Outubro de 2015
 
 

NÚMERO 289 - 19/10/2015

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

Os grandes empresarios españois cobran 158 veces máis que os seus traballadores

Os presidentes das 35 grandes empresas españolas que cotizan en bolsa cobran de media 158 veces máis que calquera dos seus traballadores, segundo os datos de 2014 e que supoñen un aumento do 81% respecto de 2013, cando o primeiro executivo gañaba 87 veces máis.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os responsables das empresas do Ibex viron en 2014 aumentar o seu soldo en dous díxitos: o 80% de incremento no caso dos primeiros executivos, o 30 % para os conselleiros e o 14% para os directivos, mentres que o soldo dos empregados reduciuse un 1,5%.
 
Sublíñase no estudo ademais que hai un problema de falta “de transparencia” xa que as principais empresas españolas non dan unha información desagregada por países “e o único que se sabe é que diminuíron na súa achega ás contas do Estado”.
 
O informe corrobora que as empresas do Ibex melloran pero teñen unha distribución de renda “absolutamente desigual”. “Os afectados pola mellora son os seus primeiros responsables e os rendementos de capital” fronte ao conxunto dos cidadáns ou os seus propios traballadores, que ven reducido o seu soldo.
 
De feito, os presidentes do Ibex recibiron o ano pasado 186,8 millóns de euros, o que supón unha media de 5,5 millóns anuais cada un, é dicir, o 80% máis que en 2013. A remuneración máis alta correspondeu ao presidente de Telefónica, César Alierta, con 43,2 millóns e a menor ao de Bankia, José Ignacio Goirigolzarri, con 0,5 millóns.
 
No estudo tamén se fai referencia aos 928 contratos blindados en 2014, oito máis que o ano anterior, e ao déficit de presenza feminina nos consellos de administración, que mellorou levemente con só 5 novas incorporacións, pasando do 15,4% ao 17,1% do total de conselleiros. Sinálase que tres empresas (Sacyr, Técnicas Reunidas e Gas Natural) non teñen ningunha muller no seu consello de administración e tan só unha empresa, Rede Eléctrica, ten un 50 % de mulleres nos seus consellos.
 
Critícase que as empresas do Ibex non achegan a Facenda e cada vez pagan menos polo Imposto de Sociedades. Así, en 2007, a recadación do Imposto de Sociedades das grandes compañías da bolsa española equivalía ao 189% do dividendo que distribuían, mentres que en 2014 a cifra baixara ao 44,4%.
 
Reitérase no informe que as empresas do Ibex incrementaron este ano os seus beneficios nun 35,87% situándose por encima dos 30.000 millóns de euros e este bo resultado serviu para “retribuir aos seus accionistas e principais responsables de maneira xenerosa”.
 
EFE

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript