O demoledor ditame do Consello Consultivo
O Consello Consultivo considera o Decreto para o plurilingüismo no seu ditame “contrario ao ordenamento xurídico". Esta postura súmase ás desautorizacións (desoídas pola administración) da Mesa Sectorial do Ensino, do Consello Escolar de Galicia, do Consello da Cultura, da Real Academia e das Universidades, entre outras entidades de referencia.
Velaquí algúns fragmentos
significativos:
Someter a configuración dun dereito fundamental
a votación, con deixación da función de
programación xeral do ensino que compete aos
poderes públicos, infrinxe os devanditos
preceptos constitucionais. (...) Xustamente,
porque é responsabilidade das administracións
educativas a realización dunha adecuada
programación do ensino, e por constituír a dita
tarefa unha garantía básica do dereito á
educación, é polo que resulta indispoñible,
irrenunciable e indelegable tal
responsabilidade, en virtude do cal
constitucionalmente non é admisible que a
programación do ensino quede, total ou
parcialmente, a disposición da vontade
exclusiva dos particulares, neste caso, das
familias.(...) En definitiva, no noso
ordenamento non ten acollida un modelo como o
proposto, no que a responsabilidade da elección
do idioma no ensino, ou a distribución das
materias troncais entre os dous idiomas, galego
e castelán, recaia, sequera en parte, nas
familias, con abdicación da responsabilidade
educativa que o artigo 27 da CE atribúe aos
poderes públicos, de xeito que a proxectada
regulación se sitúa, no aspecto que nos ocupa,
fóra do edificio organizativo que para a
programación educativa deseña a referida Lei
orgánica.
A atribución de ata un terzo como máximo á
impartición de materias en lingua estranxeira
pode supoñer un sacrificio para a aprendizaxe
tanto oral coma escrita das linguas oficiais,
tendo en conta os mandatos e fins tanto do
Estatuto de Autonomía de Galicia coma da Lei de
normalización lingüística sobre a normalización
da lingua galega no ensino e da Carta Europea
de Linguas Rexionais e Minoritarias, que
establece que unha parte substancial da
educación se faga na lingua minoritaria (…)
Hase dicir que os principios de elaboración
dunha norma regulamentaria, como é un decreto,
non poden ser outros ca os da Lei que esta
desenvolve, e que no caso que nos atopamos se
refiren á Lei de normalización lingüística de
Galicia. A formulación contida neste apartado
1, ao referirse unicamente á "adquisición dunha
competencia semellante nas dúas linguas
oficiais", deixa fóra do seu enunciado esa
mentada expresión realizada de seguido na
exposición de motivos da Lei sobre "asegurar a
normalización do galego", ademais de principios
contidos nos preceptos concretos da Lei
respecto do ensino (artigos 12, 13 e 14) como
un dos eidos de procura da tal
normalización;(...) Doutra banda, utilízase a
palabra "semellante" no canto de "en igualdade",
sendo así que non significan o mesmo, e non se
formula na perspectiva na que o fai a lei, que
é a de que nunha evidente situación de
desigualdade entre as linguas se promova que a
máis atrasada alcance o nivel da máis adiantada.
Considérase que ese número 1 do artigo devén
legalmente insuficiente, ao tratar de formular
principios como base para a interpretación
axeitada dos concretos preceptos desta norma
regulamentaria, que está desenvolvendo outra de
superior rango, polo que debe facelo coa maior
fidelidade posible a ela. Por conseguinte,
debería reformularse, nos termos xa indicados,
ou sexa, recollendo os principios sinalados a
respecto diso na Lei de normalización:
"asegurar a normalización do galego"; "promover
o uso progresivo do galego no ensino"; e que "ao
remate dos ciclos en que o ensino do galego é
obrigatorio os alumnos coñezan este, nos seus
niveis oral e escrito, en igualdade ca castelán".
(…) Utilízase no texto o termo "equilibrio",
senda mellor empregar o termo de uso xeral "igualdade",
que permite saber ao xurista de que se está
realmente a falar; isto é, que no caso do
principio de igualdade saiban tratar da mesma
maneira as situacións iguais e de xeito
diferenciado as desiguais; e isto precisamente
para tentar de lograr ao final un resultado de
igualdade para estas.
Alén diso, o voto particular de GONZALO DE LA
HUERGA fai fincapé no carácter contrario á lei
da atribución ao galego de topes máximos, non
de final a conseguir, senón de medios a
empregar (horas e materias), confundindo medios
e fins, co que se impide a pontenciación do
galego para acadar a igualdade; tamén se
subliñan as graves consecuencias da concesión
ao alumnado da potestade de non usar como
vehicular a lingua na que se está a impartir a
materia.
Ver o ditame do Consello Consultivo
Coordenadora de ENDLs