NÚMERO 289 - 19/10/2015
CUTUDC / Novidades
Había xa un certo tempo (mais non tanto, porque sempre están aí) que os lingüicidas non se manifestaban de xeito tan expreso no seu odio etnocida, na súa práctica radical da “alterofobia”.
Recentes
investigacións no ámbito da neurobioloxía
(University College de Londres) dan conta de que os
individuos que odian non adoitan perder o xuízo
senón que son moi conscientes dos pasos que dan e
das accións a levaren a cabo contra os individuos
odiados. Mais, no caso que nos ocupa, os odiados
non son directamente os individuos —aínda que
indirectamente tamén o sexan—, pois ese odio propio
do xenocidio cultural ao que aquí nos referimos vai
dirixido contra os idiomas distintos ao español ou
castelán que se falan no denominado oficialmente
Reino de España ou Estado español: “Todo Estado é
oligárquico” (Jacques Rancière).
O portavoz do partido político UPyD no Congreso,
Andrés Herzog, presentou unha proposición de lei
orgánica, por “vía de urxencia”, instando á
“recuperación do nome español” nas toponimias
galega, vasca e catalá, entre outras medidas
destinadas a unha españolización completa das
“nacionalidades” (Constitución española dixit) que
compoñen o Estado. E cando eu lin esta nova acción
do partido de Rosa Díez —“gallego, en el sentido
más peyorativo del término”, dixo no seu día a tal
señora— axiña lembrei o que dicía o falanxismo
“joseantoniano” nos anos 30 do pasado século e o
que di hoxe esa UPyD ideoloxicamente “unicista”,
etnocida e alterofóbica: sempre disposta a
manifestar o “odio ao outro”. Di a Falange que para
conseguir os seus obxectivos “llama a una cruzada a
cuantos españoles quieran el resurgimiento de una
España grande, libre, justa y genuina”. E di a UPyD
de Rosa Díez que as súas ideas e obxectivos
políticos “pueden ser compartidas por cuantos
quieren el progreso de nuestro país, España, y una
democracia más libre e igualitaria que lo haga
posible”. Xulguen vostedes. Porque así se entende
que Ricardo Sáenz de Ynestrillas, fascista
declarado, e a denominada Falange Auténtica se
derretesen en loubanzas dirixidas ao partido
neofranquista da ex socialista do PSOE. ¿Acaso
Alvaro Pombo, candidato a senador de UPyD, non
eloxiou a Franco e a Pinochet: “España prosperó
gracias a Franco” e Pinochet fue una figura
paternalista”?
Os lingüicidas (nacionalistas españois de
ultradereita) realizan un acto radical de
repudiación do que eles consideran infracultura ou
infraidioma
Pois nestas estamos de novo. ¿Pretende o
neofranquismo de hoxe, neste caso representado por
UPyD, volver a “Junquera de Ambía”, “El Bollo”,
“Sangenjo”, “La Peroja”, “Chandreja de Queija”,
“Pungín”, “Laroco”, “Valle de Oro” ou “Mugía”?
Mijail Bajtin dicía que o grotesco son “as
características dos obxectos nun contexto
completamente incompatíbel”, mais eu concordo máis
con Philip Thomson, autor dun libro non traducido
ás linguas ibéricas, “The Grotesque” (1972), cando
afirma que o grotesco é a xustaposición ou
integración dialéctica irresolúbel e conflitiva
entre unha experiencia risíbel e un elemento
incompatíbel coa risa, o cal é, sen embargo, parte
esencial na materialización sensorial desa
experiencia cómica. E así tal acontece coa proposta
do deputado Andrés Herzog, tan próxima ao grotesco,
e tan fóra da realidade democrática das linguas,
dos seus falantes e das súas comunidades. Mais aquí
o grotesco, unido ao político —tomo a idea do
escritor italiano Andrea Vitali—, enlaza ben co
fascismo e a súa estética do ridículo, á altura da
mellor “opereta”, que diría Vitali. Ou,
simplemente, o grotesco como “estado de
alienamento” (Wolfgang Kayser).
Fica ben claro que os lingüicidas (nacionalistas
españois de ultradereita) realizan un acto radical
de repudiación do que eles consideran infracultura
ou infraidioma. Queren levar a cabo (existen moitas
formas de violencia) un atentado contra o
patrimonio lingüístico, cultural e etnográfico do
que forma parte indisolúbel a historia, a tradición
e os costumes das persoas e dun territorio por elas
habitado. Son, con todas as palabras e todo o
significado —utilizándomos o concepto “etnocidio”
dende Jean Maularie e Robert Jaulin até Pierre
Clastres— uns perigosos etnocidas ou xenocidas
culturais. Asasinos da alma dos pobos.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript