NÚMERO 306 - 14/03/2016
CUTUDC / Novidades
Nos últimos anos, moitas persoas padecemos sancións (ou estamos na lista de espera) cando, en defensa dos nosos dereitos básicos (sanidade, educación, vivenda, liberdade de expresión, de concentración, de folga, de manifestación e pola dignidade humana) e forzadas por unhas circunstancias das que somos vítimas, sufrimos nas nosas carnes a rigorosidade das leis vixentes e a desproporcionada actuación dos corpos de seguridade do Estado.
O 15M, a PAH,
as folgas, as mareas e a cidadanía en xeral
dirixiron as súas protestas contra as carencias que
todas as persoas padecemos e contra o sistema que
as causa. Ante estas protestas "radicais" o poder
respondeu coa represión social e política:
represión das persoas desposuídas e excluídas, e
represión daquelas que protestan.
Desde finais dos anos 80, a lexislación (lei
Corcuera, leis de estranxeiría, reformas laborais,
etc.) foi restrinxindo os dereitos fundamentais até
chegar ás últimas reformas (lei mordaza, reforma do
código penal, lei de seguridade privada) que
debuxan un panorama no que as liberdades e o
dereito á protesta quedaron gravemente lesionados.
Sabemos que coa aplicación das súas leis, os de
arriba protexen o roubo dos bens comúns e o
xenocidio dos pobos. Mátannos... e cando o pobo
responde reprímeno; queren que morramos en
silencio.
A maioría das represaliadas durante estes anos, e
sobre todo desde o ano 2007, son (somos) persoas
que desexamos unha vida digna. Somos obreiras,
estudantes, amas de casa, pensionistas,
traballadoras, que tan só pedimos o que é noso: os
medios para poder vivir unha vida digna como
corresponde ao ser humano que somos. Medios existen
en abundancia, pero sonnos negados á maioría por
leis que lexitiman o espolio por parte duns poucos.
Unha solución excepcional para unha situación
crítica
Non pedimos que nos perdoen por termos arriscado os
nosos soldos e postos de traballo, a nosa
seguridade e integridade física perante o que
estamos a sufrir. Non pedimos nin clemencia nin
indultos, reclamamos e esiximos xustiza social.
Por iso, lanzamos este chamamento para esixir unha
AMNISTÍA SOCIAL:
- Para que cesen as represalias contra as persoas,
polo só feito de pedir o fin dos desafiuzamentos,
buscar comida no lixo, e un longo etcétera de
despropósitos que avergoñan a calquera persoa cun
mínimo de dignidade.
- Para que SE DERROGUEN DE FORMA INMEDIATA todas as
LEIS REPRESORAS e sobre todo das últimas lexisladas
(Lei 1/2015 Reforma do Código penal, Lei de
Seguridade Cidadá, Lei de Seguridade Privada,
Reforma da Lei de Enxuizamento criminal, Lei
orgánica 2/2015 Reforma do Código penal en materia
de terrorismo,...).
En concreto, a AMNISTÍA SOCIAL supón:
- A supresión de todas as causas abertas nos
xulgados, derivadas de accións de protesta contra
as políticas de recortes de dereitos laborais e
sociais.
- A anulación de todos os procesos e expedientes
sancionadores, derivados da intervención dos
gobernos, en contra de manifestacións en defensa de
dereitos democráticos recoñecidos.
- A liberdade para todas as persoas que
desobedeceron as normas ante a situación creada
polo actual modelo económico e político.
- A eliminación efectiva de todo cargo delituoso
para quen se enfrontou ás intervencións da policía
(en desafiuzamentos, folgas xerais e loitas
sectoriais ou individuais). Liberdade inmediata
para todas as persoas presas por estas causas.
- A desaparición de toda ficha policial ou
antecedentes penais arquivados, que se deriven das
xustas protestas sociais levadas a cabo, como
consecuencia da crise económica.
- A reparación ás persoas máis afectadas pola
represión (danos físicos ou secuelas doutro tipo) e
esixencia de responsabilidade a quen ordenou
intervencións desmedidas, arbitrarias ou de abuso
de poder das forzas de seguridade do estado.
- A restauración de todos os dereitos perdidos e
cumprimento íntegro de todos os Dereitos Humanos,
en especial no caso da infancia e das persoas
migrantes. Derrogación da Lei do menor e da Lei de
Estranxeiría. Peche dos CIEs, así como o respecto
do dereito para decidir.
- A derrogación das ordenanzas que restrinxen o uso
do espazo público como lugar de encontro e
reivindicación. Tamén aquelas que afectan a persoas
"sen fogar" e que viven na rúa, así como aquelas
que incumben ás que exercen a prostitución. Non
podemos permitir a criminalización de persoas que
usan a rúa para buscarse a vida.
- A derrogación das leis que facilitan a
cooperación da policía con empresas de seguridade
privada; leis que permiten o intercambio dos nosos
datos, obtidos baixo unhas actuacións policiais
abusivas.
- A erradicación das prácticas policiais abusivas:
listas negras, montaxes policiais, torturas, etc.
- Acabar co uso xeneralizado do termo “terrorismo”
por parte do aparello lexislativo, político,
policial e xudicial. Eliminar o tipo penal por
terrorismo aos delitos ideolóxicos que teñen máis
que ver coa maneira de pensar que con perigos reais
para a poboación.
- Supresión de réxime de incomunicación, máis
coñecido como FIES.
- See more at:
http://odscoia.arkipelagos.net/amnist%C3%ADa-social-xa-derogaci%C3%B3n-das-leis-mordaza#sthash.rKedIjar.dpuf
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript