Novembro de 2015
 
 

NÚMERO 293 - 16/11/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Gonzalo Hermo González
 

«Queda demostrado que escribindo en galego se pode chegar moi alto»

A semente literaria que no pasado botaron en Rianxo Castelao, Dieste e Manuel Antonio prendeu na parroquia de Isorna. Alí, mamando as verbas dos tres mestres da palabra, medrou Gonzalo Hermo González. Aos seus 28 anos, ten unha curta pero intensa traxectoria.

 

  • Noticias relacionadas

 

Co seu primeiro poemario, Crac, conseguiu o Xuventude Crea da Xunta; e co segundo, Celebración, foi galardoado, primeiro pola Asociación Española de Críticos, e agora vén de recibir o Premio Nacional de Literatura na categoría de Poesía Joven. Dos seus mentores herdou tamén o amor por Galicia e pola lingua nai.
 
-¿Compartir berce con tres grandes da literatura galega influíulle dalgún xeito?
 
-Dise que en Galicia os escritores son de Ourense, Mondoñedo e Rianxo. Non é certo ao cen por cento, pero si en gran medida. Eu estou orgulloso de poder dicir que son de Rianxo.
 
-¿Ten un vínculo especial con algún dos tres grandes literatos rianxeiros?
 
-Teño predilección por Manuel Antonio. A Castelao valóroo como figura política, pero Manuel Antonio é unha das personalidades cume da literatura galega, é o poeta que máis me influíu, pola súa obra arriscada e de vangarda e por ser un autor moi libre, que escribía o que quería. Gustaríame ser como Manuel Antonio.
 
-¿Esa faceta política pola que tanto admira a Castelao está dalgún xeito presente na súa obra?
 
-Si. De feito, a crítica dixo no seu día que Crac tiña un carácter máis político que Celebración, pero eu non estou de acordo. Aínda que neste segundo libro non fago referencias explícitas si que tomo partido. Fago un chamamento para non caer na nostalxia de tempos pasados e apostar por construír algo novo no futuro.
 
-Dous libros publicados en solitario e tres premios, cada un de maior nivel. Semella complicado manter esta traxectoria...
 
-A importancia que teñen os premios, que agradezo enormemente, tento relativizala á hora de escribir. Un poeta pode ser moi bo e non chegar a recibir premio algún. O propósito é seguir escribindo libros e tratar de que cada un sexa un pouco mellor que o anterior. Si que parto da base de que o próximo non terá o mesmo éxito que este, que foi impensable.
 
-¿Cal pensa que é o segredo do éxito de Celebración?
 
-Penso que foi a coincidencia da súa publicación nun tempo de crise, convulso. Aínda que non é un libro amable, si tenta dar esperanza. Quizais foi tomado como algo ao que agarrarse.
 
-Pero estaba convencido de que un libro en galego tiña poucas posibilidades de facerse co premio.
 
-Si, pero queda demostrado que escribindo poesía en galego pódese chegar moi alto. Escoller a lingua en función de intereses ou da posible repercusión non é boa idea.
 
-¿O premio ten entón un valor engadido?
 
-É certo, pero a poesía en galego que se fai actualmente ten unha calidade moi alta. Non me estraña que haxa poetas galegos que logren premios a nivel estatal. Fun eu, pero puido ser calquera outro.
 
-¿Hai tamén reivindicación a prol do galego na súa obra?
 
-Esa reivindicación está no propio feito de escribir en galego, de non renunciar á lingua nai. Aínda que para min non é un sacrificio, é a lingua na que mellor escribo. Se este premio vale a nivel de concienciación lingüística estarei máis satisfeito aínda. O galego serve para comunicarnos, para escribir, para impartir xustiza... para todo.
 
La Voz de Galicia

 

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript