A continuación
transcribimos o Manifesto unitario do
Movemento Ecoloxista de Galiza onde se expoñen dez
razóns para rexeitar o modelo acuícola que quería
impoñer o goberno do Partido Popular na xunta de
Galicia, presidido por Alberto Nuñez Feijóo e sendo
Conselleira do Mar, Rosa Quintana Carballo.

MANIFESTO
As entidades ecoloxistas e naturalistas abaixo
asinantes apoiamos a manifestación deste sábado 27
de febreiro en defensa do noso mar e contra a
planificación acuícola que propugna a Consellaría
do Mar do Partido Popular.
Eis 10 razóns polas que dende un punto de vista
ecoloxista rexeitamos esta planificación:
- Subxace una
filosofía neo-liberal, pensada para privatizar
o mar, sen nengún tipo de restricións.
- Está pensada para a
gran industria acuícola -Stolt-Nielsen e
Pescanova- e posiblemente negociada con eles.
- O marco normativo
que deseñou o PP pretende que compitan os
sectores tradicionais coas multinacionais en
base a criterios estritamente
económico-financeiros e tecnolóxicos e de
aproveitamento máximo do recurso, sen
considerar a capacidade de carga e o mantemento
dos ecosistemas acuáticos.
- Declárase a
actividade industrial acuícola de interese
público polo que se poderá expropiar a franxa
litoral que precisen as empresas.
- Elimínase a posíbel
intervención dos concellos, mediante a
declaración de supramunicipalidade dos
macropolígonos acuícolas.
- Realízase de costas
aos sectores produtivos, grupos ecoloxistas,
científic@s,...
- Promove a
intensivización “aproveitamento máximo do
potencial marisqueiro” pola vía da
transformación das zonas de marisqueo
–actividade extractiva de baixo impacto- en
parques acuícolas con técnicas de produción
industrial.
- Elimina a
obrigatoriedade da avaliación ambiental das
instalacións.
- Permítese a
ubicación de plantas acuícolas en espazos
naturais protexidos: non hai zonas de
exclusión.
- Provoca unha
degradación ambiental do mar e dos ríos como
consecuencia dos contaminantes (produtos
químicos, farmacolóxicos e materia orgánica),
do cruce coas especies silvestres, do posíbel
escape de especies foráneas (invasoras,
exóticas,...), etc.
Malia a ter anunciado a retirada do rascuño
de Lei de Acuicultura nun claro intento de
desmobilización, polo masivo rexeitamento das
organizacións sectoriais, confrarías, mariscadoras
e ecoloxistas, a idea de entregar as nosas rías e a
nosa costa como terreo barato para o negocio das
transnacionais acuícolas subxace nas actuacións
políticas da consellaría do Mar.
Neste senso, a Lei de Acuicultura do PP é o último
episodio dunha estreita sintonía entre governo
galego e a patronal acuícola: normas a medida (Lei
do Solo, POL, Plano da Rede Natura…), subvencións a
eito, portas xiratorias…

Pero as nosas demandas para as Rías non rematan coa
retirada desta Lei; é preciso recuperar a calidade
das augas, o seu saneamento, que non se pode
limitar á depuración dos vertidos domésticos e que
debe contemplar a eliminación dos vertidos
industriais que están a impedir a explotación
racional dos recursos marisqueiros e pesqueiros; ao
tempo, a revogación da recente prórroga de 60 anos
a ENCE na Ría de Pontevedra, é unha esixencia
irrenunciábel.

Por estas razóns e polas actuacións da Consellaría
do Mar na tramitación desta norma, convocamos á
cidadanía galega á manifestación deste sábado 27 en
Compostela e demandamos a demisión da actual
conselleira Sra. Quintana.
Asinan: ADEGA, AGCT (Asociación Galega de Custodia
do Territorio), APDR (Asociación pola Defensa da
Ría de Pontevedra), CEMMA, Ecologistas en Acción,
FEG (Federación Ecoloxista Galega: grupos ADEGA,
ADENCO, AEMS-Ríos con Vida, APDR, Asemblea do
Suído, CES, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas,
MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol,
Vaipolorío, Verdegaia e Xevale), Grupo Naturalista
Hábitat, PDRA (Plataforma pola Defensa da Ría de
Arousa), Verdegaia
Recollido de Ártabra 21