NÚMERO 306 - 14/03/2016
CUTUDC / Novidades
Oito de marzo é a soberanía das mulleres, das súas mans que estimulan o clítore e pintan de feminismo as paredes. Oito de marzo, Klara Zetkin e Rosa Luxemburg. As mulleres de Encrobas. As folgas das obreiras estadounidenses en 1908. Kobane e as guerrilleiras curdas. O levantamento das 20.000. Oito de marzo é o traballo que nos impoñen e non nos remuneran: cada fillo que parimos, sopa que facemos, as veces que pasamos a aspiradora na casa. As herbas que arrancamos, o purín sobre o campo, os animais que cuidamos.
Haberá quen
queira dicirnos como parir e cando, se debemos
coidar a outras persoas antes que a nós mesmas, que
nos quitan as sementes, que nos incrustan
pesticidas que matan a nosa terra... Nós somos
mulleres traballadoras e imos expropiarlle o poder
a aqueles que controlan, a través dos medios de
produción, a lexislación ou a moralidade, a nosa
forma de contribuír a que o mundo siga xirando.
Dese desexo de expropiarllo todo ao patriarcado e o
capital nace a actitude de manterse en pé. Unha
compañeira dixo unha vez: “Moita xente dicía que
Galiza ía ser un sitio fodido para unha trans, por
iso moitos e moitas transexuais van a cidades
grandes, pero non deixa de ser un exilio. Fodido
será, pero é unha aposta. Cando estás comprometida
co pobo, o idioma, coa cultura, marchar non é unha
opción”. Laura Bugalho ficou em Galiza e loitou por
un pobo dende o sindicalismo e o feminismo. Ese
combate obrígaa agora a enfrontarse a un proceso
xudicial que pretende represaliala por loitar
contra as mafias que explotan ás migrantes. Nese
xuízo seremos todas xulgadas. Unha represión que
procura calar a unha muller que se ergue bate en
cada unha de nós.
A forma na que te colocas no mundo indica o que
queres transformar del. Estamos de pé, con
dermatite nas mans e vendo como a empresa nos
obriga a usar produtos tóxicos. Sentadas, coa
precarización ao lombo e facendo contas para chegar
a fin de mes despois de que o goberno roubase ao
pobo a lei de dependencia. Sentimos no noso embigo
as ganas de desaparecer cando nos negan un aborto
por obxección de conciencia. Dedicámonos frases
empoderadoras cada vez que entramos nunha asemblea
de empresa con efervescencia de testosterona. Temos
rabia no sangue cando procuran deshumanizar,
dividir e criminalizar ás mulleres pobres por levar
roupas que cualifican de 'choni', 'puta', ou
'tirada'. Sentimos sobre nós un traballo
reprodutivo forzoso sen ningún tipo de
remuneración. Escoitamos silencio onde debería
estar a xenealoxía das mulleres obreiras. Entre a
ira e mais a tristeza, vemos o pouco valor da vida
das mulleres, das exiliadas que foxen e das
guerrilleiras que loitan por botar o fascismo fóra.
Queremos romper o mundo para construír un novo
dende o feminismo que emana das oprimidas. O
feminismo será de clase ou non será.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript