NÚMERO 299 - 18/01/2016
CUTUDC / Novidades
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2016.- A Central Unitaria de Traballadoras e Traballadores alcanzou esta mañá coa dirección de recursos humanos da Corporación Radio-Televisión de Galicia un acordo que recoñece en todos os seus termos as demandas desta central sindical sobre as irregularidades que lles custaron milleiros de euros ás traballadoras e traballadores do cadro de persoal.
Na xuntanza
celebrada esta mañá baixo a supervisión da
Inspección de Traballo (ITSS), a raíz da denuncia
presentada pola CUT en setembro, aprobáronse os
cinco criterios de restauración da legalidade que
precipitarán a liquidación das cantidades debidas
ao persoal nos próximos 6 meses, sen necesidade de
reclamacións xudiciais.
Este pacto chega despois dunha intervención do
Director Xeral en sede parlamentaria na que
recoñeceu unha débeda de 1.600.000 euros,
declaración que posibilitou o inicio dunha serie de
conversas entre denunciante e denunciada.
Soluciónase así a infracotización detectada nas
liquidacións da empresa coa Seguridade Social pola
inobservancia do Real Decreto 8/2010 e outros
incumprimentos, que provocaron unha merma nas
cotizacións que nalgúns casos alcanzan os 600 euros
mensuais, cun prexuízo directo sobre as prestacións
do persoal, como maternidades, incapacidades
temporais, xubilacións, pensións de orfandade, ou a
propia prestación de desemprego.
Criterios de restauración da legalidade
A través deste acordo a empresa recoñece o dereito
do persoal a manter as bases de cotización
existentes en maio de 2010 en todos os supostos que
contempla a lei, e comprométese a realizar as
liquidacións complementarias non practicadas no seu
día das persoas que viron a súa antigüidade
recoñecida por sentenza xudicial. Asimesmo
devolveranse as contías da cota obreira
indebidamente detraídas durante 2015 nun intento
fallido de regulación unilateral empresarial. A
empresa comprométese tamén a un recoñecemento
certificado desta falta de cotización para que as
traballadoras e traballadores que viron mermadas as
súas prestacións que hoxe por hoxe xa non cubre a
Seguridade Social poidan reclamar a diferenza sen
procesos xudiciais inútiles. Finalmente, daráselle
igual trato ao persoal fixo que ao persoal das
listas de contratación con concatenación de
contratos, coa convicción ética e xurídica de que a
temporalidade non pode ser baixo ningunha condición
motivo de discriminación na cotización á Seguridade
Social.
A partires deste recoñecemento, as traballadoras e
traballadores que acceden ou accederon a
prestacións neste período pasarán a cobrar estas
conforme á legalidade, recuperando unha perda
económica que repercutiu directamente na súa
economía, e polo tanto, na súa calidade de vida.
Péchase así un ciclo de conflito onde as dúas
partes, tras superar as difíciles probas dun pacto
de difícil alcance, sumaron paciencia e razón para
superar as diferenzas e acordar en favor da
dignidade das traballadoras e traballadores, polo
que saudamos todo o esforzo investido en chegar a
acordos que favorecesen unhas relacións laborais
baseadas na confianza e a boa fé.
Comunicado
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript