Maio de 2010
 
 

18/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

O CAPITAL CONTRA A UNIVERSIDADE PÚBLICA GOBERNO OU VINGANZA?

 

 

Algo se move nas universidades, comeza a organizarse a resposta ao documento Estratexia Universidade 2015. O goberno da universidade e as súas entidades de investigación e innovación, elaborado pola devandita fundación a petición da CRUE.

 


 

En febreiro de 2010 as comisións permanentes da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) e da Conferencia de Consellos Sociais (eses órganos que a LOU incrustou á universidade para darlle a palabra aos empresarios), xuntamente coa Fundación Coñecemento e Desenvolvemento (presidida por Ana Patricia Botín), celebraron unha xornada na que foi presentado o documento Estratexia Universidade 2015. O goberno da universidade e as súas entidades de investigación e innovación, elaborado pola devandita fundación a petición da CRUE. Nel proponse o desmantelamento das condicións xurídicas que garanten o carácter democrático da elección dos máximos representantes dos órganos de goberno universitarios, así como das decisións que neles se toman, e constitúe polo tanto o colofón da vinganza histórica do capital contra os espazos arrancados á súa lóxica (entre os que, ata a chegada de Bolonia, se contaba a universidade pública).

Para soster esa proposta realízase unha minuciosa análise dos posibles baleiros legais da LOU a través dos que podería iniciarse a reforma lexislativa e atácase frontalmente a figura das Xuntas de Facultade e Escola, retratándoas como reinos do corporativismo (o cal non deixa de ser paradoxal nun contexto como o de Bolonia no que a maioría das Xuntas se caracterizou por unha pasiva aceptación de toda reforma proveniente do Ministerio).

En relación a este documento a Facultade de Filosofía da Universidad Complutense publicou unha declaración  redactada por estudantes e profesores, e PAS como denuncia da infamia contida no documento e como solicitude para que as autoridades defendan a democracia universitaria

DECLARACIÓN

A presente declaración foi redactada por algunhas e algúns representantes de estudantes da Xunta de Facultade de Filosofía da Universidade Complutense, coa inestimable axuda das suxestións de compañeiras e compañeiros, así como de representantes do profesorado e PAS da devandita Xunta.
O seu propósito é recoller unha denuncia colectiva contra a descrición das Xuntas de Facultade e Escola universitarias aparecida no documento Estratexia Universidade 2015. O goberno da universidade e as súas entidades de investigación e innovación, publicado pola Fundación Coñecemento e Desenvolvemento e pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Pretende así mesmo ser unha firme solicitude dirixida ás autoridades académicas e políticas, en particular á CRUE, ao Ministerio de Educación e ao Ministerio de Ciencia e Innovación, para que se sumen á devandita denuncia e defendan a dignidade democrática dos máximos órganos de representación das Facultades e Escolas das Universidades públicas do país.

Sobre o goberno da universidade e a CRUE: pola dignidade das Xuntas de Facultade e Escolas universitarias

 

Manifestamos a nosa máis absoluta indignación pola descrición dos máximos órganos de representación dos centros universitarios aparecida no documento de traballo "O goberno da universidade e as súas entidades de investigación e innovación" (apartado Decanos e directores de centro. Cambio no sistema de nomeamento, pp. 30-31), elaborado pola Fundación Coñecemento e Desenvolvemento.

Denunciamos, ademais, que semellante retrato fose publicamente avalado pola Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE) no seu encontro coa devandita fundación e coa Conferencia de Consellos Sociais, co fin de xustificar unha reforma lexislativa que pretende destruír as condicións xurídicas só baixo as cales as decisións nas Facultades e Escolas poden ter carácter democrático, entre outras a elección mesma dos Presidentes das súas Xuntas, a saber: decanos e directores.

Parécenos inaceptable que deles se sosteña que «ben por razóns de mera rivalidade política, ben por intereses corporativos ou de grupo, formulan constante oposición ao desenvolvemento da misión estratéxica elixida» (páx. 31), convertendo as decisións soberanas das Xuntas en cuestións de politiqueo ou tomas de postura corporativistas.

Parécenos intolerable que se cualifique de "farragosos" a "os sistemas de elección internos" e de "burocráticos" a "os procesos de toma de decisión que protagonizan os órganos colexiados dos centros (Xuntas de Facultade e Xuntas de Escola)" ", e que as devanditas descualificacións se utilicen como «razóns máis que suficientes para minimizar a importancia de semellantes instrumentos» (páx. 31). Non sabemos que pensaría a cidadanía se se falase do sufraxio universal, directo, secreto e libre como "trapalleiro" ou dos sistemas de votacións nos parlamentos como "burocráticos", pero dende logo si sabemos que só o trapalleiro exercicio do dereito ao voto de todo cidadán e o burocrático exercicio do dereito a voz de todo representante parlamentario para lograr un consenso permiten a un goberno chamarse a si mesmo democrático.

Parécenos inxustificable que a CRUE faga, referíndose ás Xuntas, unha exhortación a «rematar cos "Reinos de Taifas"» (páx. 31), a cal non é senón o chamamento dunha institución privada a eliminar unha democracia interna que se nega a ser reducida a «persoas da súa enteira confianza, executores e transmisores das súas ideas nos centros» (páx. 31), ou o que é o mesmo, que non permite á devandita institución dar renda solta ás súas "ansias de califa".

Parécenos inescusable e moi significativo que semellantes afirmacións se fagan nun contexto no que distintas Xuntas de Facultade e de Escola do Estado español votaron soberanamente contra a implantación neste curso académico 2009-2010 dos novos graos, dende a convicción de que unha depreciación dos estudos, se imposta pola legalidade vixente, debe polo menos ser postergada o máximo tempo posible.

Parécenos indefendible que se afirme que «non» se poden atender necesidades e esixencias do século XXI dende estruturas administrativas que afunden as súas raíces, no mellor dos casos, no século XIX» (páx. 18). Sendo rigorosos, o certo é que as afunden no século V a.C, ou o que é o mesmo, dende que as institucións quixeron dotarse dunha forma tal que garantise o seu funcionamento cara ao ben común. Consideramos que, con enteira independencia das "necesidades e esixencias do século XXI", estas nunca poden impoñer a destrución da irrenunciable condición democrática da universidade pública.

Solicitamos que a CRUE, o Ministerio de Educación, o Ministerio de Ciencia e Innovación e as reitoras e os reitores das nosas Universidades públicas denuncien publicamente esta difamación.

Solicitamos que todo estudo que haxa de realizarse en torno ao goberno das Universidades sexa asignado a institucións públicas, e baixo ningún concepto a fundacións privadas como a Fundación Coñecemento e Desenvolvemento que, movidas por unha confesada «clara inspiración empresarial» (páx. 33), propoñen reformas lexislativas encamiñadas a facer dunha institución pública como a Universidade un espazo non democrático como o da empresa.

Invitamos a cantas Xuntas, sociedades académicas, institucións, asociacións, plataformas e persoas compartan estes puntos de vista a sumarse ao presente documento.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript