NÚMERO 309 - 04/04/2016
CUTUDC / Novidades
AGAMME (Asociación Galega contra o Maltrato a Menores) condena a actuación dun xulgado de primeira instancia de Cartagena que entregou a custodia dunha nena de catro anos a seu pai, contra o que permanece aberto un procedemento por abusos sexuais cara á pequena.
O xulgado
actuou con urxencia na retirada da custodia á nai
da nena, facendo referencia a un suposto trastorno
de personalidade. Ao respecto, AGAMME quere deixar
constancia da irregular actuación do xulgado, pois
ningunha avaliación de saúde mental concluíu que a
muller padeza trastorno algún e no procedemento non
participou ningún profesional de saúde mental.
AGAMME destaca a gravidade da decisión xudicial,
contradicindo o indicado polo xulgado de instrución
respecto á necesidade de protexer a indemnidade
sexual da nena. Non só non se protexeu á pequena
senón que foi entregada baixo o coidado único do
seu presunto agresor.
Obsérvase no comportamento do xulgado, así como
dos-as profesionais que informaron no procedemento,
un posible sesgo xenófobo ao pretender aplicar o
concepto ideolóxico e non científico da suposta
síndrome de Ulises, dada a procedencia peruana da
nai da nena.
AGAMME denuncia que esta forma de operar do sistema
xudicial ante os abusos incestuosos cometidos por
proxenitores non é unha excepción, senón máis ben
un patrón. Este é un caso máis no cal a aplicación
da terapia da ameaza (como parte da suposta
síndrome de alienación parental, sap) empurrou ao
sistema a producir sobre a xa danada vítima unha
ferida engadida, a da vitimización institucional.
AGAMME solicita a participación de todos os
organismos públicos competentes e as organizacións
de dereitos de infancia e de dereitos da muller a
promover a redacción dunha declaración
institucional como punto de partida para a
erradicación desta práctica e permitir o acceso
efectivo á xustiza ás vítimas de abusos incestuosos
a mans dos seus proxenitores.
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores
(AGAMME)
agammeferrol@gmail.com
http://www.agamme.org/
https://www.facebook.com/Agamme.org
Foto: sede dos xulgados de Cartagena (Murcia).
Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
28 de março de 2016 16:08
Recollido de Ártabra 21
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript