NÚMERO 299 - 18/01/2016
CUTUDC / Novidades
Santiago de Compostela 5/01/2016-. Tras varios recursos rexeitados diante da Delegación do Goberno en Galiza e o Ministerio do Interior, hoxe tivo lugar en Santiago o xuízo co que Queremos Galego continúa a recorrer a sanción imposta por supostos incidentes acontecidos na manifestación do 17 de maio de 2013, que nun ambiente alegre e reivindicativo percorreu as rúas da capital galega baixo o lema “non queremos ser estranxeiras na nosa patria”.
O portavoz de
Queremos Galego e presidente da Mesa pola
Normalización Lingüística, Marcos Maceira, sinalou
como “este ambiente festivo e reinvindicativo foi
destacado ao día seguinte por todos os medios de
comunicación” e por comentarios de todo tipo por
parte de miles de persoas nas diferentes redes
sociais.
Para Queremos Galego, a denuncia dos supostos
feitos por parte da policía e da Delegación do
goberno, só se comprenden desde a utilización
política das institucións a favor dos intereses do
Partido Popular, naquel momento á fronte do
Concello de Santiago, da Xunta e do Goberno do
Estado.
Esta manipulación das institucións por parte do
Partido Popular fora explicitada con anterioridade
coa negativa municipal a permitir a colocación dun
palco ou megafonía, o que foi recorrido no xulgado
e gañado por Queremos Galego, ou coa modificación
sen tempo do percorrido notificado á Delegación do
Goberno, coa pretensión de obstaculizar a
reinvindicación a favor da lingua galega.
Por desgraza non se trataba de feitos isolados: as
mesmas manobras contra as manifestacións a favor do
galego por parte do PP repetíronse desde 2010, a
única diferenza é que no 2013 engadiron unha multa.
Segundo o portavoz de Queremos galego “o PP, non
contento con pór todos os medios para impedir que a
manifestación a favor do galego transcorrese con
normalidade, decidiron impor unha sanción”.
“Dóelles o galego e dóelles que a sociedade se
mobilice para defendelo con alegría e
pacificamente” sinalou, para resaltar que “da
plataforma cidadá Queremos Galego non imos
consentir unha sanción política contra o galego e
contra a liberdade de expresión. Por iso recorremos
aos xulgados”.
Segundo afirmou Maceira, “non se pode permitir
nunha sociedade democrática que o partido de
goberno, o PP, manipule a policía e o ministerio do
interior contra a mobilización social a favor da
lingua galega, e pediulle ao Partido Popular “que
deixe de molestar as persoas e colectivos que
queren exercer con normalidade a liberdade de
expresión e neste caso concreto, os que defenden a
lingua galega.
O portavoz de Queremos Galego lembrou tamén como
sancións semellantes foron impostas a outros
colectivos por feitos idénticos nas mesmas datas,
en referencia á multa imposta á plataforma polo
dereito a decidir das mulleres, “utilizando as
institucións contra todos os colectivos sociais que
se manifestaban contra as súas políticas”.
Por último Maceira defendeu a necesidade de
defendermos a lingua galega como elemento de unión
e para garantir a convivencia en condicións de
igualdade dentro do pobo galego e nas relacións con
outros pobos.
http://www.amesa.gal/a-xuizo-en-santiago-a-sancion-politica-contra-queremos-galego-pola-manifestacion-do-17-de-maio-de-2013/
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript