NÚMERO 304 - 29/02/2016
CUTUDC / Novidades
En España sobran universidades e universitarios. Pouca xente estuda FP, que ten boa integración laboral, mentres que os universitarios están sobrecualificados ou en paro. A forma máis eficiente e equitativa de mellorar o acceso á universidade é combinar un sistema de bolsas para aos máis pobres co achegamento das taxas ao custo real da matrícula para quen a poida pagar, como ocorre nos países coas mellores universidades do mundo.
Estas
afirmacións púidenas oír de boca de
Guillermo de la Dehesa na xornada organizada
por
Strategy Spain. No breve debate que seguiu,
esbocei algunhas críticas a estas ideas tan
asentadas en certos ámbitos económicos e políticos,
que creo que non se apoian adecuadamente nos datos.
A idea de que sobran universidades baséase no
rápido crecemento do seu número nos últimos anos,
pero se comparamos con outros países da UE ou, por
exemplo, co Estado de California, estamos en medias
internacionais. O problema podería ser a falta de
especialización, ou a existencia de titulacións
repetidas con moi poucos alumnos en moitos campus,
pero non o número de universidades.
A cuestión da sobrecualificación poida que non sexa
un problema da universidade senón dunha economía
especializada en emprego de baixa cualificación
En canto a que sobran os universitarios, parece que
os mozos son inasequibles ao desalento que supón
pasar a engrosar o paro ou a sobrecualificación ao
terminar a súa carreira. Polo menos desde os
setenta óese "universidade, fábrica de parados". A
proba de que isto é así é que o paro dos mozos
universitarios é maior que o paro dos titulados en
FP superior. Pero desde os setenta, observamos que
pasados os trinta anos de idade, o paro dos
universitarios descende considerablemente.
Realmente o que sucede ao comparar o paro dos mozos
universitarios cos de FP é que se comete un erro
metodolóxico. O importante ao comparar non é a
idade senón o tempo que leva buscando emprego. Os
universitarios, como terminan os seus estudos a
idade máis tardía, atopan traballo a idade máis
tardía. Cando se corrixe este problema, non hai
tales diferenzas.
Ademais, o dilema en España non é FP vs.
universidade senón FP vs. fracaso escolar. Polo que
temos relativamente pouco alumnado en FP é debido a
que en España os requisitos académicos de acceso á
FP son máis rigorosos e academicistas que noutros
países. Está ben que haxa unha FP na que se
necesite o título de ESO ou de Bacharelato, para
faría falta outra FP media e superior na que os
requisitos fosen outros. Neste sentido as reformas
da LOMCE son un intento de mellorar a situación,
facilitando o paso da ESO á FP de Grao Medio, e
desta á de Grao Superior.
Pero e a sobrecualificación? Isto podemos abordalo
de varias formas. Unha é se debemos respectar (e
pagar) a vocación profesional de todo aquel que o
desexe, ou só as vocacións profesionais con
rendibilidade a curto prazo no mercado de traballo.
Por exemplo, alguén que queira ser xornalista
¿debémosllo permitir dado o paro que hai entre os
xornalistas? Quen comeza a carreira xa o saben, así
que se supón que valoran o suficiente a súa
vocación como para correr o risco. Pero é que,
ademais, hai situacións imprevistas. Por exemplo,
arquitectura pasou de ser unha profesión con boa
inserción laboral a non selo. Como imos saber se os
xornalistas serán a profesión do futuro ou non?
Quizá sexa mellor deixar que cada cal escolla a súa
traxectoria profesional, pois o único que está
claro sobre o mercado de traballo é que é moi
incerto.
A outra cuestión, relacionada coa anterior, é a
sobrecualificación. España é dos países da UE con
máis sobrecualificación. Téndese a expor isto como
un problema do sistema universitario, que non
prepara adecuadamente. Entón xorde a dúbida de por
que cando os españois se van de Erasmus ou emigran,
non teñen problemas de nivel educativo. Máis ben ao
contrario, en varias profesións (enxeñerías,
saúde…) os universitarios españois son moi
apreciados.
A cuestión da sobrecualificación poida que non sexa
só un problema da universidade. Tamén é un problema
da economía. Unha economía especializada en emprego
de baixa cualificación, como a hostalería, non
demanda universitarios. Son as economías doutros
países as que absorben os universitarios que non
atopan traballo aquí.
En canto á cuestión das taxas de matrícula na
universidade, óbviase os estados alemáns nos que é
gratis, ou que hai países nórdicos con
universidades entre as mellores do mundo con
sistemas de acceso gratuíto á educación
universitaria. E esquécese o problema que están a
ter países como EEUU, que tras implantar un sistema
de préstamos, atópase cunha burbulla de débeda que
pode ser máis perigosa que a que viviron coa
vivenda. Do mesmo xeito que aquí, moitos
universitarios non atopan traballo acorde ás súas
expectativas, co agravante de que alí teñen unha
débeda co banco que non poden pagar. Ademais, os
prezos da universidade creceron de forma
desmesurada con respecto ao custo da vida, coa
promesa de que o título os fará ricos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript