NÚMERO 286 - 28/09/2015
CUTUDC / Novidades
Chámase este espazo Voces e a nosa está afónica. O alumnado de Galego en Madrid está canso de intentar a comunicación coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e de obter respostas confusas e contraditorias, cando non o silencio.
En setembro do
2014 asistiamos á clausura das Xornadas
Internacionais UCM-UNED, na que participaba D.
Valentín García, Secretario Xeral de Política
Lingüística. Preocupados pola continuidade dos
nosos estudos, doía escoitarlle falar de todos
aqueles lugares remotos nos que o seu departamento
desenvolve programas de difusión da lingua e
cultura galegas. Sentiámonos, unha vez máis, nin
tan preto como para respirar o ar das carballeiras
nin tan lonxe como para merecer a atención da Xunta
de Galicia.
Porén, aquel día o señor García tranquilizounos ao
asegurarnos que os cursos preparatorios para os
exames CELGA nos que viñamos participando dende
anos anteriores se reanudarían na nosa cidade no
mes de xaneiro do 2015, tal e como estaba previsto.
Dous meses despois, o 27 de novembro do 2014, a
SXPL comunicáballe á nosa mestra, Carme Lamela, que
ditos cursos quedaban suspendidos “por razóns
organizativas e xurídicas”.
O 4 de marzo deste ano, na Comisión 4ª de Educación
e Cultura do Parlamento rexional, en resposta a
unha pregunta do Grupo Mixto, o Secretario Xeral
afirmaba que a suspensión se debía á necesidade de
redeseñar as actividades formativas e que unha nova
edición mellorada sería presentada en maio. Chegou
a data anunciada e o único deseño do que puidemos
gozar foi o das margaridas.
No mes de agosto pasado, o Diario Oficial de
Galicia publicou, por fin, a nova oferta
formativa encamiñada a obter a cualificación CELGA.
Madrid queda excluído.
Detrás destas mensaxes erráticas hai máis de
noventa persoas matriculadas pero sen clases.
Persoas que se achegan ao estudo da lingua galega
dende diferentes intereses e motivacións, pero
todas elas cun proxecto vital interrompido.
Actualmente, movémonos entre a perplexidade e o
desalento, entre a incerteza e a carraxe.
Incrédulos ante unha política lingüística que nos
converte en monicreques.
Mentres nos despachos se xoga ao xadrez, na praza
agardan posíbeis oportunidades de traballo,
identidades en construción e amores que se botan de
menos. Todos eles se resisten a ser varridos como
follas secas amontoadas na rúa do desterro.
En Madrid agarda unha aula, alumnado e unha mestra
apaixonada polo seu traballo pero falta, de
momento, o apoio institucional necesario para
poñernos outra vez en marcha.
Na nosa peregrinaxe de retorno á casa
resultou que alguén borrou as frechas amarelas e
non sabemos se dar a media volta e esquecer
Santiago ou seguir alimentando a fe.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript