Outubro de 2015
 
 

NÚMERO 289 - 19/10/2015

   CUTUDC / Novidades

  ENCONTRO INTERNACIONAL “SAÍR DO EURO”
 

Declaración final Encontro Internacional "Saír do Euro"

O chamado “Plan de Rescate“, imposto polo “Eurogrupo” a Grecia, puxo ao espido ante as cidadanías dos estados e pobos de Europa a verdadeira natureza da Unión Europea ao servizo dos bancos e baixo a hexemonía do goberno de Alemaña.

 

  • Noticias relacionadas

 

Este episodio de guerra económica, de conspiración para impedir a vontade soberana do pobo grego, provocar a desestabilización do goberno grego e conseguir a súa rendición, foi polos seus métodos e resultados un golpe de estado organizado desde o centro de poder da UE.
 
O soño da Unión Europea garante do benestar social e a democracia, superadora dos conflitos entre os seus estados, solidaria coa cidadanía máis vulnerable e coas nacións menos desenvolvidas desvaneceuse ante a realidade dos feitos ocorridos en Grecia.
 
Certamente, a lóxica neoliberal sen concesións dos “memorándums” impostos pola Troika non se limitaron a Grecia, tamén Portugal, Italia, España, Irlanda, Francia, etc., sufriron a brutalidade das políticas de axuste e austeridade que provocaron a regresión xeneralizada de dereitos sociais e laborais, o aumento do paro, a pobreza e a desigualdade, e unha crecente deslexitimación das institucións de goberno e representación deses países ante as súas cidadanías e pobos, a desestabilización interna dos estados que compoñen a UE, a aparición de novas tensións interestatais, e intensificado as agresións imperialistas na contorna próxima.
 
A arquitectura da UE deseñouse para servir os intereses das elites e o capital transnacional, e en contra das clases populares, sen unha política de redistribución fiscal que evitará os desequilibrios económicos potenciais e as previsibles crises de débeda dos seus estados membros. Ata algúns dos chamados “pais” da UE recoñeceron o pecado orixinal do Tratado de Maastricht e o erro fatal do euro. En efecto, a introdución da moeda única agravou as desigualdades ou asimetrías económicas entre os estados reforzando a hexemonía daqueles que, como o estado alemán, se beneficiaron extraordinariamente coa súa implantación.
 
Na actualidade a UE divídese entre estados vencedores e perdedores. Os pobos do Sur de Europa sitúanse no campo dos perdedores, condenados a aplicar políticas de axuste e austeridade durante decenios para pagar a débeda aos acredores que ao provocar unha espiral de políticas recesivas convértese en impagable. Os tratados da UE, especialmente o “Pacto polo Euro Plus” e o “Tratado de estabilidade, Coordinación e Gobernanza na Unión Económica e Monetaria”, convertéronse nos instrumentos legais dunha relación de dominación semicolonial entre países acredores e debedores. A bárbara dialéctica entre acredor e debedor transformados en amo e escravo, tal como vimos ao longo da historia, reaparece con toda a súa crueza no funcionamento da UE.
 
Esta dominación non só se expresou nos “memorandos” e “plans de rescate”, produciu a contrarreforma antidemocrática da Constitución española co art 135, ou propiciou a caída de presidentes de goberno para substituílos polos servís de quenda a gusto do “palacio” da UE.
 
A hexemonía de potencias vencedoras no seo da UE non sería posible sen a cegueira, irresponsabilidade, contubernio, ou corrupción, das elites económicas e políticas no seo da UE. As oligarquías vencedoras construíron a súa hexemonía non só a través de alianzas económicas ou de interese coa banca e sectores exportadores do gran capital dos diferentes países europeos, tamén por medios ideolóxicos e a imposición do mito da UE como crisol dunha nova potencia-nación garante do progreso, a paz e a democracia, fóra da cal se está condenado ao subdesenvolvemento e a dependencia. Na construción deste mito o Euro é a clave de bóveda, sen o cal o edificio de intereses e dominacións da actual UE derrubaríase, iso explica a agresividade do discurso neoliberal pseudo-relixioso imperante cando establece que fóra do euro non hai salvación.
 
Ao longo da historia, os pobos, nacións, cidadanías, clases traballadoras, oprimidas polas potencias imperiais, coloniais, autoritarias, ou por gobernos e clases explotadoras sufriron un discurso similar co obxectivo de conseguir a súa resignación e sometemento, pero non se dobregaron e organizáronse para liberarse da escravitude, a tiranía ou a dominación. As revolucións democráticas e populares dos últimos séculos gravaron a ferro e lume unha verdade: Sen soberanía popular sobre os instrumentos e recursos da economía non hai democracia.
 
A UE realmente existente é a negación dos principios da democracia e a soberanía dos pobos. A UE das oligarquías protexidas polo novo imperio alemán non é reformable desde o seu interior. Non cederán os seus privilexios e vantaxes acumuladas desde o Tratado de Maastricht e a implantación do euro.
 
Nin sequera escoitan as advertencias do “seu amigo americano” e do seu instrumento o FMI, medorentos de que a persistencia das políticas económicas consustanciais á moeda única termine por arruinar a recuperación económica internacional e desencadee ou favoreza unha nova crise económica internacional.
 
As nacións e pobos do Sur de Europa, pola súa especial condición de oprimidos por mor da débeda, están chamados a encabezar a rebelión contra a UE opresora, antidemocrática e antisocial, e sinalar o camiño da liberdade e a xustiza social ao resto de nacións e pobos de Europa, para construír novas relacións baseadas no respecto mutuo, o pacto entre iguais e a solidariedade.
 
A emancipación das nacións e pobos do Sur de Europa esixe como precondición a saída do euro e a independencia real respecto da UE realmente existente, para recuperar a soberanía democrática e popular, garantir o dereito de autodeterminación, e poñer en marcha as políticas económicas e sociais que permitan superar a espiral recesiva das políticas neoliberais de axuste e austeridade, para avanzar na transformación da sociedade.
 
Pero toda estratexia de emancipación esixe de instrumentos organizativos que a fagan realidade.
 
As organizacións políticas, activistas sociais e persoas participantes no “Encontro Internacional pola saída do Euro”, reunidos na cidade de Barcelona, acordamos convocar o proceso constituínte por unha fronte de liberación das nacións e pobos do Sur de Europa, con vontade de actuar conxuntamente con movementos doutros países da UE con obxectivos e valores similares, que faga posible a saída do Euro e a emancipación da UE, a desvinculación da OTAN, e construír un novo proxecto de colaboración e coordinación entre estados, nacións e pobos baseados no respecto mutuo, o pacto entre iguais e a solidariedade efectiva.
 
A partir deste momento desenvolveremos os traballos preparatorios avanzando cara a unha coordinadora permanente, coa maior vontade integradora para organizar o próximo encontro onde se darán pasos concretos para constituír a fronte de liberación das nacións e pobos do Sur de Europa.
 
Barcelona 11 Outubro 2015
 
Web: http://salirdeleuro.net/
Email:  salireuro3@gmail.com
Menea e vencerás...
 
El Insurgente

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript