NÚMERO 306 - 14/03/2016
CUTUDC / Novidades
O 10 de marzo quedou marcado como o día da clase obreira galega a sangue e fogo. Un día de novas tráxicas e de memoria. Nesa data de 1972 Amador Rei e Daniel Niebla eran baleados polos grises nunha grande mobilización ás portas de Bazán para respostar aos despedimentos executados pola Dirección en represalia á loita por un propio convenio. "Erguéstesvos cedo aquel día / o costume do traballo / mañá cediño pra facernos coa vosa morte", dixo deles o poeta Uxío Novoneyra.
Daquela, aínda
que poida hoxe resultar sorprendente, era CCOO o
motor de toda aquela loita social. Pero sobre todo
tamén nese 1972, á calor das batallas obreiras en
Vigo e en Ferrol principalmente, organizábanse os
primeiros agromos do sindicalismo nacionalista e de
clase, que deu lugar no tempo a centrais como a CIG
ou a CUT. Todas esas loitas obreiras de 1972, e
tamén os momentos máis dramáticos, están inscritos
no noso ADN.
A memoria tamén ten as súas trampas. Eles eran as
vítimas da transición que se organizaba despacio,
demasiado despacio, dentro dos palacios. Hoxe
celebramos un Día da Clase Obreira Galega ás portas
dunha segunda transición organizada dende o poder,
cos partidos do rexime chamados á "mestizaxe" da
Grande Coalición. Unha Grande Coalición contra os
dereitos da clase traballadora. Unha ofensa
coordenada contra a as propias vidas, vividas xa en
condicións extremas, das traballadoras e
traballadores. Casualmente agora UGT apraude esa
manobra, e CCOO, desmemoriada, cooptada, rendida,
garda silencio. Xa só nos queda unha opción ás
traballadoras e traballadores na nosa autodefensa:
o combate e a coraxe. Como o fixeron Amador e
Daniel naquela altura. Mais desta volta só a
vitoria nos pode salvar.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript