Setembro de 2015
 
 

NÚMERO 285 - 21/09/2015

   CUTUDC / Novidades

  LABORAL
 

A CUT denuncia unha fraude da CRTVG á Seguridade Social que estima por riba dos 4 millóns de euros

O sindicato detectou infracotizacións nas nóminas do conxunto do persoal que segundo as súas estimacións superan os 4 millóns de euros e poderían chegar aos 15 millóns, e pide a asunción urxente responsabilidades políticas pola gravidade dos feitos.

 

  • Noticias relacionadas

 

A CUT presentou denuncia en Inspección de Traballo e Seguridade Social contra a Compañía de Radio-Televisión de Galicia por unha fraude concretada en diferenzas mensuais de cotización de entre 100 € e 700 € na nómina de cada un do case milleiro de traballadores e traballadoras da empresa nos últimos 4 anos.
 
En xaneiro deste ano, cando aínda non se tiña unha perspectiva do alcance da infracotización millonaria, a CUT solicitara da dirección da empresa unha regularizacion urxente, que se deu só para os primeiros meses deste ano e, contrariando a legalidade, foi realizada detraéndolle cantidades aos propios traballadores e traballadoras que sufriron esta merma nas súas cotizacións.
 
Este incumprimento comezou en 2010, coa desobediencia empresarial do mandato do RDLei 8/2010, de 20 de maio, de continuar malia os recortes sostendo a cotización de maio dese ano, cunha tallada ilícita nas cotizacións do conxunto do persoal da empresa que agás excepcións, sufriu unha importante rebaixa.
 
A CUT considera unha vergoña que fronte ao seu deber de colaboración con outras Administracións e a exemplaridade que unha empresa pública baixo supervisión parlamentaria debe dar, durante todos estes anos os reiterados incumprimentos empresariais xogaran degradando e baleirando a imprescindíbel caixa da Seguridade Social, compromentendo o futuro das traballadoras e traballadores do ente, pero non só.
 
A central sindical demanda a inmediata asunción de responsabilidades políticas por estes feitos gravísimos e demanda explicacións inmediatas do Director Xeral sobre o acontecido, malia que, ao evidenciarse a nefasta xestión do ente público, a CUT entende que a conclusión non pode ser outra que o cese do Director Xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia e do seu equipo directivo como máximos responsables.
 
A CUT seguirá de preto a instrución de Inspección Laboral, colaborando coa Administración para regularizar a situación do cadro de persoal da empresa. Ao tempo fai un chamado a todos os traballadores e traballadoras afectados que cobraran a prestación de desemprego, maternidades, incapacidades, xubilacións, etc. -xa continúen en activo ou foran despedidos- a que presten atención ao curso desta denuncia, porque de prosperar abrirá unha vía incuestionábel para que recuperen os seus dereitos económicos perdidos. Atenderemos todas as consultas que os nosos compañeiros e compañeiras teñan sobre este tema.

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript