Marzo de 2016
 
 

NÚMERO 306 - 14/03/2016

   CUTUDC / Novidades

  #15M MADRID
 

Suicidios e crise económica

Unha investigación do grupo Macrosalúde da UDC vincula a recesión económica e o incremento do desemprego co aumento dos suicidios e aposta por políticas sociais que os preveñan e detecten factores socioeconómicos de risco.

 

  • Noticias relacionadas

 

“O incremento de suicidios é a punta do iceberg dun nivel de sufrimento moi elevado na sociedade”. O pasado 2014 o Movemento Galego dá Saúde Mental advertía da importancia de que, en plena crise, as autoridades sanitarias prioricen a atención ás enfermidades mentais e aos trastornos que, impulsados polos problemas económicos, podían derivar en suicidio. Estes profesionais incorporábanse así á controversia con respecto ao tratamento do suicidio e sobre a conveniencia de abordalo ou non publicamente, sobre todo ligado á economía. Este debate terá desde agora un elemento máis de xuízo en clave científica, un estudo no que investigadores da Universidade da Coruña conclúen a existencia de vínculos “moi significativos” entre a crise e o aumento dos suicidios.
 
A prestixiosa revista científica The European Journal of Health Economics publicará proximamente o artigo Crise, suicide and productivity losses in Spain, un estudo no que os investigadores Berta Rivera, Bruno Casal e Luís Currais, membros do grupo de investigación Macrosaúde da Facultade de Economía e Empresa da UDC, atopan vínculos entre indicadores da economía española e os incrementos nas taxas de suicidios. Os autores estiman, ademais, o impacto na produtividade que estes falecementos “prematuros” tiveron no conxunto da sociedade española.
 
No marco dun proxecto no que participan varias universidades, os profesores da UDC explican que nos anos 2012 e 2013 a primeira causa de morte entre a poboación de entre 15 e 44 anos foi o suicidio, situándose mesmo “por encima dos accidentes de tráfico”. Ata chegar ao dato de 2013, con 8,2 “falecidos por cada 100.000 habitantes”, sinalan, produciuse unha “evolución nesta causa de morte” que “mostra aumentos sostidos desde o ano 2007 entre a poboación de maior produtividade laboral”. Xusto desde ese ano, considerado como o do inicio da crise, “en España rexístrase unha caída significativa na actividade económica, coa implicación que isto ten para o mercado de traballo”, isto é, de aumento disparado do paro.
 
As cifras e as repercusións sociais e económicas
 
Partindo desta base, os investigadores empregaron na súa análise un panel de datos das 17 Comunidades Autónomas con variables como o crecemento do PIB per cápita, o paro ou o desemprego de longa duración, todos estes entre os anos 2002 e 2013. Estes datos, xunto a outras “variables que a literatura científica” considera como “precursoras do suicidio ou protectoras fronte a el”, como esperanza de vida, idade media, fertilidade, sexo ou clima, foron valoradas para realizar dúas estimacións: unha para a poboación xeral e outra para a poboación en idade laboral. E os “principais resultados vinculan de forma moi significativa suicidios e variables do ciclo económico”.
 
Así, entre a poboación xeral, “un aumento na taxa de desemprego do 1% relaciónase cun aumento en 0,029 suicidios por cada 100.000 habitantes”, incremento que chegaría a 0,032 “se consideramos desemprego de moi longa duración”. Restrinxindo a análise á poboación en idade laboral, os valores chegan a un aumento de 0,042 suicidios “para a taxa de desemprego xeral” e 0,027 para a taxa de desemprego de moi longo prazo. Pola contra, detallan, “un aumento do 1% na taxa de crecemento do PIB xera unha redución de 0,08 suicidios por cada 100.000 habitantes”.
 
Máis aló das evidentes consecuencias sociais e persoais, din os investigadores, a desatención a este problema tamén trae consigo consecuencias puramente económicas. No ano 2013, calculan, “perdéronse por esta causa de morte un total de 38.038 anos potenciais de vida laboral”. Tendo en conta as características do mercado laboral español, especifican, “isto tradúcese nunha perda de 566 millóns de euros”.
 
Con estes datos na man, os autores do estudo ven acreditada a “importancia” da “perda de capital humano por esta causa de morte en épocas de crises económicas”, polo que, como os profesionais da saúde, cren “necesario contar con políticas sociais focalizadas nos grupos de persoas máis vulnerables”, isto é, nas persoas en situación de desemprego, “así como programas de prevención do suicidio”. Sería necesario tamén “adestrar” aos profesionais sanitarios “na identificación do problema nos seus estadios máis iniciais, sobre todo na Atención Primaria”, e o investimento en servizos “sociais para persoas en situacións vulnerables”.
 
Texto: David Lombao - O paro mata. Foto: OLMO CALVO

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript