Maio de 2010
 
 

03/05/2010

   CUTUDC / Novidades

  ACTUALIDADE

 

Só tres de cada cen horas en lingua galega

 

 

Os portavoces de lingua dos partidos participaron nun debate sobre idioma propio na universidade.

 


 

A situación lingüística que vive Galicia preocupa a moitos sectores sociais da comunidade, tamén á Universidade. Na pasada semana, o comité de estudantes de Filoloxía da Coruña organizou unhas xornadas chamadas Normalizando a lingua, normalizando a nación nas que membros dos grupos políticos do Parlamento e representantes de sindicatos, entre outros, tomaron parte nunha serie de debates nos que os estudantes participaron de forma activa. Na mañá do venres houbo todo un debate case parlamentario entre os portavoces de lingua de BNG, PSOE e PP. O nacionalista Bieito Lobeira e o socialista Francisco Cerviño semellaban xogar de partida nun terreo afín. Agustín Bahamonde, polo PP, non puido convencer aos alumnos congregados no salón de actos de que o decreto do plurilingüismo que a Xunta pretende validar é o necesario. Quizais os maiores protagonistas da xornada foron os propios alumnos coas súas preguntas.

“A semana pasada comecei a dar aulas para a Escola de Idiomas. Dos 25 alumnos que teño, e que teñen entre 17 e 18 anos tan só un fala habitualmente galego”, dixo un rapaz dende unha esquina do auditorio. “Non sei se iso pode considerarse normalización”, espetou a Bahamonde. Outro mozo manifestou o seu desacordo co decreto do galego posto en marcha polo bipartito. “A verdade, tal e como acaba de dicir Lobeira, eu creo que este decreto, que vostedes ven como de imposición, non foi ambicioso porque as materias seguían sen impartirse en galego. Agora estudo Enxeñería Informática, Estiven botando contas e só recibo en galego o 3% das horas lectivas”, aseverou.

Unha moza explicou como estaba facendo un proxecto de investigación no que lle recomendaban para a súa tese “ser o máis internacional posible”. “Entón, debo empregar o galego, é o suficientemente internacional?”, explicaba. Os alumnos que se dispuxeron a levantar a man e facer as súas preguntas aos tres deputados foron enumerando casos nos que o seu dereito a empregar o galego non era respectado. “Para poder escoller temos antes que coñecer, iso non se fará co decreto”, sentenciaron os rapaces.

 

 

 

CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript