NÚMERO 308 - 28/03/2016
CUTUDC / Novidades
A Plataforma convoca unha concentración o xoves 31 de marzo en Santiago ante a sede da Consellería do Medio Rural. Prevé continuar coas mobilizacións en demanda de estabilidade para as granxas.
Os aumentos estacionais
da produción de leite na primavera non fixeron máis
que agravar as dificultades que xa estaban a pasar
as granxas. O sector teme que a situación empeore a
partir do 1 de abril, cando comeza a nova campaña
láctea, polo que ante ese escenario, a Plataforma
en Defensa do Sector Lácteo acordou convocar unha
concentración para o xoves 31 de marzo en Santiago.
A protesta, que se fará diante da Consellería do
Medio Rural, busca demandar garantías de recollida
de todo o leite a prezos de mercado. O principal
problema do sector céntrase en que as industrias
non teñen capacidade para comercializar toda a
produción, o que obriga a desviar parte da mesma
para leite en po.
Os propios datos da Administración cifraban en 400
granxas as que a comezos de marzo estaban vendendo
toda a súa produción para leite en po, un destino
que se traduce en pagos no campo inferiores ós 20
céntimos por litro. Outra parte das explotacións
tamén están a vender parte da súa produción a eses
prezos.
O sector quere garantías de recollida para todo o
leite a prezos de mercado. Non se trata só de que
non quede leite no campo sen recoller, pois a
prezos de leite en po a maioría tería saída, senón
de que se busquen fórmulas para evitar ese
escenario no que centos de granxas estean
entregando o leite a prezos de ruina.
Apoios
A convocatoria de mobilizacións acordouse na tarde
de hoxe luns nunha reunión da Plataforma que contou
coa asistencia de Unións Agrarias, Sindicato
Labrego, Federación Rural Galega (Fruga),
Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias
(Agaca), Oruga (Organización Rural Galega) e
gandeiros en representación de diversas comarcas.
Non asistiron á reunión de hoxe da Plataforma nin
Agromuralla, que si estivo na reunión anterior, nin
a Organización de Productores de Leche (OPL), se
ben a Plataforma contactará con ambas organizacións
para valorar o seu posible apoio ás mobilizacións
acordadas hoxe.
O sector decidirá o propio 31 o rumbo que teñen que
tomar as protestas
A decisión da Plataforma de retomar as
mobilizacións adoptouse tras as asembleas comarcais
celebradas nas últimas dúas semanas tanto por parte
da Plataforma como por parte das organizacións que
a integran.
Próximas accións
Nas asembleas, constatouse o forte malestar dos
gandeiros polas dificultades que atravesa o sector,
aínda que está por ver se ese descontento se plasma
nas mobilizacións. Na propia concentración de
Santiago valorarase a continuidade das protestas e
as accións concretas a emprender.
http://www.campogalego.com/
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript