Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 295 - 30/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - Isaac Rosa
 

"Non á guerra" en 2003, "si á guerra" en 2015?

As dúbidas de moitos que se manifestaron contra a guerra de Iraq e esta vez non o ven tan claro con Daesh.

 

  • Noticias relacionadas

 

Un pensaría que despois da experiencia de Iraq (as mentiras, o desastre provocado e as consecuencias que deixou, Daesh incluído), o “Non á guerra” tería hoxe máis partidarios que nunca. Pero que va!, o único que o cre é Rajoy, que se viu no pelexo do Aznar de 2003, e aínda se sobresalta cando soa o teléfono por se é Hollande.
 
Ao contrario, doce anos despois, e cando os portaavións volven poñer proa cara a Oriente, o que máis se oe en España é o “Si á guerra”. E non me refiro ao “Si” entusiasta e con taconazo de quen en 2003 pedían guerra, e que estes días corren a mofarse do “buenismo progre” nas súas columnas.
 
Falo máis ben do “Si á guerra” tímido, en voz baixa e resignado de quen en 2003 se manifestaron pero hoxe xa non o ven tan claro: “non é o mesmo, non se pode comparar, Daesh non é Iraq, Hollande non é Bush, a guerra non será preventiva porque nos agrediron xa, e non hai pantasmais armas de destrución masiva senón realísimos kalashnikovs e chalecos explosivos…” É o caso do PSOE, e de tantos que dubidan se poñerse esta vez o adhesivo.

Esta semana, por exemplo, Iñaki Gabilondo, referente para tantos cidadáns, e que en 2003 foi rotundo contra a guerra, poñía voz ao que moitos pensan: “Eu non vexo nada claro o asunto como si o vía en 2003 (…) Teño moitas dúbidas (…) E o de atacar militarmente ás bases de Daesh? Si ou non? Pois eu cada vez estou máis convencido de que si. (…) Podemos dicir “Non” a unha guerra que outros xa nos declararon e iniciaron?

Postos a dubidar e a comparar esta guerra con aquela, eu tamén teño dúbidas. Moitas. Pero a maioría desas dúbidas lévanme a rexeitar máis guerra.
 
En 2003 a ameaza estaba en Iraq. Era unha ameaza pantasma, unha mentira (as armas de destrución masiva), pero en caso de existir estaban alí, localizadas, dentro das fronteiras dun país. En 2015, en cambio, a ameaza (nada pantasma, moi real) é difusa, planetaria, e está máis ben nos nosos barrios, de onde saíron os terroristas de París ou os de Charlie Hebdo. Como non creo que estean a pensar bombardear Molenbeek, parece máis lóxico empregar outras medidas antes que unha incerta operación militar que manterá esa ameaza e seguramente a intensificará.
 
En 2003, a guerra era “fácil”, no sentido dunha acción militar clásica e delimitada: chegar, bombardear, entrar, ocupar e capturar aos malos. Sendo así de fácil “”, todo o que podía saír mal saíu peor, a rexión enteira saltou polo aire e aínda pagamos as consecuencias (terrorismo incluído).
 
En 2015, en cambio, a guerra é calquera cousa menos “fácil”. Non hai frontes, nin fronteiras, nin sequera están claros os bandos nin os aliados nun amplísimo territorio (en Oriente Medio pero tamén en África) onde todos combaten contra todos e crúzanse os intereses de moitos. É dicir, unha guerra onde todo pode saír mal.
 
Son só dúas dúbidas, entre moitas. Chámenme " buenista", pero as miñas dúbidas reafírmanme na convicción de que, antes que subir un novo chanzo bélico, hai que tentar outras medidas. Eu en 2003 saín á rúa contra a guerra, e neste 2015 repítoo: Non á guerra, non no meu nome

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript