NÚMERO 308 - 28/03/2016
CUTUDC / Novidades
Cada vez que se produce un acto de barbarie terrorista, sabemos que á imaxe da morte, destrución e sufrimento, seguirá un aparato atafegante que precisa análise e denuncia. Dóenos, sen necesidade de axudas políticas e mediáticas que o incrementen.
Imaxinen que
se espertan e para tomar o almorzo conectan cun
sedante documental da 2 de título “Brasil:
Paraíso Natural”. Amencidos, tras un novo día de
terror e cinismo absolutamente demoledor,
desactivador. Sen son, as imaxes mostran auga
serena, bosques, animais no seu hábitat. Ao subir o
volume unha voz di: “Como todas as cousas boas, ten
que acabar”. Como? A frase, contida nun guión
empeñado en resaltar todo o mal que puido atopar na
beleza, cae como a sentenza definitiva. Aínda que
actúa de revulsivo, de reactivo.
Estamos a vivir momentos que, pola brutalidade dos
atentados, escorrentan a crítica. Pero calar non é
senón seguir, in crescendo, a senda repetida. Cada
vez que se produce un acto de barbarie terrorista,
sabemos que á imaxe da morte, destrución e
sufrimento, seguirá un aparato atafegante de
presións que precisa análises e denuncia. Dóenos,
sen necesidade de axudas políticas e mediáticas que
o incrementen. Sempre o mesmo cinismo, a mesma
semente de medo e exacerbación das paixóns, a mesma
utilización da traxedia. Os únicos que son novos
sucesivamente son os mortos, as familias rotas.
Por suposto que son necesarios información, control
e máis eficacia. Enloitadas conciencias, falan en
cambio de guerra e solucións militares,
desatendendo datos clamorosos. Bombardéase a
cidade de Bruxelas de onde eran esta vez os
presuntos terroristas? Para que? Para seguir co
próspero negocio? Europa vende armas a Arabia
Saudita e outros países partidarios de fanatizar o
Islam, en cifras récord. A Francia de Hollande ata
se permite condecorar ao herdeiro da dinastía coa
Lexión de Honra recentemente executados máis de 70
opositores. España sen ir máis lonxe tamén lles
vendeu armamento como nunca. Juncker, presidente da
Comisión, é dos poucos que fala de control “da
venda de armas”, como un máis dos seus plans contra
o terrorismo. Quéixase de que os gobernos e os
lobbies non fan caso. Significativa actitude.
Non se pode tolerar máis esa dobre moral sen tentar
polo menos desenmascarala. Menos minutos de
silencio, e máis atallar as causas.
Nin é honesta a promoción do medo e as asociacións
mal intencionadas que terminan vertendo culpas a
quen non as ten.
O 87% dos atentados yihadistas desde o ano
2000 foron en países de maioría musulmá, como
publicaba eldiario.es. Case 9 de cada 10 atentados.
Máis de 72.000 persoas foron asasinadas, unha
brutal irracionalidade. Pero delas, 63.000
sucumbiron en países onde o Islam é a relixión
maioritaria. Sentir máis dor pola proximidade da
vítima é humano pero absolutamente inxusto por
comparación. Non valen máis uns mortos que outros.
Impúdicas as bágoas e condolencias desa UE que
asina sen pestanexar graves violacións dos Dereitos
Humanos. E coa única finalidade de manter o triunfo
da cobiza duns poucos e o seu “estilo de vida”.
Porque é imposible que non calculen o que as súas
políticas desencadean. Pensen se o noso estilo de
vida é o dos sensatos políticos que fan
declaracións ou o que
ve suicidarse a un home ao que ían a desahuciar
do seu domicilio. O que atopou a unha muller que
levaba morta na súa casa dous anos e medio nun pobo
de Madrid. Ou o que converteu Europa en fronteira,
sen humanidade, cunha crueldade que ata esforzadas
organizacións non gobernamentais ven incapaces de
asumir. Hai diferenza de estilos “de vida”.
Claro que o terrorismo produce medo, medo visceral
pola sorpresa e a indiscriminación coa que se
produce. Polo inapelable e irreversible das súas
consecuencias. Pero hai que contar con todos os
datos do contexto e todos os factores para saber
onde buscar solucións. O autoritarismo, a
ultradereita e neofascismos, a irracionalidad nunca
o foron. Miren ao seu ao redor, miren a Iraq e as
súas falsas armas de destrución masiva, á
polvoreira de Oriente Medio e reflexionen de que
serviron esas tácticas. Diríase que unicamente para
dar votos e poder aos mesmos.
Alerta máxima pois á utilización en proveito
partidista dese complexo paquete de medos e
mentiras. Mediten sobre a ideoloxía, fortaleza e
seguridade dos gobernos en cuxos países se viñeron
producindo os peores atentados terroristas. Se hai
denominadores comúns ou non. E, de habelos, cales
son.
Os atentados, cada vez máis frecuentes, cáennos
encima a toda a sociedade como un manto de chumbo
que inmobiliza por todos estes factores. Pola suma
de presións que nos vemos incapaces de afrontar
coas forzas propias, debilitados polo desgusto e o
temor que suscitan os atentados. É para pechar a
porta e marcharse. A unha praia perdida onde non
habite ningún dos causantes desta infernal deriva.
Ningún. Nin o fanatismo terrorista, nin os
compunxidos políticos e outras especies que ata
pasan lista de golpes no peito. Son declaracións,
horas de programación exhaustiva repetindo a
historia e con escasas claves. Unha Semana Santa
rediviva en angustias e culpas. Parecen cominarnos
aceptar que non hai outra escapatoria que o seu
sistema de vida cos seus danos colaterais:
desigualdade, mentira e barbarie. Pose, formas, sen
ir ao fondo que trate de poñer freo a esta
tolemia. Ata un documental completamente alleo
sobre a selva amazónica remacha: “Como todas as
cousas boas, ten que acabar”. Que máis quixesen.
Millóns de persoas, de todas as razas teñen, temos,
un caudal inmenso de humanidade e bo corazón que
non se acaban, e que non merece a brutalidade
terrorista, pero tampouco tanta ignominia,
manipulación e chantaxe. Imposible de arrebatar,
sexa cal sexa o noso destino.
Artigo
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript