03/05/2010
CUTUDC / Novidades
ACTUALIDADE
Os seis conselleiros executivos do Banco de Santander cobrarán máis de 251 millóns de euros en pensións, segundo a información remitida pola entidade financeira á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV).
Deste grupo de conselleiros é Alfredo Sáenz Abad o que maior pensión recibiría, xa que suma 85,7 millóns de euros, mentres a segunda contía en importancia lle corresponde a Francisco Luzón López, con 53,5 millóns de euros asignados.
A terceira pensión das seis corresponde a Matías Rodríguez Inciarte, cun montante de 52,5 millóns de euros, mentres para Emilio Botín, segundo os datos enviados á CNMV, a pensión é de 24,6 millóns de euros.
A Ana Patricia Botín correspóndenlle 23.7 millóns de euros e a menor pensión corresponde a Juan Rodríguez Inciarte, cunha cantidade de 10,9 millóns de euros.
Na información remitida á CNMV explícase, respecto ao sistema de previsión do Banco, que os conselleiros executivos teñen recoñecido o dereito a percibir un complemento de pensión en caso de prexubilación ou xubilación, que poderá ser externalizado polo Banco.
O Banco, engade, poderá solicitar a prexubilación dos conselleiros executivos sempre que cumprisen os 50 anos de idade e leven máis de 10 anos no Banco ou noutras empresas do Grupo.
Do mesmo modo, os conselleiros executivos poderán prexubilarse, a petición propia, cando cumpran 55 anos e conten cunha antigüidade de 10 anos no Banco.
Recoñécense así mesmo dereitos de pensión para o suposto de incapacidade e a favor do cónxuxe (viuvez) e fillos (orfandade) para o caso de falecemento do conselleiro executivo.
A contía dos complementos de pensión vitalicia consiste, polo xeral, no importe necesario para alcanzar unha cantidade anual bruta equivalente ao 100% do salario fixo que estivese a percibir o conselleiro no momento do cesamento efectivo do seu traballo máis o 30% da media das tres últimas retribucións variables percibidas.
Nalgúns casos, se a prexubilación fose por decisión do conselleiro, a suma que resultara da aplicación do anterior criterio veríase reducida en porcentaxes que van do 20% ao 4% en función da idade que teña o conselleiro ao producirse a prexubilación.
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript