Febreiro de 2016
 
 

NÚMERO 304 - 29/02/2016

   CUTUDC / Novidades

  THE NEW YORK TIMES
 

‘Monicreques e tuits poñen a proba a liberdade de expresión en España’

Era un show de monicreques na rúa durante os entroidos de Madrid. Un policía trataba de deter a unha bruxa. O monicreque do policía sostiña unha pancarta que dicía “Gora AlKa-ETA” e xogaba coas palabras Al Qaeda e ETA. Algúns pais protestaron e chamaron á policía, que se presentou no lugar e arrestou aos dous titiriteros, que agora enfrontan sete anos de cárcere por enaltecemento e apoloxía do terrorismo.

 

  • Noticias relacionadas

 

O paradoxal é que o arresto demostrou que os titiriteros tiñan razón, ou polo menos iso esgrimen eles na súa defensa. A lei antiterrorista en España permite a caza de bruxas. E non se trata dun feito illado. O sucedido con estes mozos o 6 de febreiro forma parte dunha serie de feitos que desatou un debate sobre as ameazas ás liberdades de manifestación e expresión en España e, por extensión, nunha Europa que lle teme ao terrorismo.
 
Algunhas asociacións de dereitos civís e xuristas mostran a súa preocupación polo modo en que a lei se utiliza e adapta a medida que o extremismo islámico se converte na nova preocupación europea. Unha vez que as prohibicións se converten en lei, aínda que suceda en resposta a motivos de seguridade reais, non hai maneira de limitar como serán aplicadas no futuro.
 
Esa é a situación dos titiriteros españois. Acúsaselles baixo unha lei aprobada hai anos en España no contexto de ETA, unha organización responsable pola morte dunhas 800 persoas que se desarmou de maneira unilateral en 2011.
 
O ano pasado, de todos os xeitos, o goberno conservador presidido por Mariano Rajoy revisou e endureceu a lei para poder aplicarlla ao terrorismo islamita. Todo iso sucede ao mesmo tempo que o goberno presentou unha lei coñecida como “lei mordaza”, que penaliza con dureza as manifestacións en público non autorizadas e que xerou fortes críticas tanto en España como no estranxeiro.
 
Joaquim Bosch, portavoz da asociación Xuíces para a Democracia, dixo que “é o último dunha serie de ataques á liberdade de expresión”. Bosch, que representa a máis de 600 xuíces centrados nos dereitos humanos, sinala tamén que “durante a ditadura de Franco, os artistas problemáticos ían a prisión. En democracia, non”.
 
Mesmo durante a época máis intensa do separatismo vasco, segundo Bosch, a lei contra o enaltecemento do terrorismo só se usaba dúas ou tres veces ao ano. “E agora que afortunadamente xa non hai atentados terroristas, hai uns 30 casos ao ano”, engadiu. “A politización do terrorismo úsase como pantalla de fume para desviar a atención de problemas sociais e de corrupción”.
 
As leis antiterroristas e a súa aplicación expansiva son un problema que vai máis aló de España. Por toda Europa hai países que viven nese balance entre liberdades civís e seguridade, sobre todo despois dos dous atentados terroristas en París a finais do ano pasado.
 
Mesmo antes dos ataques, Francia xa aprobara unha lei similar á española. Penaliza calquera expresión que incite ou encomie o terrorismo para responder a unha preocupación crecente sobre a radicalización e a influencia de grupos extremistas en internet.
 
Nun dos casos máis rechamantes, o cómico Dieudonné M’bala M’bala foi detido e condenóuselle a dous meses de prisión por unha publicación no seu perfil de Facebook que suxería simpatía cun dos atacantes de Charlie Hebdo.
 
Para a Asociación de Vítimas do Terrorismo, unha das organizacións que busca que avance a acusación contra os titiriteros, o espectáculo constitúe “un acto de humillación e menosprezo no que se trivializa o uso da violencia, así como unha loa e recoñecemento de organizacións terroristas que tanto dor e sufrimento xeraron na nosa sociedade”.
 
O ministro de Interior de España, Jorge Fernández Díaz, defendeu a lectura da lei que permitiu o arresto dos dous mozos. Cre que o espectáculo falaba “dun terrorismo que en España padecemos durante décadas, e o terrorismo internacional (…) que causou estragos moi importantes e ameaza ao noso país”.
 
Tamén condenou a obra de monicreques porque inclúe escenas violentas que atentan contra a institucionalidade, como o aforcamento dun xuíz ou a violación dunha monxa. Dixo que “pretender que iso é sátira ou humor negro paréceme absurdo”.
 
Desde o arresto dos titiriteros, Raúl García Pérez e Alfonso Lázaro da Torre, houbo manifestacións de apoio nas rúas de todo o país. Eric Sanz de Bremond, avogado dos titiriteros, cre que a pancarta que se mostrou durante o espectáculo, pura ficción e sátira, “usouse como proba dunha acusación falsa, para demostrar un delito, non para enaltecer o terrorismo”. Sinalou tamén que a mesma obra representouse en Granada sen ningún incidente en xaneiro.

A fronteira que separa terror e cultura, os límites da protesta están a ser postos a proba noutros casos. O rapero español César Montaña Lehman, máis coñecido como César Strawberry, atópase en espera de xuízo por escribir tuits que supostamente enaltecen o terrorismo. A fiscalía pide 20 meses de cárcere.
 
Aitor Cuervo Taboada, que se presenta como un poeta revolucionario, ten que presentarse ante un xuíz a finais de febreiro e enfróntase a unha posible pena de 18 meses en prisión por publicar textos que segundo a acusación enxalzan a ETA e ofenden ás súas vítimas.
 
Guillermo Zapata, que resultou elixido concelleiro de cultura do concello de Madrid a principios de 2015, tivo que dimitir por tuits nos que se lle acusou de ofender aos xudeus e a unha vítima dun atentado de ETA. Este mes, un xuíz comezou o proceso para xulgar a Zapata polo seu “humor cruel” sobre unha vítima do terrorismo.
 
Este mes, Rita Maestre, portavoz do Concello de Madrid, foi xulgada por ofensa aos sentimentos relixiosos. Fai cinco anos, xunto con outras estudantes, Maestre mostrou os seos dentro dunha capela na universidade. Enfróntase a un ano de prisión. Maestre defendeuse dicindo que non lle atopa sentido a que unha universidade pública nun país laico manteña unha capela. Pediu desculpas se ofendera a alguén pero insistiu en que “a protesta, mentres sexa pacífica, é lexítima”.
 
Os titiriteros fixeron público un comunicado no que explicaron que a súa obra non busca ofender, senón “contar unha historia de ficción que por desgraza ten moitas similitudes coa realidade que nos tocou vivir estes días”. A liberdade de expresión non é, para eles, “o dereito de dicir só o que un quere escoitar. Quen a entenda así, en realidade non cre en ela”.
 
Raphael Minder (The New York Times)
 
Recollido de El Ventano.

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript