NÚMERO 279 - 29/06/2015
CUTUDC / Novidades
O xornal “La Voz de Galicia” publicou o pasado domingo unha entrevista ao director xeral de Centros da consellería de Educación, José Manuel Pinal, no que pon na súa boca unhas afirmacións que quixeramos respostar.
1.- En Galicia existen
dúas confederacións de ANPAs de centros públicos,
con diferente ámbito xeográfico e moi identificadas
en cadansúa zona, cando o sr. Pinal fala de que
“unha das confederacións di en privado o contrario
do que manifesta publicamente” está abrindo sobre
as dúas a dúbida sobre ese comportamento.
Na Confederación ANPAS GALEGAS, e sen poñer en
dúbida a actuación da outra confederación que
responderá pos si propia, todo o que dicimos está
publicado para que o lea calquera que o desexe, e
as nosas intervencións públicas responden sempre á
mesma liña de traballo, que tamén temos publicada.
En concreto, sobre o tema obxecto da entrevista, os
libros de texto, sempre dixemos o mesmo: “todo o
ensino público e os seus servizos complementarios
deben ser sufragados integramente con fondos
públicos; e isto atinxe non só aos servizos
docentes, senón aos materiais docentes necesarios,
nomeadamente aos libros de texto”. Consecuentemente
sempre defendemos, en público e tamén en privado, a
volta ao sistema de Préstamo universal e gratuíto
organizado e xestionado integramente por fondos e
persoal da Administración Pública.
Agradeceriamos ao sr. Pinal que cando faga
referencias á unha confederación o faga con todo
detalle, diferenciando a quen se refire, porque o
traballo serio, responsable e gratuíto que
realizamos merece cando menos a mesma seriedade no
respecto que nos adebedan os nosos representantes
públicos.
2.- “Unha cousa é unha confederación e outra unha
ANPA concreta, onde ven a realidade”. Fronte ao que
poida opinar o sr. Pinal, a nosa Confederación está
absolutamente pegada á realidade concreta, non
somos máis que unha suma de Federacións que son á
súa vez unha suma de ANPAs, non temos outra
entidade nin queremos tela porque sabemos que esa é
a maneira de que a voz das familias chegue máis
alto e máis claramente.
É sorprendente que o responsable dun modelo de
xestión dos libros de texto que actualmente está
cuestionado por absolutamente toda a comunidade
educativa, por todos os partidos políticos da
oposición, polos sindicatos e polos movementos
sociais, e que está xa dando un erro tras outro
mesmo antes de se aplicar, un sistema que o propio
conselleiro tivo que rectificar aos poucos días de
publicarse para abrilo a todas as familias con
rendas baixas porque non prevía esa cobertura, se
atreva a falar de “ver a realidade”.
Quen non ve a realidade é o sr. Pinal, como
desgrazadamente se está a demostrar na incerteza
que este procedemento está a provocar entre as
familias, no erróneo dos datos manexados pola
administración educativa, na sobrecarga imposible
de traballo que está a recaer entre os equipos
directivos dos centros públicos, e no rexeitamento
da sociedade toda.
Faremos comunidade educativa a partir do momento no
que o respecto sexa o principio sobre o que se
asente a relación entre as familias, o profesorado
e a administración, e os nosos fillos e fillas
precisan desa comunidade; quizais quen non é quen
de manter ese respecto dun xeito permanente non
debería formar parte desa comunidade..
Quen somos | Contacto | Axuda
cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript