Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 295 - 30/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  CUT - SECRETARÍA DAS MULLERES
 

25 N: Polo dereito das mulleres a vivir nun mundo sen violencias

Galiza é o territorio con máis feminicidios por habitantes de todo o Estado español neste 2015. O nulo interese polo delito de violencia de xénero permite que o pobo, as propias mulleres, vivamos ignorando datos coma este.

 

  • Noticias relacionadas

 

No noso país, asasináronse no que vai de ano a 7,6 mulleres por cada milleiro de galegas mentres que noutros territorios, como pode ser Madrid, houbo 6 feminicidios, cunha taxa de 1,8 asasinatos machistas por 1.000.000 de habitantes mulleres.
 
Estamos fartas de que se oculte o delito de violencia de xénero. Cansas de que os homes nos traten coma unha propiedade e o capital, coma un produto. Non vivimos para satisfacer os desexos nin cubrir as necesidades de ninguén que non sexamos nós mesmas e os nosos ideais por un mundo mellor. A loita de clases é inconcibíbel sen a loita feminista.
 
Compañeiras, amigas, amantes e veciñas, imos dar a batalla polo dereito das mulleres a vivir un mundo sen violencias:

  • Porque seguimos estando discriminadas no mercado laboral con condicións de traballo que ás veces poden chegar a ser inhumanas, dobres xornadas, precarización, temporalidade, menor salario… Por non falar da invisibilización de determinados traballos como é o de coidados.
  • Porque estamos fartas do control sobre os nosos corpos por parte dos gobernos e institucións.
  • Porque non aturamos que se utilice a violación como arma de guerra.
  • Porque queremos acabar co tráfico sexual e a escravitude.
  • Porque defendemos o dereito para vivir a nosa sexualidade libre de coercións, estereotipos e relacións de poder.
  • Porque nos doe no máis profundo do noso ser cando unha de nós é asasinada.
  • Porque nos sentimos agredidas cando nos medios de comunicación falan de mulleres mortas a mans das súas parellas ou exparellas: non morremos, somos asasinadas.
  • Porque os partidos políticos fan Pactos de Estado para loitar contra o terrorismo da ETA ou os yihadistas pero non poñen as medidas necesarias para cimentar as bases do cambio cultural que precisamos para camiñar cara a unha sociedade antipatriarcal baseada no respecto ás persoas.
  • E sobre todo, porque as mulleres temos dereito a vivir nun mundo sen violencias.
 
A Secretaría das Mulleres chama á afiliación a participar nos actos e mobilizacións que se van celebrar este 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero, por todo país. E, sobre todo, esta Secretaría chama á rebelión a todas as mulleres porque precisamos de vós nesta alianza da loita feminista e de clase e porque ante a dúbida, compañeira, sempre ti a viúva. A revolución será feminista ou non será.
 
Secretaría das Mulleres
 
Novembro 2015

 

 

 

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript