NÚMERO 309 - 04/04/2016
CUTUDC / Novidades
A protesta láctea de hoxe en Santiago, á que asistiron arredor de 300 persoas, abre vías de esperanza para un sector que ata hai semanas estaba marcado pola división e pola frustración. De Santiago non saen solucións en firme, nin se podían esperar, pero si un consenso de todos en apostar pola unidade e por manter unha estratexia de loita sostida no tempo.
O primeiro
paso, acordado tras a protesta polos representantes
das organizacións agrarias, será o control das
cisternas de leite que entran de fóra.
A situación de dificultade pola que atravesa o
sector, con centos de explotacións cobrando o leite
a prezo de po, por baixo dos 20 céntimos, e con
granxas que están sen comprador a partir de mañá,
facía prever un forte respaldo á protesta de hoxe
en Santiago. Foron sen embargo non máis de 300
persoas as que se xuntaron ante a Consellería do
Medio Rural.
Entre os gandeiros, esa pasividade de boa parte das
explotacións é causa de frustración. Un produtor de
Curtis evidenciaba o feito de que das 17 granxas
que deixa Leche Río a partir de mañá na súa
comarca, ningunha estaba na concentración, a pesar
de que desde agora todas esas explotacións non
teñen outra vía que entregar o leite a baixos
prezos.
Outro de Muxía sinalaba a mesma situación: “Hai
veciños que din que non se consegue nada, pero
cando conseguimos as axudas foron os primeiros en
cobralas”.
Asemblea
Xa na asemblea final, micrófono en man, houbo
gandeiros que apelaron á necesidade de ir sumando
máis forzas: “Non lle botemos a culpa a Feijoo da
nosa situación. A culpa é dos 9.000 gandeiros que
están na casa. Organicémonos e traballemos para que
nos paguen máis polo leite” -propuxo un produtor.-
“Estivemos en Carrefour durmindo 15 días no tractor
e veu o presidente de Carrefour, veu o de Lactalis
e repercutiu no prezo do leite. Que fosen 400 ou
500 euros, pero eran nosos”, suliñou.
Desde as organizacións agrarias apóstase tamén pola
organización. “Se a xente ve que hai consenso e
unión, moverase”, pronosticou a responsable de
leite do Sindicato Labrego, Lupe Prado, que rota
pola emoción lembrou que hai persoas que non
estiveron na concentración porque levan noites sen
durmir pensando nos problemas que se lles veñen
enriba.
Propostas
Á hora de analizar as accións a adoptar, houbo
propostas en firme para iniciar cortes de estradas
cos que facer visible o problema gandeiro, se ben
ante a falta de consenso, pospúxose a decisión a
unha reunión dos representantes do sector.
Rematouse entón a concentración e comezou unha
reunión entre representantes de todas as
organizacións convocantes.
Da xuntanza concluiuse unha primeira acción a
realizar xa nos próximos días, o control das
cisternas de leite que entran de fóra para as
industrias galegas, segundo informa Óscar Pose,
representante de Unións Agrarias na Plataforma. Os
gandeiros non entenden como pode quedar leite sen
recoller en Galicia ou pagado a prezos de leite en
po en tanto se segue importando leite líquido para
a súa transformación na comunidade.
Para os próximos días, iniciarase o control de
cisternas como primeira acción. O sector é
consciente de que na primavera, unha vez iniciados
os traballos estacionais no campo, serán difíciles
grandes mobilizacións, pero márcase o reto de
continuar a loita cunha estratexia de pequenas
accións. “Se non facemos algo, esto vaise”,
advirten os gandeiros.
Transformación
De cara ó futuro, Roberto López, de Agromuralla,
que interviu na asemblea da concentración, apostou
por buscar a implicación dos gandeiros en proxectos
de transformación. “Defendamos o noso. Se temos as
mellores vacas, as mellores máquinas, o mellor
leite, non podemos esperar a que veña unha cisterna
e nolo paguen a como queiran. Esto tense que
cambiar”, defendió.
“Organicémonos. Comecemos as traballar por nós. Cal
é o problema de que ese leite intentemos
transformalo?. Hai xente que me di que iso é unha
utopía. Claro, é mellor que nolo paquen a 17
céntimos ou que nolo deixen de levar”, ironiza.
“Como non arriesguemos o noso capital en darlle ó
produto para diante, todo vai seguir igual”,
concluiu.
A mobilización de Santiago foi a primeira protesta
unitaria do sector desde o pasado verán, con
participación de todas as organizacións da
Plataforma en Defensa do Sector Lácteo (Agaca,
Fruga, OPL, Oruga, Sindicato Labrego, Unións
Agrarias) e de Agromuralla.
Manifesto
O manifesto da concentración foi lido por Manuel
Iglesias Turnes, un escritor de novelas de temática
rural e que traballa no sector da xenética vacuna
desde hai décadas. “Cando unha granxa morre, morre
para sempre” -lembrou- “Con ela morre tamén un
anaco da súa aldea e un anaco do país”.
Campo Galego
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript