NÚMERO 299 - 18/01/2016
CUTUDC / Novidades
Dende Stop Desafiuzamentos A Coruña non queremos deixar pasar a oportunidade de facer balance deste 2015 que tantas novidades (boas e malas) nos trouxo: a Lei Mordaza, a loita que continúa en Elviña, xuízos gañados e novas multas por loitar polos dereitos de todas.
Queremos
recordar que ata o de agora acumulamos 15145 euros
en multas. As que pagamos entre todas ascenden a
4827 euros, e o monto restante seguirá sendo
utilizado para as sancións futuras, xa que
seguiremos loitando polo dereito á vivenda e
levando a cabo accións de denuncia. En 2014
lanzamos unha campaña de socialización de multas
que rematou a principios deste ano 2015 e que nos
deixou un bo sabor de boca ao saber que contamos co
apoio e a solidariedade de milleiros de persoas.
A boa noticia son as 15 persoas absoltas (dun total
de 16) que se viron obrigadas a participar en
diferentes procesos xudiciais polo penal. Pola
contra, nos xuízos pola vía administrativa en
resposta ás sancións impostas, perdemos 4 e gañamos
5. Non obstante, seguen a chegar novas multas de
distintas accións. Por exemplo, as relativas á
convocatoria feita a nivel nacional contra a Lei
Mordaza na que sufrimos a represión e a violencia
policial.
Este ano non deixamos de apoiar á veciñanza de
Elviña na súa loita por manter as súas vivendas
fronte ó proceso especulativo do parque Ofimático.
Seguimos acompañándoos todos os venres nas súas
protestas na pasarela, participamos no seu
Entroido, na súa Revolución do Toxo e máis acudimos
a Elviña para lembrar o cabodano do desafiuzamento
e destrución da casa de Varo e Isabel, e seguiremos
apoiando a loita da veciñanza ata acadar unha
solución xusta.
Temos tamén un agarimoso recordo para Carlos Midón
e a súa familia, vítima de estafa e desafiuzamento,
compañeiro de loita polo dereito á vivenda en
Compostela, e que no cabodano do seu desafiuzamento
quitouse a vida ante a desesperación de non poder
resolver a situación de miseria á que o abocaron
xunto coa súa familia. Uns días despois convocamos
unha manifestación á súa memoria, reivindicando que
estes feitos son crimes sociais e teñen
responsables.
Pola nosa banda, queremos rachar coa soidade e o
illamento, e continuamos a realizar asembleas de
persoas afectadas nas que traballamos conxuntamente
para buscar solucións e xerar dinámicas de
asesoramento colectivo e apoio mutuo entre todas.
Deste xeito, queremos asentar as bases para que o
dereito á vivenda sexa un eixo sobre o que
construír unha sociedade xusta na que ninguén máis
teña que sufrir o medo a quedar na rúa.
Por todo o anterior, queremos mandar unha mensaxe
de esperanza e de loita a todas aquelas persoas que
están en risco de desafiuzamento ou teñen problemas
habitacionais. Nós seguiremos loitando por este
dereito e contra a represión. Agardamos que no 2016
consigamos rematar cos desafiuzamentos e o dereito
a unha vida digna para todas sexa cada día máis
unha realidade.
Moitas gracias pola vosa atención.
Non son suicidios, son asasinatos!
Elviña non se vende, Elviña deféndese!
Nin casas sen xente, nin xente sen casa!
A Coruña, 30 de decembro de 2015
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript