Xuño de 2015
 
 

NÚMERO 278 - 22/06/2015

   CUTUDC / Novidades

  CONFEDERACIÓN DE ANPAs GALEGAS
 

Concentracións pola gratuidade universal dos libros de texto e material escolar

O pasado luns 15 de xuño, ás 20:00 horas realizáronse varias concentracións ao longo do noso País nas que, ademais de reivindicar o sistema de préstamo universal dos libros de texto e o material escolar, protestouse pola implantación, por parte da consellería de Educación, do sistema de axudas mínimas e o ficticio fondo solidario. Nas concentracións leuse este manifesto.

 

  • Noticias relacionadas

 

Manifesto para as mobilizacións
 
O Ensino Público é unha realidade imprescindible na nosa vida, é a garantía de que os nosos fillos e fillas terán futuro, e que todas e todos o terán nas mesmas condicións e cos mesmos dereitos. Para que isto sexa así nós, as familias, traballamos todos os días, para que o Ensino Público mellore constantemente e para que ninguén quede fóra del.
 
Nós sabemos que no Ensino Público non pode haber diferenzas porque queremos que os nosos fillos e fillas medren en igualdade, e porque entendemos que a súa educación debe estar ao marxe das diferenzas económicas, por iso defendemos sempre que TODO o ensino público ten que ser gratuíto, e podemos dicilo e esixilo porque nós, a xente deste País, somos quen aportamos cos nosos impostos todo o diñeiro público, e debemos ser nós tamén quen decidamos en que e como se vai utilizar ese diñeiro.
 
Pero é necesario que aqueles a quen escollemos para que organicen a administración da vida en común actúen de acordo co que nós decidimos, porque foi para iso para o que os escollemos, e escoiten e entendan que:
 

  • Todos os nenos e nenas desta Nosa Terra teñen dereito a un ensino público gratuíto
  • Dentro dese ensino público gratuíto teñen que estar incluídos todos os libros de texto.
  • Identificamos libros de texto con calquera material didáctico adaptado que calquera neno ou nena poida necesitar, e reclamamos tamén a súa gratuidade.
  • Eses libros e material son de todos, e queremos recibilos só en préstamo mentres os necesiten os nosos nenos e nenas, para que logo volvan aos seguintes e así mentres sexan utilizables.
 
E repetímolo, por se non se nos entende:
 
As FAMILIAS E AS ANPA QUE FORMAMOS A FEDERACIÓN… E A CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS
 
ESIXIMOS A VOLTA A UN SISTEMA DE PRÉSTAMO UNIVERSAL E GRATUITO DO LIBROS DE TEXTO OU DO O MATERIAL QUE OS SUBSTITÚA,  SEN QUE DEPENDA DAS RENDAS DAS FAMILIAS, SENÓN QUE SEXA O MESMO PARA TODO O ALUMNADO GALEGO.
 
ESIXIMOS TAMÉN A GRATUIDADE ABSOLUTA, SEN QUE DEPENDA DE NINGUNHA CONDICIÓN PERSOAL NIN ECONÓMICA, DE TODO O MATERIAL DIDÁCTICO ADAPTADO QUE PRECISE CALQUERA NENO OU NENA GALEGOS.

 

 

 

 

 


CUT da UDC . SEMPRE DO LADO DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES

cutudc.com, 2009. Publicado baixo licencia Creative Commons DHTML Menu By Milonic JavaScript