Maio de 2010
 
 

03/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Un país en paro

 

 

O INE confirmou onte os datos da Enquisa de Poboación Activa adiantados o luns por erro, que falan de 4.612.700 desempregados, o cal equivale a unha taxa do 20,05% e Galicia convértese na comunidade na que máis aumentou o desemprego.

 


 

 

Ao final, os datos publicados por erro o luns no portal do INE confirmáronse. A filtración fixo dificilmente xustificable calquera maquillaxe, aínda que o martes, a secretaria xeral de Emprego do Ministerio de Traballo, Maravillas Rojo, insistía en que eses datos "non existen". Onte confirmouse que a deterioración do mercado laboral segue agudizándose. No primeiro trimestre de 2010, Galicia sumou 32.200 novos parados, ata alcanzar unha cifra de 200.600 persoas e unha taxa de de- semprego do 15,5%, case catro puntos por baixo da estatal, que se situou no 20,05% e pasou así por primeira vez desde finais dos 90 a barreira do 20% da poboación activa. Así, en España o paro incrementouse en 286.200 persoas, co cal o número de desocupados elévase xa a 4.612.700.

Os datos da Enquisa de Poboación Activa difundidos onte xa de xeito oficial non revelan aínda os signos de normalización e estabilización económica que anuncia o Goberno. No caso de Galicia, os desempregados creceron entre xaneiro e marzo un 19,1% con respecto ó trimestre anterior e un 23,3% en relación ó mesmo período de 2009. En 12 meses o número de parados aumentou en 37.900 persoas, das que preto de 20.500 son homes e case 17.500 mulleres.

Entre os datos preocupantes que recolleu tamén o Instituto Galego de Estatística (Ige) cabe destacar que o número de fogares nos cales todos os seus membros activos están parados aumentou en 15.200, ata alcanzar os 111.500, mentres que a cifra de fogares nos cales todos os seus integrantes están ocupados baixou en 27.700, ata as 562.800 familias. No ámbito estatal, o número de fogares con todos os seus membros en paro ascendía xa no primeiro trimestre a 1.298.500, logo de aumentar en 230.200 con respecto ó mesmo período do ano anterior, o 21,54% máis.

Por sectores de actividade, a maior caída na ocupación en Galicia experimentárona os servizos (16.300 persoas menos), a industria (resta 10.800), construción (perdeu 8.700 traballadores) e a agricultura e pesca (-6.000), na liña do que ocorreu en toda España. No primeiro trimestre do ano, o axuste laboral seguiu cebándose cos traballadores temporais, que soportaron a maior perda de empregos desde o estalido da crise. Así, Galicia perdeu 20.500 asalariados con este tipo de contrato (unha caída do 8,9%) entre xaneiro e marzo, mentres que só 6.300 indefinidos, un 1% menos que no trimestre anterior. Ó comparar cifras co mesmo período de 2009 os datos reflicten como os temporais foron expulsados do mercado, xa que Galicia conta agora cun 15,6% (38.800 persoas) menos que hai 12 meses e unha taxa de temporalidade (calculada como a porcentaxe de asalariados con este contrato sobre o total) que baixou ata o 24,3%.

Por idades, o maior incremento produciuse entre os parados de entre 25 e 54 anos, que subiron en 27.400 persoas en Galicia, un 22,2% máis que no cuarto trimestre de 2009. Doutra banda, sumáronse ás filas dos servizos públicos de emprego galegos 2.900 persoas máis de entre 16 e 24 anos (-9,1%) e 2.000 maiores de 55 anos (-15,6%).

A provincia de Pontevedra, condicionada polo importante peso da industria, lidera o ranking galego en número de desempregados, co 18,4% da súa poboación activa en paro: 83.200 desocupados. Séguea A Coruña, cunha taxa de desemprego do 13,9% e 76.800 parados; Ourense, co 16,6% de taxa e 23.300 persoas sen traballo; e Lugo, coa menor porcentaxe de desempregados en relación á súa poboación activa (11,3%, 17.300 persoas sen emprego).

A Zapatero non se lle pode outorgar credibilidade ao falar, entre outras moitas cousas, do desemprego

O 28 de xuño de 2009, o presidente do Goberno declarou con gran solemnidade que "o peor do paro" xa pasara. Dende aquela data o paro non só non baixou, senón que, segundo o dato que esta semana publicou por erro o INE, incrementouse en 600.000 persoas máis e xa supera o 20%. Agora volve dicir que "o paro tocou teito".

De verdade pensa José Luis Rodríguez Zapatero que alguén o vai crer a estas alturas?

O principal activo dun político é a credibilidade. E, revisando as súas anteriores predicións e a súa pésima xestión, é evidente que o inquilino da Moncloa perdeuna toda.

Feijóo di que non lle mente a Galiza, mais o desemprego e as privatizacións están aí (dicía que en 45 días remataría co desemprego e a crise que atribuía ao bipartito)

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript