Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 278 - 22/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  LINGUA - Manuel González Prieto
 

Unha eutanasia controlada: o galego no Bierzo

A Consellería de Educación da Xunta de Castela e León bota fóra do currículo de Bacharelato a materia de Lingua e Cultura Galegas. Segundo a nova orde educativa, do día 4 de maio 2015, será considerada materia de libre configuración autonómica e impartida en horario non lectivo. O alumnado que a escolla terá tres horas máis en 1º Bacharelato e 4 horas máis en 2º de Bacharelato.

 

  • Noticias relacionadas

A Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento galego reunirase o martes, día 16 de xuño, para debater entre outros puntos a seguinte proposta non de lei do Grupo Parlamentario do Bloque Nacionalista Galego:
 
Sobre a actuación que debe levar a cabo o Goberno galego en relación co impacto, no ensino da lingua galega no Bierzo, da Orde pola que se establece o currículo e se regula a implementación, a avaliación e o desenvolvemento do Bacharelato na Comunidade Autónoma de Castela e León.
BOPG número 469, do 28.05.2015. Publicación da iniciativa
 
1. Unha realidade histórica
É ben sabido que a lingua propia do Bierzo occidental é o galego: a lingua que resultou da evolución do latín de maneira natural foi o galego, como se demostra da documentación medieval, e esta era a lingua habitual da maioría dos  seus habitantes ata non hai moito tempo.
 
Pero circunstancias idénticas ás que actuaron en Galicia fixeron que o castelán conte cunha presenza maior entre a poboación e que haxa unha diminución de falantes, perda de funcións e a lingua esmoreza dunha maneira dramática. As causas desta situación foron semellantes ás que actuaron en Galicia, co agravante de se atoparen os e as galegofalantes desta zona co contacto moito máis próximo e intenso do castelán ou do leonés, e de que o seu territorio se acha fóra da Galicia administrativa, polo que nin sequera se viron favorecidos polas escasas accións de protección e prestixio do galego levadas a cabo dentro das catro provincias galegas.
 
2. SOS Lingua Galega
O certo é que neste momento os e as falantes galegas son cada vez menos e estamos ás portas de que o galego se converta nunha lingua morta neste territorio, morte á que están contribuíndo de maneira decisiva os responsables políticos. Se se estivese esboroando a Catedral de León o goberno de Castela e León botaría inmediatamente man do asunto, o goberno Central implicaríase, e non teño ningunha dúbida de que o goberno de Galicia se ofrecería inmediatamente para prestar a súa axuda.
 
3. Por que non nos axudan?
A lingua é un patrimonio inmaterial que vai unido á identidade dos pobos, e neste sentido pode crear problemas para aqueles que teñen unha concepción centralista do Estado, e que o respecto polas linguas do seu territorio pode estar nos papeis, pero non na realidade dos e das habitantes.
 
Esta é a verdadeira razón de fondo: o perigo que pode supoñer a conversión da identidade lingüística en dereitos políticos con efectos prácticos.
 
4. Algunhas iniciativas levadas a cabo sen moito entusiasmo administrativo
Un acordo entre a Xunta de Castela e León e a Xunta de Galicia, asinado en 2007, permitiulle ao alumnado berciano cursar unha vía de estudo no bacharelato en galego, o que abre unha pequena xanela ao galego en catro centros educativos do Bierzo.
 
Infórmase de que  200 alumnos terán acceso polo menos a unha materia en galego na comarca berciana en secundaria e bacharelato. Esta vía permite a obtención do título coñecido como CELGA III e posibilita que os que o posúan poidan acceder aos concursos públicos ofertados pola administración en Galicia.  Dito doutro xeito: sen a obtención deste título non hai posibilidade de participar en ningún concurso público na Comunidade Autónoma de Galicia.
 
O director xeral de Planificación Educativa de Castela e León, Javier  Serna,  e a secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, fan público este compromiso en xuño de 2006:
 
As administracións educativas de Galicia e Castela e León comprometéronse a estudar un modelo para implantar o galego en centros de bacharelato da comunidade veciña a partir do curso 2007-2008.
 
Véxase o xornal La Voz de Galicia, 22 de xuño, ano 2006
 
Ten especial relevancia o Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo (2001-2005), asinado entre a Xunta de Galicia e a Xunta de Castela e León o 18 de xullo de 2001. Ese acordo permite que os e as estudantes de certos niveis do ensino obrigatorio non só poidan cursar a materia de lingua galega, senón que poidan optar por un módulo en lingua galega para o estudo doutras materias que tratan aspectos históricos e culturais.
 
Desde os primeiros anos e ata a actualidade prodúcese cada ano un progresivo incremento no número de matrículas. E tal cousa acontece non só en centros de educación primaria, senón tamén en estudos de secundaria.
 
Recolle o xornal La Voz de Galicia en 2006 que desde o ano 2001, en virtude do sinalado no Acordo de Cooperación para a promoción do idioma galego no Bierzo, o número de estudantes que reciben clases en galego en Castela e León foise incrementando ata superar os 800, e achéganos o número de colexios públicos de infantil e primaria nos que se imparte: un total de 12, situados nas localidades de Cacabelos, Carucedo, Corullón, Ponte de Domingo Flórez, Toural dos Vados, Vilafranca do Bierzo, Toural de Meraio, Ponferrada e Camponaraia.Tamén nos ofrece a cifra de estudantes de galego en secundaria, un total de 57, distribuídos en catro institutos de Ponferrada, Vilafranca do Bierzo e Cacabelos.
 
Véxase o xornal La Voz de Galicia, 22 de xuño, ano 2006
 
Cómpre ter en conta que nalgúns colexios da contorna, como por exemplo a escola de Veiga de Valcarce, non se puido implantar o estudo do galego pola oposición frontal dos equipos directivos e a pesar dos pedimentos de moitos pais e moitas nais.
 
Por proximidade e semellanza destacar tamén algún caso acontecido na veciña Zamora. Na escola Tuela-Bibei de Lubián introduciuse o galego, mais non se deu introducido o seu estudo no instituto Valverde de Lucerna da Pobra de Seabra/Puebla de Sanabria, por oposición da dirección do instituto e da maioría do claustro. Deste xeito, os rapaces e rapazas das Portelas de Zamora non poden estudar galego nin en Secundaria nin en Bacharelato porque non quere a maioría do profesorado do seu instituto.
 
O 15 de xullo de 2011 a Xunta de Galicia fai pública a seguinte nota:
 
Un total de 966 estudantes de Educación Infantil, Primaria e Secundaria cursa o idioma en 17 centros -13 de Infantil e Primaria e 4 de ESO-. Ademais, a Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada  atende un número importante de estudantes que cursan a lingua galega.
 
Véxase a páxina  web da Xunta de Galicia, 15 de xullo, ano 2011
 
 

5. Ataque ao estudo do galego no Bierzo
 
5.1 Curso 2013-2014
 
O 7 de outubro lemos unha noticia no blog O mego da Escola, na que a Comisión Cultural Martín Sarmiento mostra os seguintes datos:
 
Volven superarse os máis de 1.000 alumnos que cursan en total, contando coa educación primaria, unha materia en galego no Bierzo e nas Portelas”, comarca esta última situada en territorio administrativamente leonés, ao noroeste da provincia de Zamora e na que  historicamente se fala o galego.
 
A poucos días de comezar o curso escolar 2013-2014, a Consellería de Educación da Xunta de Castela e León tomou a decisión de suprimir a vía en galego no IES Bergidum en Cacabelos e posteriormente no IES Europa en Ponferrada.  De catro centros que ofrecían esta posibilidade pasouse unicamente a dous.
 
A vulneración de dereitos que tal situación provocou foi denunciada polo consello escolar e as asociacións de nais e pais do alumnado. Distintos colectivos manifestaron a posición contraria á decisión adoptada, entre eles a Real Academia Galega, quen lles pide ás administracións galega e leonesa  que non haxa ningún alumno e ningunha familia berciana que, desexando voluntariamente recibir clase de galego a través do programa existente, sexa obrigada a escoller outras optativas.
 
5.2 Ataque ao estudo de galego e portugués na EOI Ponferrada
 
O estudo de galego e portugués no Bierzo corre tamén serio  perigo na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, onde, no curso académico 2014-2015, segundo recolle o xornal El Eco del Bierzo o 8 de outubro, a cuestión débese de novo aos recortes orzamentarios da Xunta de Castela e León. Denuncia o xornal que a pesar de haber alumnado abondo para impartir o primeiro curso de galego na EOI, non se lles garante aos interesados as clases destes idiomas durante o novo curso 2014-15.
 
5.3 Unha picada dereita ao corazón:  orde do día 4 de maio de 2015 pola que a materia de Lingua e Cultura Galegas queda fóra do horario lectivo e relegada a materia de libre configuración autonómica
 
A Consellería de Educación da Xunta de Castela e León bota fóra do currículo de Bacharelato a  materia de Lingua e Cultura Galegas.  Segundo a nova orde educativa, do día 4 de maio 2015, será considerada materia de libre configuración autonómica e impartida en horario non lectivo. O alumnado que a escolla terá tres horas máis en 1º Bacharelato e 4 horas máis en 2º de Bacharelato.
 
Isto equivale simplemente a eliminar definitivamente a lingua galega dos estudos de Bacharelato no Bierzo. Pensa alguén con sentido común que o alumnado vai engadir tres ou catro horas semanais máis ao seu currículo? Pensa alguén que a esa idade se van levantar unha hora antes que para iren ás clases ás 8 da mañá, podendo comezar ás 9?
 
Isto significa que quen realice os seus estudos no Bierzo xa non terá a posibilidade de acceder directamente e de maneira regrada á consecución do Celga III, que lle permitiría participar nos concursos públicos da Administración Galega.
 
6. Conclusión
 
Estamos pois diante dunha serie de medidas executadas pola Xunta de Castela e León, pero coa conivencia e pasividade da Xunta de Galicia, que non levou a cabo ningunha xestión eficaz para evitar este proceso gloticida do galego no Bierzo.
 
Son evidentes os danos para a poboación escolar dese territorio, pero é máis grave o empurrón que con estas medidas se está dando á morte do galego no Bierzo, carente de todo tipo de promoción e de protección real.
 
E disto son responsables tanto a Xunta de Castela e León, que desta maneira considera que evita o xerme do que pode ser un problema político de identidades, como a Xunta de Galicia, que non se implica na promoción nin na defensa do galego no Bierzo porque non lle ten rendemento electoral. Se a Xunta de Galicia está empeñada nun programa de desmantelamento de todo trazo de identidade diferencial  na propia Galicia, non verá con malos ollos que a súa homóloga Xunta de Castela e León faga o propio no seu territorio administrativo. O obxectivo da eliminación da lingua é o mesmo.
 
Por que os gobernos de Galicia e Castela e León teiman en facer desaparecer o galego do ensino berciano? Será porque aquí non lle tira rendemento electoral aos investimentos feitos fóra e que aló se teme que detrás da lingua, unha “arma cargada de futuro” agromen outro tipo de reivindicacións?
 
ProLingua

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript