó xeito de Castelao. A do rianxeiro tiña dous lances e duraría só dez minutos, pero a miña non sabería dicir canto duraría.
LANCE PRIMEIRO
Érguese o pano. O escenario é a Sala do Consello de
Departamento de Filoloxía Española da Facultade de
Filosofia e Letras da Universidade de Oviedo na que
o venres 22 de xaneiro do 2016 se desenvolveu, a
partir das 11:30h, o acto público de defensa da
tese de doutoramento El gallego-asturiano desde los
trabajos de campo de Dámaso Alonso hasta la
actualidad, de Ramiro Javier Barcia López, profesor
de Lingua e Literatura Española nun instituto de
ensino medio de Xixón e profesor asociado do
Departamento de Filoloxía Española ovetense. A tese
estaba redactada en lingua castelá.
En calidade de presidente do tribunal, procedente
da Universidade de Santiago de Compostela (USC),
abro a sesión, en galego, para explicar o
desenvolvemento do acto. O doutorando pon un vídeo
cun fragmento dunha entrevista a Dámaso Alonso onde
o ilustre romanista madrileño, con raíces
familiares en Ribadeo e en Castropol, di ben claro
que nas dúas beiras do río Eo se fala a mesma
lingua, a galega; e logo, en castelán, explica a
metodoloxía e os resultados principais da súa tese
de doutoramento.
A seguir, o secretario do tribunal, profesor da
Universidade de Oviedo, en asturiano fai
consideracións sobre o traballo. O único vogal,
profesor da Universidade de Vigo, en galego fai
observacións á tese, pero antes manifesta que lle
gustaría que un traballo sobre o galego de Asturias
(oficialmente “gallego-asturiano” no Principado)
estivese redactada e se defendese en galego, á vez
que sinala que hai uns días en Vigo, no acto de
defensa dunha tese sobre teatro asturiano, o
doutorando empregou con naturalidade a lingua
asturiana. Na miña quenda de observacións e
críticas ó traballo, emprego de novo a lingua
galega.
Na réplica a cada membro do tribunal, o doutorando
xa non emprega o castelán, agora faino en galego de
Asturias; despois, na quenda de intervención dos
doutores presentes na sala, os dous codirectores
(de orixe leonesa un, de orixe galega o outro,
ambos profesores de Lingua Española da Universidade
de Oviedo) toman a palabra e fano en castelán; e a
seguir intervén, en galego, Carlos Varela Aenlle,
correspondente da RAG no Eo-Navia. E non habendo
máis doutores que queiran intervir, os presentes na
sala retíranse para que o tribunal delibere e logo
faga pública a cualificación da tese. Baixa o pano.
LANCE SEGUNDO
Érguese o pano. O escenario é a Sala de Profesorado
da Facultade de Xeografía e Historia da
Universidade de Santiago de Compostela na que o
venres 11 de marzo do 2016 se desenvolveu, a partir
das 11:00h, o acto público de defensa da tese de
doutoramento Francisco Asorey, escultor galego, de
Maribel Iglesias Baldonedo, profesora de Historia
nun instituto de ensino medio de Cambados. A tese
estaba redactada en lingua galega.
Non me foi posible asistir á apertura do acto nin á
exposición metodolóxica da doutoranda que, polo que
souben despois, empregou o castelán. Asistín
practicamente á longa intervención do secretario do
tribunal, profesor da USC, que a fixo en castelán.
Cando o vogal 1º, profesor da Universidade de Vigo,
comezou falando, tamén en castelán, e só dixo que
lle gustaría falar en galego, nese momento pensei
que era unha mágoa que non o fixese, porque, aínda
que non é galego, en conversas esporádicas que
tivemos sempre me falou na lingua propia de
Galicia; despois desa frase inicial, se a memoria
non me falla, veu a dicir que acordaran non usar o
galego por respecto a unha persoa do tribunal que
viña de fóra, á vez que engadiu que el participara
en actos de defensa de teses de doutoramento no
País Vasco e en Cataluña en que se empregaba o
éuscaro e o catalán.
O vogal 2º, profesor da Universidade da Coruña,
usou o castelán, como tamén o fixo a vogal 3ª,
profesora da Universidade de Salamanca pero natural
de Navarra, que manifestou que, aínda que a tese
estaba en galego, non tivera problemas para a
comprensión do traballo, lembro que dixo que nun
90% entendeu perfectamente. O presidente do
tribunal, profesor da USC, fechou a quenda de
observacións usando o castelán, que foi tamén a
lingua da doutoranda na súa nova intervención para
agradecer ou replicar as críticas que lle fixeran
os membros do tribunal; e a seguir, na quenda de
intervención dos doutores da sala o presidente
deulle a palabra ó director da tese, que tamén usou
o castelán.
Cando o presidente comezaba a rogar á xente da sala
que se retirase para o tribunal deliberar, levantei
a man porque, como doutor, tiña dereito a intervir
nese momento. Cando fun vendo que o acto de defensa
dunha tese de doutoramento redactada en galego se
desenvolvía integramente en castelán, fervíame a
mola, como diría un da Fonsagrada; e o que me pedía
o corpo era aproveitar a miña intervención cando
puidesen falar os doutores da sala para criticar a
ausencia no acto da lingua que a USC está
comprometida a potenciar e normalizar; e todo por
deferencia a unha persoa de fóra, que estou seguro
que non tería problema ningún en comprender o
esencial do que se dixese en galego e que
posiblemente non lle molestaría escoitar o galego.
Non o fixen por respecto á doutoranda, porque sei
da ansiedade e da tensión en que unha persoa se
encontra en actos así; e, sobre todo, porque coñezo
desde hai anos o seu inequívoco compromiso coa
lingua e coa cultura galegas e porque intuía que
algunha suxestión tiveran que lle facer previamente
para que usase o castelán.
Eu non coñecía a tese –si artigos da doutoranda
sobre o escultor–, polo que ningunha consideración
podía facer do contido e da metodoloxía; e máis
sendo alleo á disciplina da arte e despois de que
un tribunal de especialistas a xulgase moi
positivamente. Como cambadés de Fefiñáns, barrio
onde nacera Asorey e onde está o seu monumento coa
réplica en pedra de gra da súa coñecida obra
Naiciña e a igrexa en que Adela Leiro fixera unha
excelente (e posiblemente irrepetible) exposición
ós 25 anos da morte do escultor; e como alumno de
Ramón Otero Túñez –tan presente en varias das
intervencións desa mañá–, primeiro grande estudoso
de Asorey, a quen oín falar da súa obra había 45
anos na Facultade onde estabamos nese momento, eu
quería dicir algo sobre todo isto, e fíxeno, en
galego. E non habendo máis doutores que queiran
intervir, os presentes na sala retíranse para que o
tribunal delibere e logo faga pública a
cualificación da tese. Baixa o pano.
LANCE TERCEIRO
Érguese o pano. O escenario é o paraninfo da
Universidade de Santiago de Compostela na Facultade
de Xeografía e Historia o 29 de xaneiro do 1991.
Xosé Mª Lema Suárez, profesor de Historia nun
instituto de ensino medio da Estrada, defende o
traballo A arte relixiosa no arciprestado de
Soneira, que era a primeira tese de doutoramento da
Historia da Arte escrita en galego e que a Xunta
desa Facultade compostelá a distinguiría co Premio
Extraordinario de Doutoramento do curso 1990-91.
No acto o doutorando usa con naturalidade a lingua
propia de Galicia, como o fan o presidente e dous
membros do tribunal, todos profesores da USC (un
formaba parte do xurado da tese de Asorey), así
coma o director da tese na súa quenda. Unha vogal
da Universidade de Vigo non puidera chegar a
Compostela por inclemencias do tempo. Outro vogal,
profesor da Escola de Arquitectura da Universidade
da Coruña, que non era galego, posiblemente usou o
castelán.
A voluminosa tese, con importantes innovacións
metodolóxicas, tivo dúas edicións (decembro do 1993
e marzo do 1998), por suposto na lingua propia de
Galicia. No prólogo da 1ª edición, o seu director
José Manuel B. López Vázquez salientaba que polo
feito de ser a primeira tese de arte en galego, o
seu autor tivo “a tarefa extra de estudia-la
terminoloxía cientificamente adecuada, fuxindo de
solucións híbridas e facendo unha aportación
lingüística inapreciable, esquematizada en sinxelos
e claros debuxos, en concisas fichas, de xeito que
calquera traballo futuro, a realizar sobre arte en
galego, ten neste a súa fonte inexcusable”. O
director da tese de Xosé Mª Lema era o mesmo da de
Maribel Iglesias. Pasaron 25 anos e unhas semanas
entre un acto e outro, realizados na mesma
Universidade.
Baixa moi a modiño o pano, mentres se escoita a
Mini e Mero cantaren a primeira estrofa do poema
“Penélope”, do chairego Xosé María Díaz Castro:
Un paso adiante i outro atrás, Galiza,
i a tea dos teus sonos non se move.
A espranza nos teus ollos se esperguiza.
Aran os bois e chove.
Francisco Fernández Rei
(Membro da Cerna de ProLingua)
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript