Xullo de 2015
 
 

NÚMERO 282 - 20/07/2015

   CUTUDC / Novidades

  OPINIÓN - José Sanclemente
 

O control político dos medios de comunicación

O panorama político que se configurou coas eleccións do 24 M e as posteriores alianzas de gobernos municipais e autonómicos con novos actores políticos na sociedade española debería tamén concretarse en novas regras para xestionar os medios de comunicación públicos e establecer un novo trato cos privados.

 

  • Noticias relacionadas

 

Os cidadáns gastámonos algo máis de 2.000 millóns de euros en subvencionar as televisións e radios públicas (incluída RTVE), e o Goberno do estado destina 170 millóns a publicidade institucional e comercial. Os diferentes concellos e comunidades autónomas, á súa vez, gastan por este concepto en torno a 50 millóns e ademais outorgan diferentes subvencións aos medios privados de comunicación sen criterios obxectivos.
 
O clientelismo político dalgúns medios privados é proporcional á cantidade económica que o erario lles inxecta e o sometemento ideolóxico dos medios públicos ao goberno do estado, aos gobernos autonómicos e aos municipais alcanzan límites insostibles.
 
A publicidade e as subvencións repártense entre os medios privados sen obxectividade e transparencia, e os medios públicos están sometidos ao ditado dos gobernantes en cada praza.
 
O novo panorama político ofrece unha oportunidade magnífica para erradicar as prácticas de escurantismo e manipulación mediática. A nova política non debe controlar a información e debe permitir que os profesionais do periodismo a exerzan con liberdade apoiando as súas empresas xornalísticas con obxectividade e transparencia.
 
Que diarios como La Razón ou ABC, por poñer dous exemplos, sexan premiados nas campañas publicitarias e subvencións do poder político, fronte a outros medios con maior audiencia, ten que rematarse. Non son tan iluso como para descoñecer que as grandes empresas e entidades financeiras seguirán facéndoo buscando réditos informativos, pero o diñeiro que é de todos debe empregarse dun xeito ecuánime e eficaz.
 
Hai moitos países europeos que teñen establecidas axudas á prensa como garantía da pluralidade informativa e á liberdade de expresión, pero estas axudas son transparentes e controladas polos parlamentos con criterios obxectivos e, por descontado, a distribución dos ingresos publicitarios está sempre en relación coa audiencia dos medios e non coa súa compracencia co poder.
 
A nova política cos medios, a actual e a que está por vir ante o previsible cambio político, ten que basearse en criterios obxectivables. Non debe ser clientelista e sectaria porque o periodismo non o é, ou non o debería ser se quere recuperar o seu papel de contrapoder e de credibilidade ante os cidadáns.
 
Cando se oen algunhas voces dos "novos políticos" en relación a que os medios de comunicación deberían estar baixo control, eu suxeriríalles que matizasen que non se refiren aos actuais conceptos de dominio, mando ou dirección política. Non vaia ser que quedemos como estamos.

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript