Maio de 2010
 
 

10/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE/FORMACIÓN

 

O plan de financiamento das universidades públicas galegas

  •  

Pensamos, desde o noso sindicato, que a universidade pública debe proporcionar un ensino de calidade e accesible para todos/as os/as galegos/as. Pensamos, tamén, que a Universidade debe ser un motor do desenvolvemento social, tecnolóxico... do país. O poder político ten a obriga de garantir as condicións necesarias para o exercicio, nas mellores condicións, da docencia e investigación nos centros de ensino superior de galiza.

 

Unha distinción entre o público e o privado é que o público inclúe a todos e o privado contempla a posibilidade da exclusión.

Un ben público, en termos económicos, é un servizo ou obxecto que pode ser consumido por algún individuo, sen que iso reduza a oportunidade a outro en canto ao seu consumo ou goce.

Un ben público pode ser provisto soamente por unha entidade a quen lle estea vedado excluír ao individuo por cuestións raciais, relixiosas, de xénero, socioeconómicas, políticas e/ou de lingua. Por iso, os bens públicos son provistos polo Estado.

A Universidade, é un deses bens públicos. Ir á Universidade é un dereito, pero tamén é un investimento do que se acabará beneficiando a sociedade. A xeración do saber convértese efectivamente no gran piar do desenvolvemento integral das sociedades máis modernas.

O coñecemento pasa a ser un elemento transcendental para o desenvolvemento económico e social, e polo tanto un recurso estratéxico de primeira orde.

A calidade garántese se  as universidades e os axentes locais están totalmente implicados. O enlace entre a sociedade e a universidade é fundamental. É o que chamamos o contrato social das universidades. A calidade vai ligada a este tipo de contratos que fan que a universidade cumpra coa súa misión, e a sociedade en si se beneficie da universidade e a apoie. Hai que facer que os gobernos, dos que dependen orzamentariamente, sexan responsables e cumpran cos seus deberes.

No informe da OCDE “Perspectivas OCDE: España Políticas para unha Recuperación Sostible no que se fai unha diagnose da situación no estado español e se establecen políticas activas coa finalidade de saír, o antes posible, da crise dise, textualmente, que se debe:

 

“Fortalecer a base científica e tecnolóxica a través da excelencia

España beneficiaríase dun esforzo continuado de reforma do sistema de investigación (universidades e organizacións de investigación públicas) con miras a multiplicar os seus froitos. Así mesmo, debería fortalecerse a capacidade das universidades e as organizacións de investigación públicas (OIPs) para recrutar talento investigador altamente cualificado de países non pertencentes á UE. Tamén se deberían difundir mellor as ferramentas e os recursos para a xestión da investigación e a planificación estratéxica en universidades e OIPs. As persoas con formación doutoral son actores clave da investigación e a innovación. En España, a porcentaxe de graduados de programas de doutorado é moi baixa en comparación co resto de países da OCDE, e non mellorou dende o ano 2000”.

Lembremos, tamén, que o 60% da investigación en I+D+i que se fai en Galiza, realízase nas universidades.

Os organismos públicos que, de xeito cotián, invocan este tipo de recomendacións para aplicar políticas restritivas, apárcanos cando interesa. A Xunta de Galicia no canto de dotar ás universidades dun financiamento que posibilite acadar os obxectivos trazados neste informe, no plan de financiamento da universidades, actualmente en negociación, persegue, no fondo, un plan de saneamento.

Quere estender ás Universidades o plan deseñado pola dereita contra os servizos públicos.

Por outra banda recoñécese, nun estudo elaborado por unha comisión formada polo Goberno do Estado, Comunidades Autónomas e expertos, que as Universidades Públicas de Galiza precisan un orzamento adicional para equipararse ás do resto do Estado no que se refire ao financiamento por estudante (temén é de coñecemento xeral que a Universidade da Coruña é a que menos percibe por este concepto).

Do pouco sabemos das “negociacións” deducimos que, de seguir na vía que intenta impoñer a Xunta, vai ser moi difícil concluír cun resultado satisfactorio para a boa marcha das universidades públicas de Galiza.

Para o seu funcionamento e a realización das funcións que lle son inherentes as universidades públicas galegas precisan da inxección orzamentaria da Xunta, un financiamento que non garanta non só as actuais actividades senón, tamén, a súa progresiva mellora reverterá en prexuízo para a comunidade universitaria e para a sociedade en xeral.

Agardamos que, desta vez, non se actúe  do mesmo xeito que o ano pasado cando se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2010, que reduciron substancialmente a capacidade de manobra das universidades galegas sendo aceptados, de bo grado, por estas.

Se a dereita impón un financiamento que prexudique a actividade das universidades o seguinte terá que ser a resposta da comunidade universitaria mediante a correspondente mobilización social.

 

Connosco pódese contar.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript