Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 279 - 29/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - A MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
 

A Mesa reclama ante as Nacións Unidas que se respecten os dereitos das e dos galegos falantes

No informe presentado pola Mesa e ELEN sinalanse casos concretos e moi graves que demostran que estas discrimación son sistémicas por parte do Estado

 

  • Noticias relacionadas

 

Xenebra, 25 de xuño de 2015-. A Mesa pola Normalización Lingüística a través do seu presidente Marcos Maceira, participou hoxe dentro do 29º Exame Periódico Universal do Consello de Dereitos Humanos das Nacións Unidas.
 
A Mesa, xunto outras entidades do Estado español que forman parte de ELEN, sinalou hoxe en Xenebra, perante o Consello de Dereitos Humanos da ONU, que a discriminación contra as linguas oficiais distintas do español é completamente inaceptábel e que debe cesar de xeito inmediato.
 
A Mesa e ELEN instaron ao Consello de Dereitos Humanos da ONU, co apoio dos Estados membros, a tomar as medidas necesarias de inmediato, a facer una chamada á orde ás autoridades competentes en España, e a tomar medidas que garantan o cesamento da discriminación lingüística contra os falantes de idiomas propios en territorios baixo soberanía española.
 
Finalmente a Mesa e ELEN solicitaron da UE que abra un procedemento de infracción contra España por infrinxir as normas da UE contra a discriminación, incluída a Carta dos Dereitos Fundamentais (Art. 21, 22), a Directiva sobre igualdade e outras medidas como a Carta Europea das Linguas.
 
Segundo sinalou o presidente da Mesa, en rolda informativa posterior á intervención, “viñemos denunciar casos moi graves, que vulneran calquera principio democrático e de respecto pola dignidade dos pobos e das persoas que os compoñen, que teñen lingua propia e a quen non se lles permite exercer dereitos cidadáns e humanos elementais se o fan na súa lingua”.
 
Maceira referiuse ao caso de Vigo que se xulgará o 21 de xullo tras ser admitida a trámite a denuncia dun doente a quen se lle atrasou case dous anos unha operación tras requirir asinar a correspondente autorización en galego.
 
O impreso non se lle quixo dispoñibilizar en galego até meses máis tarde, co conseguinte agravamento do seu estado de saúde. Malia a desestimación polo SERGAS, cunha resolución en que porén recoñece a vulneración do dereito a utilizar galego.
 
“Casos coma este ou persoas ás que se lle rexeita en entrevistas de traballo o dereito fundamental de se expresaren na súa lingua, desatención, insultos e ameazas por parte dos corpos de seguranza do Estado, deben ser coñecidos pola comunidade internacional porque quen despreza a lingua dun pobo está a desprezar un pobo e iso é racismo”, indicou Maceira, que reclamou para as galegas e galegos os mesmos dereitos a usar a súa lingua que unha cidadá de Albacete, de Lisboa ou de Bonn. “Non queremos nada menos” rematou.
 
Arquivos anexos a descargar:
 
image (127 kB)

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript