Maio de 2010
 
 

10/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE/FORMACIÓN

 

Informe do Valedor Universitario ao Claustro (16/4/2010)

  •  

Teoricamente, “o valedor universitario é o órgano encargado de velar polo respecto dos dereitos e das liberdades de todos os membros da comunidade universitaria…”. Na práctica, por desgraza, é un órgano que contemplan os Estatutos pero sen a menor relevancia á hora de tomarse en consideración as súas avaliacións, informes e resolucións.
No seu informe non deixan de ter interese unha serie de consideracións que vos trasladamos.

 

Do devandito informe entrecollemos algunhas das súas queixas:

 

“…solicítolles ás autoridades académicas, tanto da Reitoría, como dos diferentes centros que adecúen os seus edificios ás necesidades dos que padecen discapacidade física, xa que houbo algunha reclamación neste sentido e, a pesar do amparo legal que obriga a facer accesibles os centros e servizos a todos os cidadáns, non se conseguiu. Negativa que, neste caso, obrigou a renunciar a unha atención axeitada a algún dos que realizaban actividades e exercicios de recuperación.”

 

“Non sei se o acceso ao correo de todos os membros da Universidade da Coruña ha de estar ou non regulado, probablemente si; pero con maior contundencia reclamo a desaparición de calquera censura, que ninguén poida demorar ou manipular a difusión dunha mensaxe de posible interese xeral ou para algún colectivo universitario. Uno, pois, a miña protesta á das centrais sindicais que noutras ocasións así o expresaron ante a Xerencia, que parece atribuírse unhas competencias que non lle corresponden e que limitan o inalienable dereito á liberdade de expresión.”

 

“A Reitoría rara vez responde aos escritos que se lle envían; a Xerencia, nunca; igual que a Xunta de Persoal.”

 

O persoal de administración e de servizos presentou un total de 9 escritos, en que destacan os derivados das listaxes de agarda establecidas para arbitrar as substitucións que, indistintamente, impugnan tanto o funcionario estable, como o contratado, como os que se atopan nalgunha das listaxes existentes.”

 

Pola súa parte, as queixas presentadas polos PAS refírense, na súa maioría, a dificultades no posto de traballo asignado ou, sobre todo, nas substitucións e no modo de desenvolver os compromisos pactados no seu día coa Xerencia da Universidade no funcionamento das listaxes de agarda. Este é un tema que xerou diferentes queixas dos colectivos implicados. Quizais moitas destas dificultades e reclamacións se solucionarían cun diálogo máis fluído entres os afectados e a Xerencia polas canles que se consideren axeitadas e satisfactorios. De calquera maneira, a aplicación coidadosa dos acordos existentes podería ser un primeiro paso para solucionar os conflitos.

Tampouco comprendo por que non se teñen en conta casos especiais, como cando median informes médicos que aconsellan o traslado dun traballador a outro posto, ou cando a solicitude do traballador aparece nos convenios e na normativa vixentes, pero non se atende.”

 

Temos que dicir que, no tempo que levamos formando parte do Comité de Empresa, non se recibiu ningún escrito do Valedor Universitario.

 

Poñémonos a súa disposición para o que, dentro das funcións nas que teñamos competencia ambos órganos, tentemos solucionar problemas que lle trasladen.

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript