Setembro de 2015
 
 

NÚMERO 286 - 28/09/2015

   CUTUDC / Novidades

  SANIDADE
 

O colectivo médico alerta de que o TTIP acabará coa sanidade pública e encarecerá os medicamentos

O presidente da Organización Médica Colexial (OMC), Juan José Rodríguez Sendín, criticou o tratado de libre comercio que están a negociar “de forma opaca” a Unión Europea e Estados Unidos xa que pode abrir a porta a unha “progresiva privatización” da sanidade e “pór en risco a saúde dos cidadáns”.

 

  • Noticias relacionadas

 

TTIP_Sanidade “É unha colonización económica pola vía de atrás”, denunciou nunha entrevista a Europa Press o máximo representante dos médicos, que teme que o acordo non se faga só para “cambiar leitugas e tomates ou traer aparellos electrónicos” e acabe afectando os sistemas sanitarios, sobre todo tendo en conta que o mundo da saúde é “un dos grandes paquetes da economía mundial”.
 
A OMC organizou para o próximo 18 de setembro unha xornada en Madrid para analizar os 30 anos de España na Unión Europea e ver os retos de futuro para os sistemas sanitarios e a profesión médica, entre os que destaca este tratado cuxos contidos aínda se descoñecen.
 
Rodríguez Sendín advirte de que o acordo pode servir para “liberalizar” a atención sanitaria en Europa e asemellala ao modelo de Estados Unidos onde, a pesar dos esforzos do Goberno de Barack Obama, segue habendo 40 millóns de persoas sen asistencia “e moitos máis sen unha atención suficiente que, en Europa, está garantida”.
 
Un “encarecemento extraordinario” da atención sanitaria
 
“É o contrario á democracia, faise de forma oculta e van vir a Europa a pór unhas regras do xogo que van condicionar e supeditar aos gobernos. Os temas sanitarios deben estar fóra dun tratado de libre comercio”, esixiu.

Rodríguez Sendín considera que o poder económico e os intereses das aseguradoras e as compañías farmacéuticas conforman uns “lobbys tan poderosos” que “poden acabar gobernándote desde o punto de vista político e económico”.
 
Por iso, esta liberalización traería, segundo o presidente da OMC, un “encarecemento extraordinario” dos custos da atención sanitaria e dos medicamentos, citando o recente problema co prezo dos novos tratamentos para a hepatite C, o que “excluiría a aqueles que non teñan posibilidades de acceder a eles ou teñan un seguro para cubrilos”.
 
“Cos medicamentos demostrouse que liberalizalos e sometelos só a leis de mercado supón pór uns prezos tan disparatados que só permite pagalos a algúns”, denunciou.
 
E en termos de saúde pública, tamén podería “acabar cos avances substanciais que se conseguiron na regulación de produtos tan perigosos como o alcol ou o tabaco”. Neste último caso, segundo lembrou Rodríguez Sendín, Estados Unidos ten depositados “moitos intereses” e as tabaqueiras “un poder extraordinario”, polo que mesmo non descarta que puidese reverterse a actual Lei antitabaco que limita o consumo en lugares públicos.
 
“Hai que esixir que dean a cara”
 
“Estou seguro de que nalgúns temas van ir incluso máis aló. E ao ser oculto pode afectar a todo”, criticou o presidente dos médicos, que critica que se estea negociando “sen ningunha transparencia” un acordo que “pode limitar a soberanía dos Estados membros á hora de responder os compromisos sociais que teñen cos seus cidadáns”.
 
Ademais, outro dos aspectos do tratado que critica é a creación dun tribunal non formado por xuíces profesionais senón por expertos “postos pola iniciativa privada” que vele polo cumprimento do tratado e fixar “multas ou sancións severas” a quen non o fagan.
 
O presidente da OMC pide ao Goberno e os partidos da oposición que “esixan información” sobre as negociacións do tratado e non dean o visto e prace a ningún acordo sen coñecer antes o seu contido.
 
“Hai que esixir que dean a cara, non entendo que haxa certa tranquilidade cando estamos a condicionar e perdendo a nosa capacidade de autogoberno para entregarnos a un acordo que non sabemos como é”, espetou.
 
(Axencias)

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript