NÚMERO 305 - 07/03/2016
CUTUDC / Novidades
Miles de estudantes manifestáronse este xoves en Madrid e Barcelona para pedir a derrogación da reforma 3+2, mostrar o seu rexeitamento á lei Lomce e á oferta de prácticas non remuneradas para estudantes universitarios.
Uns 3.000
estudantes das universidades catalás protestaron
diante da Generalitat de Catalunya e na capital do
estado concentráronse ao redor de 200 mozos e mozas
fronte ao Ministerio de Sanidade xa que as
autoridades non lles permitiron protestar ante o
Ministerio de Educación.
En Barcelona os universitarios iniciaron a súa
marcha, organizada por diferentes sindicatos
estudantís, ás 12 h. en Praza Universidade ata
finalizar o percorrido na Praza Sant Jaume preto
das 15 h. Á folga sumáronse a Universidade de
Barcelona, a Autònoma de Barcelona, a Universitat
de Xirona e algúns campus da Universitat Pompeu
Fabra e a Universitat Rovira i Virgili; entre
outras moitas institucións educativas do resto de
Catalunya e Valencia.
Unha das principais peticións dos estudantes
cataláns foi a derrogación da lei Lomce, tamén
coñecida como ‘lei Wert’. Esta reforma, moi
polémica en terras catalás, establece que, en caso
dun sistema de inmersión lingüística como o que hai
en Catalunya (coa lingua cooficial como única
vehicular), hai que ofrecer tamén a escolarización
en castelán, se é necesario, pagando un colexio
privado (neste caso, o ministerio adiantaría o
diñeiro e despois llo detraería á Generalitat).
Polas rúas do centro de Barcelona os estudantes
marchaban pacíficamente entre berros de Non “ao
3+2” ou “Non á privatización”, acompañados de máis
de 10 patrullas e un helicóptero da Policía. Fronte
á Generalitat de Catalunya, onde acabou a marcha,
os portavoces dos sindicatos estudantís leron un
manifesto no que se declararon “en pé de guerra
contra o 3+2” porque “pon a institución educativa
ao servizo do mercado e non da cidadanía”.
Parecidas foron as reivindicacións dos madrileños.
“Baleirar as aulas para despois enchelas de
estudantes organizados” foi o obxectivo da
concentración convocada polo Frente de Estudiantes
que naceu o pasado decembro como alternativa ao
Sindicato de Estudantes, ao que denominan
“sindicato de farsantes” por non defender os
intereses reais dos estudantes de hoxe en día.
Denuncian desde a Fronte que “a privatización, a
mercantilización e elitización” da educación faise
notar en todos os niveis educativos, pero que “sen
dúbida, onde máis o estamos sufrindo é na
universidade”, facendo referencia á reforma
universitaria coñecida como ‘3+2’ que segundo eles,
prexudica aos estudantes de menor poder
adquisitivo.
Candela Otero, unha das portavoces do colectivo
explica que con esta reforma “xeneralízanse cada
vez máis as materias do grao, polo que é máis
necesario o mestrado para conseguir esa
especialización que nos pide o mercado laboral”.
Lembra ademais que o mestrado é privado e que ao
aumentar o curso dun a dous anos, “obrígannos a
pagar nalgúns casos ata 11.000 euros, e é algo
inasumible para os mozos da clase obreira”.
Segundo ela, as autoridades educativas xustifican
esta medida como “unha maior especialización e unha
mellor adaptación a Europa”. Con todo, defende que
o que os estudantes comprobaron é que “só serve
para dividir entre unha educación de xente con
diñeiro e outra para xente con menos recursos”, xa
que os créditos do mestrado “custan o dobre que os
de grao”, sinala.
Unha crítica xeral á reforma é que “obriga a facer
un máster de 2 anos” e negociouse “sen escoitar aos
estudantes”. No caso dos cataláns, tamén pediron ao
presidente Carles Puigdemont que “paralice esta
reforma” e que escoite á comunidade estudantil.
Ramon Font, portavoz nacional do sindicato USTEC,
valorou a protesta como “moi positiva” porque
“presiona ao Goberno catalán para aplicar a ILP de
educación aprobada no Parlament e que contempla a
gratuidade da educación pública”.
A concentración en Madrid terminou de maneira
pacífica e sen incidentes ao redor das 18.30 h.
cando un dos membros da Frente de Estudiantes
lembraba que son máis de 45.000 estudantes que xa
tiveron que abandonar os seus estudos
universitarios por falta de bolsas e polo aumento
das taxas e chamaba a unha maior concienciación
entre os seus compañeiros e compañeiras para
“continuar a loita obreira de estudantes, e avanzar
e construír o movemento estudantil”.
LibreRed
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript