Febreiro de 2016
 
 

NÚMERO 304 - 29/02/2016

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA
 

O PP volve rexeitar a derrogación do decreto do plurilingüismo

Non houbo acordo do pleno do parlamento na petición da deputada do PSdeG Concepción Burgo de derrogar o denominado decreto do plurilingüismo no ensino, que si foi avalado polo resto da oposición.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

A socialista fundamentou a súa reclamación no informe do Consello de Europa que alerta sobre a perda de presenza do galego na educación. "O decreto limita o ensino en galego ao 50 por cento co obxectivo final de reducilo a un terzo, o que está en contradición cos compromisos asumidos polas autoridades", leu textualmente.
 
É por iso que, á vista de que "o PP rompeu o consenso lingüístico" por un puñado de votos", pediulle derrogar o citado decreto e "volver" ao Plan Xeral de Normalización Lingüística de 2004. Nesta demanda recibiu o "apoio" de Carmen Iglesias (Mixto) e de Ramón Vázquez (AGE) e Ana Pontón (BNG), que requiriron ao PP que "rectifique" no día do 179 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
 
Non obstante, o popular Agustín Baamonde reprobou a "visión catastrofista, maniquea e nesgada" da oposición sobre ese decreto co obxectivo de "avivar un debate social que está pacificado", e que "non coincide" coa opinión verquida polos expertos no informe.
 
De feito, destacou que o Consello de Europa "felicita a España polo avance logrado" na promoción das súas linguas cooficiais aínda que "piden seguir avanzando" en "educación, xustiza, sanidade, servizos públicos e extensión ás comunidades limítrofes". "Queren insistir na batalla contra o decreto, que xa perderon en todas as frontes", sentenciou.
 
A xeito de peche do debate, Concepción Burgo responsabilizou ao PP de "do retroceso do galego". "Son os únicos causantes, e diso terán que responder", advertiu.
 
Galicia Hoxe
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript