Febreiro de 2016
 
 

NÚMERO 304 - 29/02/2016

   CUTUDC / Novidades

  FEMINISMO
 

Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita!

No pasado día 29 de xaneiro xuntámonos en Compostela diferentes organizacións respostando á chamada aberta feita para a acción conxunta do 8 de marzo.

 

  • Noticias relacionadas

 

 

Nesta xuntanza aberta tendo en conta o alí comentado e as mensaxes recibidas chegamos aos seguintes acordos:
 
- O 8 de marzo é unha data de axenda que abrangue todo o feminismo polo que a convocatoria ten que partir do conxunto do feminismo galego na súa diversidade, de todas as organizacións e colectivos. Achamos importante confluír xa que a nosa forza está na capacidade para loitarmos xuntas. De aí a importancia de que a chamada á manifestación do 8 de marzo sexa ampla e unitaria.
 
- Manter a convocatoria unitaria neste ano 2016 tal e como se ven facendo nos últimos tempos e ampliar o número de organizacións e colectivos que se unan no apoio a este emprazamento.
 
- A manifestación será o domingo 6 de marzo e partirá as 12:00h da estación de tren de Santiago de Compostela. O lema será "Feminismo para avanzar, xuntas nunha mesma loita".
 
Reiteramos este chamado aberto a apoiar e participar desta convocatoria unitaria na que as mulleres feministas galegas sairemos de novo xuntas para exixirmos:
 
1) O rexeitamento unánime a un modelo heteropatriarcal de muller única, privada e doméstica, así como a invisibilidade e explotación do traballo reprodutivo e dos coidados.
 
2) Unha organización política, social e económica que poña no centro ás persoas. A reorganización social dos coidados e a aposta polo ben vivir.
 
3) O exercicio dunha sexualidade libre e diversa. Unha educación afectivo-sexual non determinista, non bioloxicista e igualitaria que garanta o libre desenvolvemento das identidades de mulleres lesbianas, bisexuais e transexuais, así como o mantemento de relacións afectivas e sexuais elixidas, respectuosas, pracenteiras e saudábeis.
 
4) O recoñecemento de todas as familias e modelos de convivencia, así como a creación de redes de afectos, apoio mutuo e sororiedade.
 
5) O incuestionábel dereito das mulleres a decidir sobre os nosos corpos, afectos, sexualidade, e maternidades, sendo obriga dos poderes públicos garantir o acceso libre, seguro e gratuíto ao aborto eliminando calquera restrición lexislativa e garantindo este dereito para as mulleres mozas.
 
6) Un Estado laico, que garanta os dereitos humanos e a pluralidade de todas as persoas.
 
7) A garantía por parte dos poderes públicos dunha vida libre de todas as violencias machistas e discriminacións para todas as mulleres.
 
En definitiva, exiximos o dereito a desenvolvermos un proxecto de vida en liberdade e equidade.
 
FEMINISMO PARA AVANZAR, XUNTAS NUNHA MESMA LOITA!
 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript