18/05/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
A CUT asistiu á manifestación contra o decreto do galego maquinado pola Xunta españolista de Feijoo para mostrar a súa repulsa ante o intento de destruír a nosa identidade como pobo. Este novo ataque, xunto aos que xa sufriron os nosos sectores produtivos e o noso medioambiente, demandaba unha resposta contundente do pobo galego, e así foi. A CUT suma o ataque que sofre a lingua aos ataques que está a sufrir o proletariado, pois o galego é a lingua do pobo traballador e queren secuestrar a nosa palabra para anular a nosa conciencia de clase, non o permitiremos e... tamén pola lingua: folga xeral.
100.000 persoas xuntáronse na capital de Galiza no Día das Letras baixo o lema "O galego, o noso existir" para, desta volta, esixir a retirada do 'decretazo' e o fin do desmantelamento do marco legal de protección da nosa lingua que iniciou o PP desde o seu regreso á Xunta.
A manifestación, convocada pola plataforma Queremos Galego, e á que se sumaron entidades e organizacións de diferente signo, tamén partidos políticos e sindicatos, partiu contra as 12:30 da Alameda compostelá e rematou nunha ateigada Praza do Obradoiro.
Alí, no acto final exerceron de presentadores Xosé Lois 'O Carrabouxo', Isabel Martínez-Risco e Quico Cadaval. Leron o manifesto a poeta Marta da Costa, Iria Taibo -secretaria xeral da Mesa pola Normalización Lingüística-, a cantante Uxía Senlle, o actor Carlos Blanco, o escritor Xabier P. do Campo e o actor Xosé Durán 'Morris'; mentres que o discurso correu a cargo de Carlos Callón, presidente da Mesa.
Tal foi a afluencia de público que, como en ocasións anteriores, o discurso final tivo que ser pronunciado dúas veces mentres se baleiraba e volvía encher a praza."Que lles molesta? Que lles proe? Que o rañen! Imos defender Galiza e a nosa lingua!", exclamou Callón ante os aplausos de xúbilo das e dos asistentes, ao tempo que esixía a retirada do 'decretazo' e solicitaba a colaboración cidadá na recollida de sinaturas da iniciativa lexislativa popular en defensa dos dereitos lingüísticos.
Ademais, e con motivo de ser este ano Uxío Novoneyra a figura homenaxeada no Día das Letras, Carlos Callón deu lectura a unha carta remitida pola familia do poeta courelao. "Hoxe [Novoneyra] está aí convosco, chantado no medio da praza", rezaba a misiva. Ademais, o presidente da Mesa lembrou tamén un texto do peta en que este reclamaba a implicación de todo o País en defensa da identidade galega, especialmente da lingua. "Todo político que non vexa isto, queda fóra, deslexitimado para exercer a representación da súa terra", afirmaba o escritor.
O galego, o noso existir (manifesto)
O idioma é para a inmensa maioría das galegas e dos galegos un patrimonio propio, único, insubstituíbel. Sentimos o galego como algo noso, independentemente da lingua que empreguemos no noso día a día. É a nosa creación máis valiosa e perténcenos.
Poucas dúbidas hai de que se Galiza ten hoxe un certo grao de autogoberno, cunhas institucións propias, é, nunha parte fundamental, debido a termos unha lingua e unha cultura propias. Lamentabelmente, desde hai un ano temos un presidente e un goberno da Xunta que parecen non decatarse de que se están aí é grazas a termos un idioma de noso.
Incumpren de forma incívica o mandato estatutario de promover o galego e andan ás patadas con el. O mellor exemplo desta política tan lesiva é o decretazo contra o galego, que, por exemplo, varre a nosa lingua da educación infantil nas cidades e prohibe ao profesorado o seu uso nas materias do ámbito científico-técnico.
A sociedade galega está a responder mobilizándose contra a extinción da nosa lingua e reclamando ás institucións que cumpran coa súa obriga de promovela, para garantir a igualdade de coñecemento, a igualdade de dereitos e a igualdade de oportunidades.
A plataforma Queremos Galego, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e integrada por máis de 700 entidades de todo tipo, chama á sociedade a manter aceso o facho da defensa do noso idioma. Ademais, anima ao conxunto da cidadanía a que apoie coa súa sinatura a proposición de lei de garantía dos dereitos lingüísticos.
Gañar as eleccións non significa poder exercer o poder de maneira absoluta. Merecemos uns gobernantes responsábeis que non estean a xogar co noso existir e que cumpran coa súa obriga de usar, defender e promover a lingua que nos une como galegas e como galegos. Só en galego Galiza ten futuro!
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript