Maio de 2010
 
 

03/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Ante a Reforma Laboral do Goberno: NON ao abaratamento do despedimento e a privatización da intermediación laboral. Organicemos un movemento por unha alternativa social e política!

 

 

O goberno leva meses sentándose con sindicatos maioritarios e patronal para alcanzar algún pacto encamiñado a reformar a regulación das relacións laborais. Agora encontrou máis comprensión por parte da patronal co seu último documento de propostas. As direccións sindicais maioritarias parecen estar desconformes co abaratamento do despedimento e o papel das axencias de colocación privada na intermediación laboral, pero, para non prexudicar electoralmente a un "goberno amigo" e a súa aceptación de certas medidas (bonificación pola contratación xuvenil, modelo alemán, etc...), non parecen decididas a moverse coa contundencia que require a situación. É preciso, ante o que se nos vén enriba, impulsar unha mobilización xeral contra o goberno e a patronal, esixindo as direccións sinidicales que se sumen á presión na rúa.

 


O goberno móvese inspirado naquel manifesto neoliberal dos 100 economistas. En lugar de ver as contradicións capitalistas, a crise financeira e especulativa e a bancarrota da UE como as causas da crise e como principal obstáculo da recuperación, insisten en sinalar que radica o "modelo dual de mercado de traballo" e nos custos laborais. Isto é unha falsidade manifesta, unha mentira escandalosa e unha fraude perversa. O Goberno propón a enésima contrarreforma que deteriora dereitos, posto que opera no modelo de contratación -desregularizando a contratación a tempo parcial-, nas condicións de despedimento -abaratándoo-, no sistema de bonificacións e custos laborais -reducíndoos-, no sistema de intermediación laboral -privatizándoo- e noutros capítulos, como os Expedientes de Regulación de Emprego (os famosos EREs).

Medidas principais que defende o Goberno:

  • Aposta polo abaratamento do despedimento e dos custos laborais por diferentes vías:
  1. Xeneralizando o contrato de fomento con indemnización por despedimentos de 33 días, para que se use en vez do ordinario de 45 días por ano traballado.
  2. Reordenando a casuística de tipos de despedimento para facer máis doado que as empresas acóllanse a tipos de despedimentos que xustifiquen menos custos.
  3. Ampliando as bonificacións á contratación indefinida dun amplísimo número de colectivos.
  4. Fomentando un abaratamento ou unha desregulación do emprego a tempo parcial -que, na práctica, agudizará a actual segmentación do mercado laboral entre homes e mulleres, xa que son estas últimas as que en maior medida son contratadas a tempo parcial-, bonificando a modalidade indefinida con horario fixo, ou permitindo adaptar os horarios do emprego a tempo parcial ás variables condicións produtivas -neste caso, habería de ser emprego indefinido-. Para os efectos de días cotizados habería un coeficiente corrector para os efectos da pensión.
  5. Ampliando a posibilidade de usar o contrato de formación para o colectivo xuvenil ata os 24 anos, exento de cotizacións e de custos da formación nas pequenas empresas, e seguir permitindo que o primeiro ano se siga cobrando menos que o SMI (salario mínimo interprofesional). Non obstante, recibirían dereito de prestación de desemprego.
  6. Establecendo o sistema austríaco de indemnizacións, no que o traballador porta consigo dereito a un fondo que acumula cando pasa de empresa a empresa. As empresas pagan mes a mes unha pequena contía que vai a ese fondo e se o traballador cambia de empresa non o perde, facilitando a mobilidade laboral e a formación ao longo da vida. Todas as empresas (e non só as que despiden) págano, pero anticípano e non supón un obstáculo a salvar cando se decide un despedimento. Á súa vez, os novos contratos de fomento poderían levar consigo unha exención nos custos extintivos dos despedimentos colectivos e obxectivos para as empresas, con recurso ao FOGASA (fondo de garantías salariais) para complementalos (posiblemente un 40%). Aquí hai un abaratamento de custos para o empresariado e que paga a Seguridade Social -na práctica, fondo de salarios-.

 

  • Tamén se propón "privatizar" a intermediación laboral:
  1. Ampliando a marxe de operatividade e o ámbito de actuación das ETTs, mesmo para empregar traballadores en actividades perigosas (únicos casos nos que se supervisará) e coa aceptación orixinada na negociación colectiva para certas ocupacións.
  2. Buscando que as axencias privadas de colocación con ánimo de lucro operen na actividade de intermediación que realizan os Servizos Públicos de Emprego, coma se llas quixese subcontratar establecendo un convenio de colaboración. En boa medida, isto supón unha privatización, con todos os intereses particulares que isto comporta, e unha contribución a unha maior segmentación do mercado de traballo, con efectos non soamente selectivos senón tamén discriminadores, sen unha maior garantía de dinamización, transparencia e obxectividade nas colocacións.

 

  • Aceptando a proposta do modelo alemán, que combina reducións de xornada e prestación de desemprego, e enmarcándoo nun conxunto de reformas dos Expedientes de Regulación de Emprego. Ao ser no marco de EREs de redución de xornada ou de suspensión, o seu efecto será moi limitado. Ademais, o modelo, aínda que pode ser un amortecedor para certos colectivos, supón repartir o desemprego e recae sobre a seguridade social o custo -e, polo tanto, sobre o salario indirecto da clase traballadora-.

Valoración

A creación e o mantemento do emprego dependen da política económica. A regulación laboral inflúe no tipo e a calidade do emprego. Se a política económica é contractiva, o emprego, nun contexto de recesión, seguirase destruíndo.

O modelo de inestabilidade e vulnerabilidade laboral non é só algo que afecte á contratación temporal. A precariedade é un fenómeno complexo que inclúe factores como a remuneración, a penosidade, a perigosidade, o tempo e o contido do traballo. Por outra parte, a inestabilidade e incerteza laboral é só gradualmente diferencial, pois actualmente o despedimento é practicamente libre. O emprego indefinido só ten un menor custo de despedimento e a figura do contrato fixo xa só é propia do funcionariado.

En termos globais, as bonificacións e o abaratamento do despedimento supoñen deteriorar dereitos do conxunto da clase traballadora, co fin de aumentar a taxa de explotación do capital, na medida que supón abaratar os custos laborais sen estimular a creación de emprego, senón máis ben ao contrario, facendo máis doado despedir.

As bonificacións á contratación demostraron historicamente que o seu único efecto é modificar a posición na cola do paro duns colectivos fronte a outros. A pretendida concentración das bonificacións para a xuventude, que supoñen unha gran contía de diñeiro, ao final esvaécese e perde o seu pretendido efecto positivo, porque a lista de colectivos bonificados remata sendo amplísima. Ademais, cando do que se trata é de "bonificar" a contratación de mulleres, remátanse impulsando fórmulas que promoven a súa contratación a tempo parcial (o 80% deste tipo de contratos son femininos). Baixo a falaz bandeira da "conciliación", o estímulo ao tempo parcial (en realidade, ao tempo parcial feminino) valida o modelo de "salario e medio" familiar sen corresponsabilidade do varón nas tarefas de crianza e domésticas. Non fan máis que reforzar a actual división sexual do traballo: mulleres con contratos a tempo parcial que levan a cabo en soidade as tarefas reprodutivas e de coidados fronte a homes con contratos a tempo completo (e xornadas cada vez máis longas). Iso constitúe un obstáculo fundamental tanto para o logro da autonomía económica das mulleres como para conseguir a corresponsabilidade entre homes e mulleres respecto á repartición do necesario traballo de coidados.

Se do que se trata é de crear emprego, sería moito máis eficaz dedicar todos eses fondos -que se drenan das arcas da Seguridade Social: é dicir, dos salarios diferidos da clase obreira- para emprender actividades e servizos públicos moi necesarios dende o punto de vista social e ambiental, con efectos multiplicadores, creando emprego público directo.

O goberno sabe perfectamente que reducir custos laborais non representa o factor fundamental de estímulo ao investimento e á creación de emprego. Nun contexto capitalista, o estímulo básico son as expectativas de beneficio e que estas superen as esixencias de retorno do capital financeiro. Mentres a ganancia sexa o criterio do modelo económico, as crises e os problemas sociais serán recorrentes, o cal é unha contradición consubstancial e insuperable do capitalismo.

O goberno foi degradando a suposta orientación de converxencia de custos entre emprego temporal e indefinido ata abandonar os anunciados aumentos do custo de despedimento e o aumento de cotizacións por desemprego do emprego eventual. Ademais, quérense arbitrar todos os mecanismos para determinar a modalidade máis barata de despedimento.

Por unha reforma laboral á ofensiva

En definitiva, esta enésima contrarreforma empeorará as condicións sociolaborais dos e as traballadoras. Só servirá para socializar a miseria e o desemprego e dar máis manga ancha a unha patronal incapaz de renovar o tecido industrial e que descarga sistematicamente na clase obreira as dramáticas consecuencias da súa propia incompetencia.

O efecto dunha reforma así, de levarse a efecto, reforzaría unha maior segmentación do mercado de traballo. Ao non encarecer a contratación temporal, dificilmente deixará de ser atractiva, e continuarase xeneralizando para aplicar unha xestión cada vez máis precaria da forza laboral. A precarización seguiría estendéndose en toda a clase traballadora asalariada, golpeando con máis severidade aos colectivos que se encontran peor posicionados: mulleres, novas e inmigrantes.

Nin que dicir ten que estas son agresións inaceptables nun contexto no que ao capital non lle queda outra que seguir agredindo sen concesións. O único que van discutir os partidos que optan aos gobernos deste Estado burgués é no ritmo, a intensidade e a posibilidade de pactar por onde golpear de novo aos e as asalariadas.

Por este motivo, a resposta da clase traballadora e toda a cidadanía debería ser contundente, organizada e sostida no tempo ata bloquear iniciativas como esta e impoñer un cambio de modelo. A liña inicial para un cambio debe pasar por un cambio político e institucional internacional, un cambio nas políticas económicas, produtivas e enerxéticas, e un modelo laboral que esixa reformas laborais á ofensiva dende a óptica dos e as traballadoras. Pero, para que iso sexa posible, é fundamental ir preparando unha remobilización masiva da poboación e vencer a resignación reinante ante os efectos desvastadores da crise capitalista en curso.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript