Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 279 - 29/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  WERT VAISE
 

Rajoy aceptou a dimisión do seu ministro máis mentireiro e déspota

Márchase Wert. Márchase porque lle da a gana e marcha cando lle da a gana. Prefire vivir o seu matrimonio con Montserrat Gomendio en París que aguantar aquí o que pode e se espera sexa unha reacción unánime da oposición cando gañe as próximas eleccións. A oposición, na súa práctica totalidade, está comprometida a retirar as leis que Wert sacou adiante e que provocaron unha morea de folgas, manifestacións, desplantes e que uniron á práctica totalidade da cidadanía que cunha soa voz reclamou insistentemente o seu cese.

 

  • Noticias relacionadas

 

O seu paso polo ministerio do responsable de leis como a LOMCE, foi un ataque reiterado a todo o ensino público e, nomeadamente á universidade pública coa intención clara de proceder ao seu desmantelamento, recortando orzamentos, incrementando taxas, reducindo a contía das bolsas…, pero non só se ocupou de dar un pau de morte ao ensino público, tamén tivo tempo para incrementar o IVE cultural ao 21%. O “ministerio” de Wert só se pode cualificar como o máis nefasto desde a denominada transición.
 
Pois si, vaise Wert, non fomos capaces de botalo, vaise sabendo que é un indesexable pero, como moitos outros persoeiros da dereita e do PSOE vaise para gozar dun deses retiros dourados que ten ben merecido despois de cumprir fielmente o cometido que lle asignaron. Wert reduciu o orzamento do ministerio nun 30% respecto do goberno anterior e para iso o nomearon. Wert puxo os piares da privatización do ensino e da universidade elitista cumprindo os obxectivos para o que o nomearon. Wert incrementou o IVE para crear as barreiras económicas necesarias para que achegarse á cultura sexa imposible para a clase obreira, para iso o nomearon.
 
A estes políticos non lles importa nada o sufrimento da xente, as colas para recoller alimentos ou para esa esmola que representa a RISGA, tampouco que a mocidade teña que saír do país para buscar o que aquí se lle nega, iso nunca o viron, eles cando saen do estado é para ser embaixadores ou ocupar algún choio nalgún organismo europeo.
 
Pensa o goberno que, co seu substituto, rebaixará a tensión social creada por este individuo e afrontar, deste xeito en mellores condicións as próximas eleccións xerais. Se deixamos de mobilizarnos se pese a todo o acontecido nos prestamos a conciliar Rajoy terá o traballo feito e, estenderémoslle a alfombra até o sillón presidencial. Non podemos decaer, polo tanto, nas mobilizacións, mentres que siga en vigor a LOMCE, o 3+2, as políticas de bolsas, as taxas universitarias que limitan ou impiden matricularse aos nosos fillos e fillas no ensino superior o nosa mobilización e o noso berro ten que se escoitar alto e claro dun a outro lado do territorio.
 
RAJOY, A LOITA NO ENSINO CONTINÚA!!

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript