Maio de 2010
 
 

18/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Carta aberta a Zapatero

 

 

Esta semana recibimos varias colaboracións, esta parécenos que, polo seu contido ten un especial interese

 


 

 

Señor José Luis Rodriguez Zapatero, ZP para os seus clientes, son un empregado público, pero non se crea, non un deses elevados cargos que se embolsan medio quilo ao mes (hai algún nesta Universidade?), nin tampouco un dos tantos que os políticos enchufan en función das súas tendencias ideolóxicas ou de como de longa teña a lingua para lamber cus, non, o meu é máis de andar por casa, pouco máis que mil eurista e coas oposicións aprobadas e cargadas na mochila da vida.

Ata agora consideráralle un mal xestor, un prestidixitador da política e un optimista patolóxico con tendencia a divagar segundo soprara o vento, o que non me imaxinaba é que puidese ser vostede, señor Zapatero, tan sumamente covarde, porque só ese é o nome que merece quen podendo tomar as medidas económicas que toda a esquerda podía esperar, se limita a recortar o salario aos que estiveron dende hai lustros perdendo poder adquisitivo mentres os demais aderezaban as súas boas vidas con po de ladrillo... os funcionarios, bah..., esa mancha de vagos privilexiados, conxelar pensións, recortar dereitos sociais, en fin, dar un paso atrás nas nosas conquistas democráticas ao máis puro estilo capitalista, facerlle a xenuflexión aos mercaderes e deixar que o santón de Obama interveña nos nosos asuntos internos.

Alguén dá máis...? Non se lle ocorre a vostede nacionalizar os bancos que rapiñaron o diñeiro público para tapar os seus buratos, (onde está a reactivación do crédito, ZP...?), non se lle ocorre meterlle o dente ás grandes fortunas nacionais, aos que distraen os seus capitais en paraísos fiscais consentidos por todos os socios do gran club da hipocrisía mundial, nin sequera se lle ocorre empezar a recortar ministerios, consellarías e toda a enmarañada rede piramidal que descende deles co fin, entre outros, de darlle traballo a un montón de enchufados parasitos, inservibles e debedores de servizos prestados, non, aquí trátase de foder ao que se ten ben controladiño e arrealo dende a esquerda pero coa man dereita, que é máis hábil, polo visto, para esmagar os dereitos sociais.
E a pesar de todo, cabaleiro, ten vostede sorte. Sorte de ter en fronte ao señor Rajoy, o tipo que pretende gobernar España por eliminación, coma se se tratase do xogo das cadeiras, sorte porque os sindicatos se volveron tenros gatiños siameses que xa saben que, se sacan as uñas, quédanse sen a súa sardiña, sorte porque se encontrou cunha patronal cuxo presidente se ten que lavar a boca con sosa caústica antes de dicir palabra ningunha e sorte porque dentro dunhas semanas teremos mundial de fútbol e, como vostede xa sabe ben, non hai mal que non remedie un gol da selección patria, no último minuto do encontro e coa afección pedindo contas, que é, valla a comparación, o mesmo que fixo vostede, meternos un gol polo flanco dereito, en fóra de xogo e co cu, para evitar, se pode, a quenda de penaltis. Miúda esquerda de salón a súa, Don José Luís..., miúda esquerda.

 

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript